Xoves 10 Outubro 2024

A verdadeira quinta provincia

Máis de 6.700 quilómetros cara abaixo e preto de 6.000 ºC no seu núcleo. Con eses datos parece imposible, ao menos de momento, chegar ata o centro da Terra. Tampouco na ficción resultou doado. Nas novelas máis famosas de Xulio Verne dan conta das dificultades, e nin sequera nelas, ao final, os protagonistas son capaces de acadar o centro. Pero iso non impide que a viaxe sexa igual de asombrosa, porque como un dos protagonistas de Viaxe ao centro da Terra lle di a outro: “Non hai nada que embriague tanto como a atracción do abismo”. Iso debe ser seguramente o que senten moitos espeleólogos, posto que a práctica desta ciencia encamíñase bastante cara aí, cara o estudo do máis profundo: as cavidades subterráneas.

Descenso a unha das covas lucenses.
Descenso a unha das covas lucenses.

As cavernas, afirman estes estudosos, son verdadeiras cápsulas do tempo que ofrecen información valiosísima de millóns de anos atrás: a orixe da vida, en moitos casos. E tamén a evolución do clima. Semella, polo visto, que dentro dunha cova ou sima, a división entre bioloxía, xeoloxía ou arqueoloxía, estudadas habitualmente por separado, é cada vez máis difusa.

Publicidade

Dende que se teñen rexistros ata hoxe, a sima máis profunda explorada e topografíada é Krúbera-Voronya (Georgia), e conta con 2.196 metros de profundidade descendidos en 2012 por un espeleólogo ucraniano chamado Guennadi Samojin. Un valente que ostenta o record mundial de descenso a unha cavidade subterránea. Sergio García-Dils, outro valente, neste caso español, descendeuna en 2015 ata os 2.144 metros. Unha pequena diferenza, si, pero aí abaixo cada metro conta e pode supoñer un novo record e achados ignotos.

En Galicia poden existir preto dun millar de cavidades subterráneas, un verdadeiro e abundante tesouro descoñecido aínda para a maioría. A quinta provincia, como acertadamente gusta de bromear ao noso colega Marcos Vaqueiro, ao que gravei falándonos de cavernas, dentro da Cova da Ceza, en Courel.

Publicidade

Marcos é enxeñeiro e cofundador do club Cetra, e está doutorado en xeoloxía cunha tese sobre covas en granitos. É un dos máis ferventes apaixoados deste deporte-ciencia que coñezo. Leva xa topografíadas máis de 90 covas galegas. Fai parte do noso grupo de traballo para a certificación como Destino de Turismo Científico Observer da Cova do Rei Cintolo, localizada en Mondoñedo.

Rei Cintolo é unha cova singular, de sete quilómetros, a única de Galicia preparada para ser visitada, aínda que só na súa parte inicial, uns 300 metros. Representa, en certo modo, o emblema da espeleoloxía galega, non só polas súas dimensións e xeodiversidade, senón porque foi a primeira en ser explorada con fins científicos. Facendo un pouco de historia neste ámbito, pódese dicir que os inicios da “espéleo” en Galicia van da man desta cova cárstica e do seu primeiro explorador e estudoso: José Villa-Amil, arqueólogo de Mondoñedo e figura clave da espeleoloxía en Galicia. El foi o primeiro, en 1867, en explorar de maneira científica e topografíar parte desta cova.

Despois de Villa-Amil, que abriu camiño en Galicia, comezou unha xa longa tradición agrupada na actualidade en clubes de espeleólogos pertencentes á Federación Galega de Espeleoloxía. Esta Federación editou durante anos a revista Furada, adicada á divulgación deste deporte-ciencia e dos seus principais achados no territorio galego. Vista dende hoxe, a revista ofrece información totalmente xenuína que doutra maneira sería difícil de atopar e aglutinar.

Plano realizado por José Villa-Amil.
Plano realizado por José Villa-Amil.

Na actualidade o clube Cetra proporciona unha interesante compilación de publicacións científicas, ademais de planos topografíados das principais covas e proxectos que van desenvolvendo. Un traballo técnico e científico verdadeiramente valiososo para quen precise obter boa información sobre esta temática en Galicia.

Aproveitando a Semana da Espeleoloxía promovida por Clube Peña Trevinca Montañeiros de Galicia e Cetra, decidín participar nunhas xornadas de divulgación que estes clubes desenvolveron en Val do Lóuzara e Courel. Nesta zona a cantidade de covas é notable; probablemente sexa esta serra onde máis cavidades se podan atopar en Galicia. Nós visitamos catro, dúas en Folgoso e outras dúas en Samos: Cova da Ceza, Cova Traslalastra ou Taro da Lastra, Cova Grande de Santalla e Cova dos Carballos II. Na mesma serra atópase a sima Aradelas, que cos seus 142 m de profundidade é a máis fonda de Galicia.

Tamén no Courel localízase a sima onde foi descuberta a pastora Elba e os seus uros, muller do mesolítico recentemente reconstruída polos investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (IUX) da Universidade da Coruña. Moitas son as publicacións, proxectos científicos e teses doutorais promovidas polo IUX e adicadas ás covas galegas: paleoclima, xeocronoloxía, paleontoloxía, pseudocarst, etc.

Para entrar en calquera das covas nomeadas, todas en estado salvaxe, é preciso levar equipamento axeitado: casco con luz, botas de goma, roupa impermeable e guantes adherentes. En outras moitas requírese corda, arnés e equipo de progresión vertical, ademáis dunha boa formación e preparación técnica. Son precisas tamén certas normas de conservación para non impactar máis do debido estes espazos formados hai centos de miles de anos.

Percorrer unha cova significa moitas das veces arrastrarse polo chan, gatear sobre barro ou auga, escalar rochas e meterse por pasos estreitos. Superados estes obstáculos, propios de calquera expedición que vala a pena, e xa con certo nivel de adrenalina no corpo, podemos atoparnos galerías impresionantes nas que cabería un camión enteiro, cheas de estalactitas e estalagmitas, gours ou mesmo lagos asombrosos, de auga limpísima duns 25 metros de profundidade, como o da Cova da Ceza.

O certo é que o mundo subterráneo é riquísimo, e completamente diferente ao que a nosa vista está acostumada a ver, por iso sorprende tanto. Non obstante, tamén é fráxil, e precisa de sensibilización da súa riqueza para un maior recoñecemento e respecto.

Case todas as covas de Courel, e tamén as do resto de Galicia, carecen de medidas de control físico para o seu acceso, isto provoca que nalgunhas delas, como na Cova Grande de Santalla, haxa multitude de pintadas vandálicas dificilmente eliminables. Noutras, pode acontecer que os achados de restos de animais fósiles e obxectos prehistóricos, corran o risco de ser total ou parcialmente espoliados, perdéndose información tal vez valiosa para todos.

No que respecta aos usos turísticos das covas, tantas veces controvertidos, agás Rei Cintolo, apta para o turismo, poucas covas presentan unha xeomorfoloxía sen riscos para afeccionados. Aínda así, son un recurso científico e divulgativo que debe buscar fórmulas para ser conservado e divulgado.

En Rei Cintolo, que optaron por un modelo de turismo científico pensado para todos os públicos, o feito de ofrecer visitas guiadas moi controladas, e en determinadas épocas do ano a grupos reducidos, implica estar sometida a certas normas. Hai maiores controis que en calquera outra, tanto nas limitacións de acceso físico como no relativo a medidas para protexer o propio karst. Que estea máis controlada tamén axuda a optimizar as investigacións desenvolvidas sobre ela, e a mellorar a xestión e divulgación. O resultado desta mellor xestión será un aumento de valor do recurso en si mesmo e do territorio do que forma parte.

A conclusión sempre é a mesma: a maior divulgación, maior concienciación e mellor conservación de todos os recursos naturais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:26

A cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia, xa ten vídeo 3D para reconstruír a súa historia

O equipo dirixido polo enxeñeiro e espeleólogo Marcos Vaqueiro deseñou un modelo dixital para estudar toda a diversidade do terreo

A cova do Rei Cintolo, distinguida como a “Mellor Cova de Galicia 2022”

A gruta calcaria máis grande de Galicia acaba de recibir a certificación por parte da axencia Observer

Vaqueiro: “A humanidade descoñece os valores que agochan as covas”

O investigador lamenta que “un neno galego saiba que en Asia aparecen velociraptores e non que en Galicia existiron panteras, mamuts ou osos cavernarios”

O espeleólogo divulgador, un valor á alza

Os días 15 e 16 de febreiro celébrase en Mondoñedo o curso de Guía turístico Observer® en Espeleoloxía, que achega o patrimonio científico das covas galegas