Publicidade

Así se viu o bólido que cruzou o ceo de Galicia a principios de maio

A brillante bóla de lume era un fragmento de roca procedente do cometa Halley e percorreu 73 quilómetros a unha velocidade de 240.000km/h

Unha brillante bóla de lume cruzou rapidamente o ceo de Galicia a principios deste mes. Un forte escintileo iluminou o firmamento ás 6.18 horas do 8 de maio. Varias semanas despois, a Casa das Ciencias da Coruña, un dos observatorios dende o que se detectou o bólido, confirma que se trataba dun fragmento de roca procedente do cometa Halley que cruzou o ceo a unha velocidade de 240.000 km/h e percorreu 73 quilómetros. Dende a institución aseguran que a bóla de lume foi tan luminosa que se puido ver dente todo o norte e centro da península ibérica.

Segundo continúan detallando, o bólido tiña un tamaño superior ao dunha noz que, ao entrar na atmosfera, xerou a intensa bóla de lume. Iniciouse a unha altitude duns 115 quilómetros sobre a ría de Arousa e dende alí avanzou en dirección noroeste e extinguiuse a unha altitude de 85 quilómetros sobre o Atlántico. Xusto neste punto, o bólido desintegrouse totalmente e ningún dos seus fragmentos chocou contra o chan.

Publicidade

O proxecto SMART

Sábese que o bólido cruzou o ceo de Galicia grazas un detector instalado hai uns meses nunha das terrazas da da Casa das Ciencias. O aparello forma parte da Rede de Bólidos e Meteoros do Suroeste de Europa (Rede SWEMN) e que, ao mesmo tempo, integra o Proxecto SMART, coordinado dende o Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC). O seu principal obxectivo é rexistrar de maneira continúa o ceo para estudar o impacto contra a atmosfera terrestre deste tipo de bólidos, ou rocas, procedentes de distintos lugares do Sistema Solar.

A persoa encargada da análise desta bóla de lume, protagonista do ceo galego de comezos de maio, foi o astrofísico do IAA-CSIC José María Madiedo. El foi quen determinou a que velocidade entrou na atmosfera, así como a súa procedencia: é dicir, o bólido era un fragmento de Halley. Tamén se confirmou a súa asociación cunha choiva de estrelas rexistrada entre mediados de abril e finais de maio: son as Eta-Acuáridas, tamén fragmentos que desprende o cometa.

Publicidade

A bóla de lume está asociada á choiva de estrelas das ETA-Acuáridas

Amais disto, o fenómeno astronómico non só foi captado polo detector da Casa das Ciencias, senón tamén por outros aparellos —tamén pertencentes ao Proxecto SMART— instalados nos observatorios de El Guijo (Madrid) e La Hita (Toledo). A detección simultánea dende estes tres lugares, tal e como se explica neste vídeo, permitiu triangular a traxectoria da bóla de lume e, tamén, obter a súa procedencia.

Que son as bólas de lume?

Segundo explican dende a Casa das Ciencias, os fragmentos ou pequenas rocas reciben o nome de meteoroides. Na súa maioría non superan o tamaño dun gran de area e cando entran na atmosfera terrestre a gran velocidade vólvense incandescentes, producindo o que se denomina tecnicamente como “meteoros” e popularmente como “estrelas fugaces”. Mais hai outros fragmentos, dun tamaño comparable ao dun chícharo, que xeran meteoros moi brillantes que se coñecen como “bólidos” ou “bólas de lume”, como o que cruzou o ceo galego a comezos de maio.

Este tipo de fenómenos non son infrecuentes. De feito, dende a web do Proxecto SMART —onde se fai un recompilatorio dos bólidos rexistrados polas diferentes estacións da península— advirten de que “debido á gran cantidade de eventos rexistrados” só se inclúe unha selección destas bólas de lume. De igual modo, con frecuencia hai vídeos ou fotografías que testemuñan o paso destes bólidos, como foi o caso do máis brillante que cruzou o ceo galego en 2019. Polo tanto, non son fenómenos atípicos pero, case sempre, son igual de sorprendentes.

O bólido máis brillante do ano pasou sobre Galicia o 30 de marzo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O risco de impacto dun asteroide contra a Terra en 2032 é o maior xamais prognosticado

A rocha espacial 2024 YR4, que podería arrasar unha cidade, aumentou ata un 3,1% a súa probabilidade de chocar contra o planeta

As curiosas imaxes do asteroide que podería impactar contra a Terra en 2032

O obxecto, cun ancho de entre 40 e 90 metros, ten unha probabilidade do 2,3% de chocar contra o noso planeta

A eclipse total que somerxerá a parte de Galicia na sombra nun minuto

O fenómeno astronómico terá lugar en 2026 e, a diferenza dos que sucederán en 2027 e 2028, será visible en todo o seu esplendor no norte

2024 YR4: o asteroide que podería impactar contra a Terra en 2032

O corpo celeste é semellante ao que impactou en Siberia en 1908, o cal causou unha enerxía explosiva de entre 10 e 20 megatóns de TNT