Novos datos constatan a contaminación por nitratos na chaira da Limia

A Sociedade Galega de Historia Natural difunde análises nas que se superan en varias ocasións os límites legais nos sistemas de abastecemento

A publicación de novos datos sobre os niveis de nitratos procedentes da gandería na comarca da Limia, difundidos pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) volve poñer o foco na contaminación dos acuíferos da zona, que desde hai tempo levan denunciando entidades ecoloxistas e veciñais. As últimas informacións, obtidas pola SGHN despois de ser solicitadas análises á Xunta de Galicia, amosan “un incremento sostido da concentración media de nitratos no conxunto dos 24 abastecementos analizados”, “11 valores que sobrepasan o valor de alerta de 30 mg/litro” en varios puntos de análise e “nove valores que exceden o límite legal de 50 mg/litro de nitratos nas augas de consumo humano”.

Ante estes niveis, a SGHN lembra nun comunicado que nos últimos anos “advertiu en máis de 35 ocasións á Consellería de Medio Ambiente que a proliferación de granxas industriais na Limia estaba a ter consecuencias negativas sobre a calidade e a cantidade das augas”. Estas  advertencias derivaron en alegacións que, en palabras da asociación ecoloxista, a consellería “ignorou sistemáticamente”, outorgando “declaracións de impacto ambiental favorables a todos os proxectos de novas granxas industriais (ou ampliacións das existentes) na Limia”.

Publicidade

Niveis de nitratos na zona da Limia en análises realizadas entre 2017 e 2019. En vermello, niveis superiores ao límite legal; en amarelo, niveis superiores aos de alerta. Preme para ver con máis detalle. Fonte: SGHN.
Niveis de nitratos na zona da Limia en análises realizadas entre 2017 e 2019. En vermello, niveis superiores ao límite legal; en amarelo, niveis superiores aos de alerta. Preme para ver con máis detalle. Fonte: SGHN.

A problemática dos nitratos na chaira da Limia, na que existe unha intensa actividade agrogandeira, enfronta desde hai anos a industrias e colectivos ecoloxistas. Desde a SGHN lamentan que as administracións levan “anos ignorando o principio elemental de precaución e facendo caso omiso as advertencias reiteradas de SGHN”, con consecuencias que provocan “xa non só como un problema ambiental”, senón tamén “de saúde pública”.

Ante os niveis de nitratos rexistrados nas fontes de abastecemento municipal, a entidade pregúntase o que pode suceder coas augas dos pozos privados. “Recomendamos a aqueles veciños que consuman auga de pozos particulares que, canto antes, verifiquen si a auga é ou non potable polos niveis de nitratos”, ademais de solicitar colaboración para documentar outras posibles fontes de contaminación a través do correo sghn@sghn.org.

Publicidade

Investigan a orixe da contaminación por nitratos na conca do río Limia

Nitratos, un problema que non se arranxa

As análises agora difundidas pola SGHN foron solicitadas á Dirección Xeral de Saúde Pública en outubro deste ano despois de observar un aumento da concentración media de nitratos do 39% entre 2014 e 2017, chegando a multiplicarse por catro nalgúns puntos. Este mesmo verán, o concello de Sandiás tivo que comunicar en dúas ocasións que a auga non era apta para o consumo debido aos niveis de nitratos.

Ademais, a elevada presenza destes residuos procedentes da actividade gandeira está detrás de problemas como o que se atopa augas abaixo do río Limia, no encoro das Conchas, onde a eutrofización provoca a aparición de cianobacterias tóxicas, segundo constatan estudos realizados polo CSIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

A auga da túa billa está contaminada por nitratos? Compróbao neste mapa por concellos

O medio Datadista crea unha ferramenta interactiva sobre o impacto do composto químico, que xa afecta directa ou indirectamente máis dun millón e medio de persoas en España