Martes 23 Abril 2024

A cova do Rei Cintolo, distinguida como a “Mellor Cova de Galicia 2022”

A gruta calcaria máis grande do país acaba de recibir a certificación por parte da axencia Observer

A Cova do Rei Cintolo, situada en Mondoñedo, é a gruta calcaria máis grande de Galicia e acaba de ser nomeada como “Mellor cova de Galicia, 2022” por Observer, axencia de turismo científico. Este destino foi explorado por primeira vez no século XIX e ao longo da súa historia foi obxecto de estudo de diferentes investigacións antropolóxicas. No ano 2019, a cova foi certificada por Observer como mellor destino científico da comunidade. O seu patrimonio natural, así como a boa xestión da súa conservación, foron algúns dos parámetros cos que Observer mediu a distinción desta cova, que finalmente foi nomeada como un dos seus destinos turísticos acreditados máis emblemáticos.

Ademais tiveron en conta características relacionadas coa capacidade divulgativa dos seus valores xeolóxicos nas visitas guiadas que ofrece, e a normativa que segue o Concello de Mondoñedo para regular as actividades científicas dentro da gruta, xerando así un interese crecente pola investigación e dando unha maior accesibilidade aos traballos alí realizados. Todo o anterior, sumado ao actual proxecto dunha nova ruta que, seguindo as demandas dos visitantes e promovendo sempre o patrimonio natural, conta cunha maior duración e chega ata a parte máis baixa e inexplorada da cova nas visitas guiadas.

Publicidade

Desta forma, Rei Cintolo segue un modelo de turismo científico pensado para todos os públicos, o feito de ofrecer visitas guiadas moi controladas, e en determinadas épocas do ano a grupos reducidos, implica estar sometida a certas normas. Existen máis controis que en calquera outra cova, o que axuda a optimizar as investigacións desenvolvidas sobre ela, e a mellorar a xestión e divulgación. As visitas guiadas deben ser reservadas a través do Concello de Mondoñedo, xa que a cova está pechada ao acceso libre. Despois da súa certificación no ano 2019, a cova do Rei Cintolo pasou a formar parte da rede de destinos turísticos de Observer, que xa conta con preto de 500.

A cova calcaria máis grande do noroeste peninsular

Cintolo é a cova calcaria máis grande de Galicia, cunha lonxitude superior aos 6 quilómetros de lonxitude, e cun desnivel de 75 metros. Estrutúrase en catro sectores: Sector Central, Zona Nova, Vía dos Apóstolos e Dédalo Sur. Pola súa cota máis baixa discorre o Río Celtas. Foi catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia como depósito de tipo Paleolítico. O seu primeiro explorador e estudoso foi José Villa-Amil, arqueólogo de Mondoñedo e figura clave da espeleoloxía en Galicia. En 1867, foi o primeiro en explorar de maneira científica e realizar a topografía de parte desta cova.

divulgación dos valores xeolóxicos durante as súas visitas guiadas. Fonte: Observer Turismo Científico
Entre as súas características máis destacadas está a boa divulgación dos valores xeolóxicos durante as súas visitas guiadas. Fonte: Observer Turismo Científico

A orixe da cavidade débese á acción da auga que vai disolvendo a calcaria, orixinando unha armazón de galerías polas que circula. Ademais, segundo indica a páxina web de Turismo da Xunta de Galicia, trátase dun refuxio de morcegos pertencentes a varios xéneros (Rhynolophus, Myotis…) e de interesantes e diferentes colonias de invertebrados, como algún crustáceo único do noroeste peninsular.

A Cova do Rei Cintolo tamén é obxecto de distintas lendas, como a que lle dá o seu nome. A máis popular das historias conta que o Rei Cintolo, dono e señor de todo o val de Brea, tiña unha filla chamada Xila, que estaba namorada dun conde. Pero un feiticeiro, celoso, sepultou o reino de Cintolo no interior da terra. Segundo explica a lenda, na actualidade, a princesa aínda está agardando a que un cabaleiro consiga desfacer o feitizo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización