Conta a lenda que baixo a parroquia de Argomoso, en Mondoñedo, está agochado o feudo do rei Cintolo. A crenza popular serviu para darlle nome á cavidade subterránea máis grande coñecida en Galicia. Malia que a Cova do Rei Cintolo foi descuberta en 1873, é unha gran descoñecida e hai numerosos interrogantes sobre a súa formación e evolución. Un estudo publicado recentemente por investigadores das universidades de Vigo e A Coruña verte luz sobre un dos misterios da cova: a calidade das súas augas. E conclúe que o Lago da Galería Central presenta contaminación por nitratos, un compoñente habitual dos fertilizantes. “A nosa hipótese é que proveñen dos xurros empregados para abonar prados nalgunha das zonas de recarga da cova”, asevera o espeleólogo e coautor do estudo Marcos Vaqueiro.
“Destacan as elevadas concentracións de nitrato detectadas nas augas do Lago da Galería Central, que son entre catro e cinco veces superiores ás rexistradas noutros puntos da cova“. Así o recolle a investigación publicada na revista Minius da UVigo. Unhas concentracións que, segundo defende Vaqueiro, nin buscaban nin agardaban encontrar. “A priori terían que ser augas relativamente limpas”, indica o investigador asociado ao Instituto de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal” da Universidade da Coruña. Mais os resultados das súas mostraxes, que buscaban caracterizar a dinámica das augas e das fontes que alimentan a Cova do Rei Cintolo, verteron luz sobre unha realidade sorprendente. E revelaron unha contaminación descoñecida nun dos grandes atractivos do turismo científico de Galicia.
Procedencia externa
“Non é unha contaminación brutal. Non son augas fecais”, matiza Vaqueiro. O seguinte paso é constatar a orixe da contaminación e determinar se é cíclica ou puntual. É dicir, facer un estudo máis exhaustivo para determinar se os niveis de nitrato do lago central están a afectar a fauna e os microorganismos que viven nesas augas. De momento, o único aspecto que teñen claro é que a contaminación provén de fóra, dado que eses niveis non se poden atribuír ás defecacións dos quirópteros que viven na cova. De ser así, tal e como explica Vaqueiro, tamén debería haber fosfatos. “Non aparecen. Son os xurros, que cando atravesan os solos, os seus fosfatos quedan retidos e son os nitratos os que flúen. O importante é identificar a fonte“, indica.
Porén, atopar o punto exacto de contaminación non é tan doado. As augas de recarga, é dicir, as que alimentan a cova, non teñen que estar enriba da cavidade, nin sequera preto. A través dun modelo dixital deseñado ao abeiro do proxecto Rei Cintolo: Obxectivo 11.000 m analizaron como se distribúen, orientan a inclinan as paisaxes e galerías polas que circulou a auga na antigüidade, así como as fisuras e discontinuidades dos distintos estratos. Grazas a este estudo, os investigadores poden estimar como flúen as augas con nitratos na actualidade. “Aproximamos a zona de onde podería provir as augas. O estudo apunta á vertente norte do afloramento, afastados máis de 100 metros da cova”, sinalan os autores.
Os nitratos poden chegar aos niveis máis profundos
A contaminación do lago central non queda aí, senón que é probable que os niveis de nitratos rexistrados nas súas augas acaden zonas máis profundas de Cintolo. “As augas descenderán cara ao nivel máis fondo da cova, que é tamén por onde circula na actualidade o río subterráneo“, engade Vaqueiro. A cuestión máis importante é determinar se a presenza de nitratos é un episodio puntual e acotado no tempo ou se é estrutural. “O problema é se se trata dun evento estacional ou repetido no tempo, pois hai que ter en conta que o lago ten un exutorio que desborda ao acadar o seu nivel máximo. Así, toda a auga limpa que entre no lago contribuirá a diluír e lavar o nitrato polo exutorio, que progresivamente se dispersará pola cova”, sinala experto, que forma parte do Clube de Espeleoloxía A Trapa (CETRA).
A cuestión está, por tanto, en que se os niveis detectados polo equipo foron un evento illado, o lago recuperarase. Pero se hai novas achegas con nitratos, as augas nunca se van limpar. Cada vez haberá máis contaminación que se espallará cara ao río da cova, a uns 58 metros de profundidade por debaixo do lago. “A clave está en previr novos eventos para que a cova se recupere paseniñamente. Para non afectar o lago, bastaría con reducir os abonos por riba de elevación dos 326 metros. O que non sabemos é se hai outras augas afectadas na cova”, sinala Vaqueiro. A reflexión é clara: se este río subterráneo, igual que os acuíferos, son os que alimentan as fontes e os mananciais, semella obvio que contaminar esas augas é contaminar a auga que se bebe.
Obxectivo 11.000 metros
O artigo publicado por Vaqueiro xunto a un equipo da Área de Xeografía Física da UVigo integrado por María Luz Rodríguez Blanco, Miguel Ángel Álvarez Vázquez e Elena de Uña Álvarez aumenta os coñecementos sobre unha cova popular pero moi descoñecida para a ciencia. É o proxecto Rei Cintolo: Obxectivo 11.000 m, que leva en marcha dende 2018, o que está a crear unha gran bagaxe de coñecemento científico sobre a cavidade subterránea máis grande de Galicia. Tras seis anos de traballo e 51 expedicións conseguiron crear un modelo dixital de 9.204 metros de cova e o obxectivo, como ben indica o seu nome, é chegar aos 11.000. Pero máis alá da cartografía, os descubrimentos sobre o reino de Cintolo sucedénse uns tras outros. A presenza de nitratos non é esperanzadora, pero establece o punto de partida para evitar o desgaste do mellor patrimonio espeleolóxico de Galicia.
Referencia: Explorando as augas da Cova do Rei Cintolo: resultados preliminares (Publicado en Minius)