Venres 29 Marzo 2024

Un bólido cruza o ceo da Coruña e extínguese a 16 quilómetros da costa

As cámaras da Casa das Ciencias detectaron o meteoro, procedente dun cometa, na noite do sábado 10 de setembro

O ceo de Galicia volveu ser testemuña do paso dunha brillante bóla de lume. O meteoro, rexistrado por unha das cámaras da Casa das Ciencias, quedou inmortalizado ás 23.33 horas do sábado 10 de setembro. Segundo os datos facilitados, iniciou o seu percorrido sobre o mar Cantábrico, nun punto situado a 115 quilómetros da costa asturiana. A partir de aí avanzou cara ao suroeste, extinguíndose no Atlántico, a uns 16 quilómetros do litoral da Coruña.

O bólido quedou rexistrado grazas a un detector instalado hai uns meses na Casa das Ciencias. O aparello forma parte da Rede de Bólidos e Meteoros do Suroeste de Europa (Rede SWEMN) que, ao mesmo tempo, integra o Proxecto SMART, coordinado dende o Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) polo investigador José María Madiedo. O seu principal obxectivo é rexistrar de maneira continua o ceo para estudar o impacto contra a atmosfera terrestre deste tipo de rochas procedentes de diferentes lugares do sistema solar.

Publicidade

O meteoro procedía dos restos dun cometa

Segundo os datos recabados dende SMART e a súa posterior análise, determinouse que a rocha que orixinou o fenómeno entrou na atmosfera da Terra a uns 237 quilómetros por hora. O brusco roce a tan alta velocidade fixo que a superficie da rocha se quentase e se volvese incandescente, xerándose así a bóla de lume que se extinguiu preto da Coruña. Tamén se confirmou que o meteoro procedía dun cometa, aínda que, de momento, non se sabe de cal procede.

Amais disto, o fenómeno astronómico non só foi captado polo detector da Casa das Ciencias, senón tamén por outros aparellos —tamén pertencentes ao Proxecto SMART— instalados nos observatorios de El Guijo (Madrid) e La Hita (Toledo). A detección simultánea dende estes tres lugares permitiu triangular a traxectoria da bóla de lume.

Que son as bólas de lume?

As bólas de lume son fragmentos ou pequenas rochas que tamén reciben o nome de meteoroides. Na súa maioría non superan o tamaño dun gran de area e cando entran na atmosfera terrestre a gran velocidade vólvense incandescentes, producindo o que se denomina tecnicamente como “meteoros” e popularmente como “estrelas fugaces”. Mais hai outros fragmentos, dun tamaño comparable ao dun chícharo, que xeran meteoros moi brillantes que se coñecen como “bólidos” ou “bólas de lume.

Este tipo de fenómenos non son infrecuentes. De feito, dende a web do Proxecto SMART —onde se fai un recompilatorio dos bólidos rexistrados polas diferentes estacións da península— advirten de que “debido á gran cantidade de eventos rexistrados” só se inclúe unha selección destas bólas de lume. De igual modo, con frecuencia hai vídeos ou fotografías que testemuñan o paso destes bólidos, como foi o caso do máis brillante que cruzou o ceo galego en 2019. Polo tanto, non son fenómenos atípicos pero, case sempre, son igual de sorprendentes.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.