Santiago de Compostela é o escenario escollido para celebrar a 67 edición do Congreso da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN). O evento terá lugar do 21 ao 23 de outubro e reunirá no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia máis de 1.400 participantes, entre os que se contan profesionais do sector, persoal investigador das áreas e outros asistentes.
O xefe do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e Presidente do Comité Local do SEEN, Miguel Ángel Martínez Olmos, explica que entre as liñas que se tratarán no evento están as afeccións tiroideas, a menopausa e os Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA). “Tendo en conta as patoloxías máis prevalentes na nosa sociedade, serán especialmente relevantes as intervencións sobre os avances en investigación e tratamento clínico da obesidade, a diabetes e a desnutrición derivada das enfermidades”, explica Martínez Olmos.
O investigador é tamén o coordinador da área de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Dado que o encontro se celebrará na capital galega, entre os relatores e moderadores atópanse moitas das persoas que compoñen os grupos de investigación do centro biomédico. “O 67º Congreso da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición será unha boa oportunidade para mostrar a amplitude e a calidade da investigación que se desenvolve na nosa contorna, especialmente no ámbito das áreas de endocrinoloxía, de nutrición e de metabolismo”, declara Miguel Ángel Martínez.
Unha ponte entre a investigación e a práctica clínica
O principal obxectivo do congreso é servir como punto de encontro entre os profesionais —da práctica clínica e da investigación— que traballan a nivel estatal no campo da endocrinoloxía e da nutrición. “É un evento con moitas persoas destas áreas; xa estamos por enriba dos 1.400 inscritos, entre asistentes, practicantes, investigadores e docentes. Reunir esta cantidade de expertos permite que se poidan compartir moitas experiencias e comentar as novidades do ámbito“, explica Martínez Olmos. O investigador engade: “O obxectivo último é que ese coñecemento se traduza en melloras reais na prevención, no diagnóstico e no tratamento das enfermidades endocrinolóxicas e metabólicas, así como na atención nutricional dos pacientes”.
A experiencia dos 66 congresos previos volve o evento unha ponte plenamente consolidada entre a práctica clínica e a investigación. “Ao elaborar o programa tivemos en conta que existira esta distribución e se producira o diálogo. Concretamente, tivemos isto moi presente dende a área de endocrinoloxía e nutrición do IDIS: esta relación é un dos nosos puntos máis fortes”, conta.
O investigador apunta que entre as funcións deste encontro está a de reclamar a atención dos profesionais máis novos. “É moi importante que o congreso atraia investigadores que estean comezando a súa carreira; queremos que se incorporen con forza á profesión”, recoñece Miguel Ángel Martínez. Engade que para captar a atención do público que dá os seus primeiros pasos na endocrinoloxía ou a nutrición hai unha estratexia moi clara: ofrecer intervencións sobre as novidades e tecnoloxías máis punteiras para reclamar o interese das novas xeracións de profesionais.
Obesidade, diabetes e desnutrición, entre os temas a tratar
O Presidente do Comité Local do SEEN sinala que todas as intervencións teñen achegas relevantes para o contexto médico actual, e que abranguen unha importante variedade de temas e perspectivas: “Falaremos da investigación e o tratamento da obesidade, a diabetes e a nutrición clínica. Tamén celebraremos unha mesa redonda en torno aos TCA. Ademais, haberá relatorios sobre doenzas tiroideas e patoloxías relacionadas coa hipófise”, enumera o investigador. Engade que tamén se abordará o tratamento endocrino das persoas tranxénero, as implicacións da menopausa, de afeccións óseas e musculares, etc.
A localización do evento facilita que haxa unha importante representación dos proxectos de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. “No IDIS traballamos en liñas complementarias que abranguen dende a investigación básica e molecular ata a investigación translacional e clínica“, asegura Miguel Ángel Martínez. O investigador detalla que destacan, en especial, as propostas sobre o estudo dos mecanismos que regulan o equilibrio enerxético, o apetito e o metabolismo da glicosa; a investigación sobre a obesidade e as súas complicacións metabólicas; e o estudo da enfermidade hepática esteatósica asociada á disfunción metabólica, “co obxectivo de comprender mellor os seus mecanismos e identificar novas vías terapéuticas”, apunta.
Así e todo, o investigador subliña que a contribución do equipo de Santiago ao congreso vai máis alá da presentación de comunicacións científicas. “Participamos tamén nos órganos científicos e organizativos, nas moderacións e nas sesións como relatores“, indica. Engade que toman parte de intervencións en campos como o risco lipídico; o hepatocito como célula inmunoendócrina; e contribúen en ámbitos como as lipodistrofias, a obesidade, novos biomarcadores, a sarcopenia diabética, os trastornos da conduta alimentaria, as enfermedades tiroideas, hipofisarias, do metabolismo fosfo-cálcico ou a atención ás persoas transxénero. “Esta participación amosa a integración dos nosos equipos na comunidade científica da SEEN e a súa contribución á actualización do coñecemento“, declara Miguel Ángel Martínez.
A importancia de avaliar o risco nutricional
Do mesmo xeito, pon o foco na investigación en nutrición clínica, “particularmente a relacionada co risco nutricional, coa desnutrición relacionada coa enfermidade e a valoración morfofuncional“, precisa Martínez Olmos. A este respecto, sinala que teñen como obxectivo xerar coñecemento en torno ás ferramentas de identificación de pacientes en risco, de atención nutricional durante os periodos de hospitalización e de continuidade asistencial. En especial, buscan lograr resultados clínicos máis precisos e ofrecer unha xestión da asistencia sanitaria de calidade.
“O programa científico inclúe exemplos concretos destas liñas, como traballos sobre mecanismos moleculares implicados na enfermidade hepática metabólica, novas posibles ferramentas de caracterización desta patoloxía e unha análise comparativa do risco nutricional hospitalario tomando como referencia o proxecto internacional nutritionDay [unha iniciativa global para avaliar a malnutrición en hospitais e residencias de persoas maiores]”, explica o investigador.
Resolver os problemas diarios da práctica clínica
Miguel Ángel Martínez sinala que unha das principais achegas do congreso é establecer unha conexión entre investigación básica e práctica clínica coa fin de propoñer solucións aos problemas que se afrontan a diario no exercicio da profesión. Pon como exemplo a comprensión dos mecanismos moleculares que regulan o metabolismo: “Permite identificar posibles dianas terapéuticas, formular novas hipóteses e, a medio e longo prazo, avanzar cara a unha atención máis personalizada”. Así e todo, lembra que será importante realizar distincións entre resultados preclínicos ou exploratorios e aplicacións xa validadas.
Sinala tamén a investigación sobre o equilibrio enerxético e o metabolismo da glicosa —”que permite profundar na complexa regulación do metabolismo e nas interaccións entre os distintos órganos e sistemas”, apunta— e, xa na perspectiva asistencial, sobre o impacto da hospitalización no risco nutricional. “A investigación en nutrición clínica ten unha repercusión directa na calidade asistencial, porque detectar e abordar a tempo o risco nutricional pode contribuír a mellorar a evolución dos pacientes, explica Martínez Olmos.
Achegas inéditas que verán a luz no congreso
O programa recolle traballos científicos concretos desenvolvidos por equipos de diferentes entidades. Entre eles figuran os estudos sobre novos mecanismos e biomarcadores na enfermidade hepática metabólica, así como a análise do risco nutricional durante a hospitalización, elaborados polo persoal de Santiago. “Estas comunicacións permitirán dar a coñecer os avances dos grupos e compartir os seus resultados coa comunidade científica, favorecendo a discusión e o intercambio de ideas con outros equipos”, asegura o investigador.
O coordinador da área de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo do IDIS afirma que esta edición ten un valor especial para o persoal investigador de Santiago de Compostela. “É unha oportunidade para amosar non só a actividade científica dos nosos equipos, senón tamén a capacidade dos profesionais da área para colaborar, organizar e participar activamente nun congreso nacional de referencia. A investigación, a asistencia, a docencia e máis a multidisciplinariedade son dimensións inseparables do noso traballo, e queremos que esa conexión estea presente ao longo de todo o encontro”, conclúe Miguel Ángel Martínez.














