Un pioneiro estudo galego descobre un posible biomarcador da depresión maior

Un equipo do IDIS identifica unha proteína do sistema nervioso que se usaría como sinal para a detección precoz de procesos depresivos

A depresión é un trastorno psiquiátrico complexo no que interveñen múltiples factores psicosociais, xenéticos, epixenéticos e biolóxicos. Co fin de atopar biomarcadores que faciliten o diagnóstico desta patoloxía, o grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) publicou un estudo na revista Frontiers in Psychiatry. O artigo, pioneiro no seu campo, emprega unha proteína do sistema nervioso como posible biomarcador da depresión maior.

O estudo está liderado por Carlos Fernández Pereira, Roberto Agís Balboa e José María Prieto, este último xefe do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O obxectivo da investigación é detectar pequenas variacións nos niveis de neurofilamento de cadea lixeira (NFL), unha proteína do sistema nervioso que pode ser indicativa de dano axonal e que se usaría como biomarcador para a detección precoz de procesos depresivos. “Este achado permitiría unha estimación ou cuantificación do potencial dano cerebral, a monitorización e resposta ao tratamento, facendo posible así unha predición do curso clínico no trastorno depresivo maior”, sinala Roberto Agís.

Publicidade

Un diagnóstico baseado en escalas subxectivas

Actualmente, o diagnóstico da depresión e doutras condicións psiquiátricas baséase nunha serie de escalas subxectivas que avalían a sintomatoloxía dos pacientes. “En cambio, esta investigación apóiase nos biomarcadores periféricos (moléculas, xenes, proteínas) que poden ser medibles de forma obxectiva para reflectir un estado fisiolóxico alterado ou patolóxico, neste caso, o biomarcador que escollemos é o neurofilamento lixeiro”, explica o primeiro autor do traballo, Carlos Fernández.

Esta investigación únese á avaliación doutras proteínas que posúen potencial como biomarcadores na depresión, como a hormona do factor de crecemento da insulina IGF-2. “No mesmo contexto, varios proxectos en marcha do grupo ITEN están a usar a tecnoloxía SIMOA para o estudo das demencias e da esclerose múltiple, agardamos resultados prometedores nun futuro non moi afastado”, apuntan os investigadores.

Publicidade

Os niveis de neurofilamento lixeiro (NFL)

Os niveis de NFL atopáronse alterados en enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer, o párkinson e a esclerose múltiple, tanto en líquido cefalorraquídeo como en sangue. Con todo, o estudo do NFL periférico en trastornos psiquiátricos aínda non é suficientemente coñecido. “Neste caso, centrámonos no estudo de doentes con trastorno depresivo maior, baseándonos non só en que supón un potencial factor de risco para outras enfermidades neurolóxicas, senón tamén pola relación existente coa función cognitiva”, explican.

“No presente estudo non detectamos unha alteración estatisticamente significativa nos niveis de NFL nos pacientes con diagnóstico de depresión maior, a pesar dunha clara tendencia á alza con respecto ao grupo control”, apuntan desde o equipo investigador. Na literatura científica atopáronse resultados dispares, con algúns estudos que mostran niveis elevados de NFL en depresión comparado con controis sans, mentres que noutros non se viron cambios. En ningún caso se atoparon niveis reducidos. Algúns motivos que poden explicar estas diferenzas son o tamaño mostral, o tipo de técnica experimental empregada, aspectos demográficos como a idade, a distribución de sexos ou o índice de masa corporal, así como o estadio ou a severidade sintomatolóxica da depresión.

O tratamento farmacolóxico supón tamén un aspecto fundamental no estudo de biomarcadores nos trastornos psiquiátricos, por exemplo, como no caso de antipsicóticos no estudo de esquizofrenia. “Aspectos como o tipo de tratamento antidepresivo, a dose ou a combinación con outros fármacos como os antipsicóticos ou as benzodiacepinas, é de vital importancia á hora de analizar a súa potencial influencia nos niveis periféricos de NFL”, explican.

Técnica SIMOA

Dado que o neurofilamento lixeiro se atopa unhas 40 veces máis diluído en sangue, inicialmente tomábanse mostras do liquido cefalorraquideo. O proceso de obtención da mostra requiría dun procedemento denominado punción lumbar, un método altamente invasivo e incómodo para o paciente. Neste contexto, e grazas á técnica SIMOA, “é posible medir a concentración do neurofilamento lixeiro de maneira precisa en tecidos periféricos como o soro ou o plasma, simplemente a través dunha extracción de sangue”, explican. Esta metodoloxía de adquisición da mostra é moito máis rápida, barata e notablemente menos invasiva para os pacientes.  

Trátase do primeiro estudo realizado en España en medir os niveis periféricos de neurofilamento lixeiro en pacientes con depresión, empregando a tecnoloxía SIMOA. O Grupo ITEN do IDIS xestiona o SIMOA HD-XTM Automated Immunoassay Analyzer, o único equipo automatizado de Galicia e Noroeste. Deste tipo, só existen seis instalados en España e agora preténdese crear unha Plataforma SIMOA para dar servizo á demanda do IDIS, doutros centros de investigación e mesmo das empresas.


Referencia: Neurofilament light chain (NfL) plasma levels in Major Depressive Disorder: a brief research report (Publicado en Frontiers in Psychiatry)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

Por que a dor crónica provoca depresión nalgunhas persoas e noutras non?

As molestias agudas e persistentes xeran cambios no hipocampo, unha rexión do cerebro que actúa como centro de control e axuda a regular as respostas emocionais

Un equipo de Santiago detecta alteracións en marcadores sanguíneos asociados á depresión maior

O trastorno adoita vincularse cun maior risco de deterioración cognitiva pero non se coñecen con precisión os mecanismos biolóxicos que pode haber detrás