Un equipo de Santiago abre o acceso a unha plataforma punteira para detectar biomarcadores

O sistema, pioneiro en Galicia e no noroeste peninsular, está dispoñible na páxina web do Instituto de Investigación Sanitaria compostelán

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) pon a disposición de investigadores, empresas e persoas interesadas unha plataforma para a detección de biomarcadores. O sistema é único en Galicia e no noroeste peninsular, e un dos poucos que hai en España. Actualmente pódese acceder a través da páxina web do IDIS, onde hai información sobre a tecnoloxía base da plataforma, Single Molecule Array (SIMOA), así como os prezos, servizos e a forma de acceder a eles.

O xefe de Neuroloxía do CHUS, José María Prieto, é o líder do grupo de INvestigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas do IDIS que está detrás desta iniciativa. A plataforma, que naceu en 2023, utiliza un sistema automatizado para a detección de biomarcadores en diversos tipos de mostras biolóxicas como plasma, soro e ouriños, entre outras. Faino a través dunha avanzada tecnoloxía de inmunodetección. Segundo explican dende o IDIS, a plataforma facilita a identificación precisa de concentracións mínimas de biomarcadores, a procura de novos marcadores e o desenvolvemento de ensaios innovadores para a súa aplicación na práctica clínica diaria.

Publicidade

Equipo tecnolóxico e humano

O equipo SIMOA atópase nunha sala con control de temperatura, que está equipada con conxeladores (-80 ºC e -20 ºC) e neveiras (4 ºC) para garantir o adecuado almacenamento de mostras e reactivos dos kits de análises. Ademais, conta cun equipo humano especializado e ofrece servizos analíticos e validación de ensaios para diversas patoloxías e biofluídos. Dende o equipo de Prieto ofrecen apoio no deseño e execución de probas diagnósticas de biomarcadores utilizando a técnica Single Molecule Array (SIMOA) en diversos tipos de fluídos biolóxicos, co fin de xerar coñecemento que poida ser publicado ou patentado.

Hai uns meses publicouse o primeiro estudo en España que medía os niveis periféricos de neurofilamento lixeiro en pacientes con depresión, empregando a tecnoloxía SIMOA. Con esta nova plataforma, o grupo pretende dar servizo á demanda do IDIS, doutros centros de investigación e, mesmo, das empresas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Unha investigación galega abre unha nova vía para mellorar o diagnóstico de tumores en tecidos brandos

O equipo de Radioloxía do CHUS e do IDIS combina por primeira vez a elastografía e a microvascularización para coñecer mellor o comportamento biolóxico das lesións