Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

É rendible investir en ciencia? Aínda que pareza unha obviedade, é un deses principios que as veces cómpre explicar. Con ese propósito comezou este martes o debate Investir en Ciencia si é rendible: Impacto e retorno, que organizan Unirisco e Bio&Tech Smart Capital de Noso Capital. A dobre xornada, que conclúe este xoves, trata de impulsar o investimento en transferencia do coñecemento e poñer en valor a súa relevancia para o desenvolvemento social e económico. Tras un encontro pechado este martes para investidores, as xornadas continúan xa abertas ao público na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco, sinala a sensación xeral de satisfacción entre as persoas que están asistindo ao evento: “A primeira edición, que tamén se celebrou en Santiago, foi un pouco experimental, xa que naceu da inquedanza que tiñamos algúns investidores de España en xuntarnos e poder divulgar sobre a importancia de investir en ciencia. A idea era trasladar esta segunda edición a outras cidades, como Madrid, Barcelona, Málaga ou Zaragoza, mais todo o mundo pediu vir a Galicia. É un lugar cun ecosistema moi consolidado, algo que para os investidores de fóra da comunidade ten unha gran importancia”.

Publicidade

Así, a axenda da xornada incluíu a visita a lugares emblemáticos da cidade, como a Catedral e o Pórtico da Gloria, así como aos centros que integran este ecosistema, como o Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica ou o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Pola tarde, no salón de actos, os investidores asistiron a distintos relatorios arredor do contexto económico do ecosistema do investimento en España, os fondos de inversión da Xunta (Xesgalicia) ou os aspectos a mellorar na transferencia de tecnoloxía. Ademais, tamén tiveron lugar diferentes presentacións de proxectos.

“Este ano acompáñannos investidores de fóra de Galicia, por exemplo, a lanzadeira Marina de Empresas, que é a aceleradora de Mercadona e Juan Roig e que está visitando o ecosistema galego co obxectivo de coñecelo e poder interactuar máis con el. Todas as persoas ás que convidamos responderon positivamente porque sexamos de onde sexamos temos en común a inquedanza por resolver a opacidade e o descoñecemento da sociedade do sector industrial. Queremos darlle visibilidade ao esforzo que se leva facendo ao longo de tantos anos porque, como comentaba un dos relatores, España é o terceiro país en produción científica en publicacións, pero está no posto 30 en canto a transferencia e creación de empresas”, manifesta a directora xeral de Unirisco.

Publicidade

O reto do investimento

A problemática arredor da transferencia é a cuestión central da xornada de portas abertas de este xoves, na que intervirán representantes de nove universidades españolas e europeas e portavoces dos ecosistemas de ciencia e investimento de Madrid, a Comunidade Valenciana, Murcia, o País Vasco, Andalucía, Aragón e Cataluña, alén do caso galego.

“Cando temos unha doenza, todos queremos un tratamento, mais en realidade descoñecemos bastante sobre o investimento e a investigación tan necesaria que hai detrás. Por poñer o exemplo que daba Ángel Carracedo sobre a xenética, que pode definir unha diana terapéutica de maneira que o efecto dun fármaco concreto se multiplique, tamén no caso de enfermidades comúns”, explica Inmaculada Rodríguez.

“Temos que pensar a quen lle transferimos o coñecemento, que necesidades ten o mercado”

Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco

Precisamente Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, intervirá xunto con representantes de Ribera Salud, a Fundación Universidad Autónoma de Madrid e Fujitsu nunha mesa redonda arredor do investimento que dá vida.

“Ata o de agora sempre se primou a publicación contra a transferencia, sabendo que moitas veces son inimigas. Se un investigador anticipa e adianta achados ou investigacións que está levando a cabo está matando unha posible patente. Por outra banda, transferir significa buscar á outra parte: a quen se lle transfire o coñecemento? Que necesidades ten o mercado? Se as empresas e as universidades están de costas non existe comunicación, que era o que estaba ocorrendo. Os centros singulares axudan a que as empresas atopen o que precisan: persoas que lles faga descubrimentos de moléculas ou de solucións tecnolóxicas”, sinala Rodríguez.

Inmaculada Rodríguez.
Inmaculada Rodriguez, directora xeral de Unirisco.

Neste sentido, a directora xeral de Unirisco pon de exemplo as industrias convencionais como un aspecto obsoleto fronte a un investimento que busca desenvolverse como actividade económica, industrial e de creación de emprego e riqueza: “Hai uns anos montabamos empresas de parafusos. Agora facémolo de ciencia e tecnoloxía aproveitando o talento que hai no país”.

Novos modelos

Nun panorama en constante cambio e evolución, esta xornada tamén quere traer exemplos de éxito que poidan servir de inspiración e aprendizaxe para outras persoas. Así, outra das mesas redondas do día de portas abertas xirará arredor das novas formas de investimento.

“A forma convencional implicaba que o científico ou o tecnólogo tiña que construír a empresa e buscar un equipo de expertos en ciencia e en xestión. Nestes momentos atopámonos con que unha das carencias para transferir ou crear empresas é que o investigador non ten ganas de ser empresario. Así, aparecen figuras como os venture builders, construtores de empresas que se asocian cun investigador mentres que eles fan toda a parte económica, financeira, comercial e xurídica, repartindo porcentaxes da empresa. Logo tamén existen outras vías, como as aceleradoras ou o programa Ignicia, da Axencia Galega de Innovación. A idea é ter un acompañamento durante o camiño, porque montar unha empresa e que vaia ben non é doado”, di Rodríguez.

A importancia do factor tempo

Neste sentido, a directora xeral de Unirisco tamén sinala o factor do tempo, posto que é un recurso que debe ser aproveitado con eficiencia: “Cando dedicas o teu tempo á xestión, sendo outro o teu perfil, estás quitándolle tempo ao desenvolvemento da túa área. Ademais, hoxe en día os tempos son moi importantes e non podes permitirte estar 20 anos investigando para sacar algo adiante. Unha vez que arrancas é importante que vaias rápido”.

Por estes motivos, e para continuar inspirando con exemplos tanxibles, o evento concluirá cos premios á innovación, ao ecosistema e á Start-Up: “Sexamos científicos ou investidores, é importante ter un recoñecemento e saber que o que facemos está gustando. Queremos agradecer a distintas entidades o seu traballo e logros e esta tamén é outra forma de que a xente vexa que outros puideron facer ese camiño, que é posible”, explica Rodríguez.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

GCiencia lanza unha nova edición do ciclo de charlas ‘Ciencia en feminino’

O programa en colaboración coa Deputación de Pontevedra arrinca o mércores 4 coa entrevista da inmunóloga África González