Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) celebra o Día Internacional da Lingua Materna coa xornada Contar a ciencia desde nós, un evento no marco do que a xornalista do portal Gciencia Laura Filloy ofreceu o relatorio Por que debes divulgar ciencia… e facelo en galego, e que tamén serviu de escenario no que a investigadora da Facultade de Veterinaria Uxía Yáñez Ramil presentou o monólogo científico Unha vaca moi intelixente.

A xornada conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna, unha efeméride, proclamada pola Unesco en 1999 e adoptada posteriormente pola ONU, que cada 21 de febreiro trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta, desenvolveuse nesta edición baixo o lema Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional.

Publicidade

O programa de actividades organizados na Facultade de Ciencias do Campus Terra puxo o foco na divulgación científica e na importancia que ten a formación científica en lingua materna e, nomeadamente, en galego. De feito, as intervencións de Laura Filloy e de Uxía Ramil deixaron constancia de que o galego é un idioma versátil tanto para contextos formais como informais, así como para o ensino e mesmo a divulgación científica.

Unha vez rematadas estas intervencións, a decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, acompañada do responsable de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco, e da secretaria do centro universitario lugués, Patricia Regal, procedeu á entrega dos premios da edición de 2023 do concurso Petiscos de Ciencia, unha iniciativa promovida desde a Comisión de Normalización Lingüística do centro lugués e orientada á participación de alumnado de ESO, FP e Bacharelato de todos os institutos de Galicia.

Publicidade

A segunda edición deste certame, no que o estudantado interesado tivo a oportunidade de participar coa presentación de vídeos inéditos de divulgación científica en galego cunha duración de entre 30 e 90 segundos, recibiu máis de 40 propostas. O xurado encargado de resolver o concurso, que gratifica as dúas candidaturas máis valoradas con premios en metálico de 200 e 100 euros, respectivamente, acordou outorgar o primeiro galardón a Diego Lois Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro de Silleda, polo vídeo O efecto Tyndall. A proposta audiovisual presentada polas alumnas Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín, baixo o título Neutrinos recibiu o segundo premio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE