Hai 9.300 anos, unha pastora de entre 20 e 40 anos ía camiñando co seu rabaño de uros (uns devanceiros do boi) polo norte da serra do Courel. Levaba xa ás súas costas unha vida dura, do mesmo xeito que a tiveron moitos dos seus ‘veciños’ ao longo dos séculos: tiña secuelas dun traumatismo craneoencefálico, artrose e un déficit alimentario. Percorría o mesmo camiño que aínda hoxe seguen usando os habitantes da zona para superar os cumes e pendentes da serra, desde onde hai unha boa panorámica do entorno. Elba – así a chamaron porque significa na lingua celta ‘a que vén das montañas – e os uros ían de paso, xa que era unha zona rochosa, sen pastos de proveito. Había neve, igual non moita, pero a suficiente para agochar unha dolina, un burato vertical que se forma nos terreos calcarios. Non se sabe que pasou, pero Elba e os uros caeron ao fondo do burato, e xa non saíron ata máis de 9.000 anos despois, cando uns espeleólogos atoparon os seus restos no Chan do Lindeiro.

Foi o punto de partida dunha investigación na que participaron durante case 20 anos científicos de diversos eidos. O traballo culminou en 2016, e, o ano pasado, o número 39 dos Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe ofreceu unha serie de artigos sobre a historia de Elba. Na revista resumíanse os estudos que fixeron posible reconstruír como foi a vida e a morte desta pastora do Mesolítico. Este sábado 10 de novembro, os científicos regresarán ás terras de Elba para compartir a historia cos seus ‘veciños’. Celebrarase un encontro na Estación Científica do Courel, en Seoane, ás 10.30 horas.
Será unha ocasión única para escoitar a toda a xente que fixo posible este avance. “É difícil encontrar un equipo máis completo e especializado, e que ademais estea traballando en Galicia, non espallado polo mundo”, sinalan desde a USC, que xestiona a estación científica. Falarán no Courel Fernando Serrulla (forense), Marga Sanín, artista forense autora da reconstrución facial de Elba, Marcos Vaqueiro (espeleólogo), Gloria González (especialista en ADN e Bioloxía Molecular, Aurora Grandal (paleontóloga) e Juan Ramón Vidal Romaní (xeólogo).
A vida de Elba
Elba viviu nunha paisaxe moi distinta á Galicia de hoxe. O nivel do mar estaba 32 metros por debaixo do actual, polo que as rías nin sequera existían e eran simplemente vales fluviais que aínda non estaban asolagados polo mar. Pasara xa o máximo da glaciación, pero seguía indo máis frío ca hoxe. Por tanto, na montaña a vida era aínda máis dura.
En canto á súa vida diaria, as análises dos restos da muller e dos uros sinalan que, ao caeren no mesmo momento á furna, parece probable que entre eles houbera “un incipiente episodio de domesticación” semellante ao pastoreo.

O que se sabe dela está nos seus ósos, que foron estudados por Fernando Serrulla e Marga Sanín. Naquel día no que camiñaba polo Courel, tiña entre 20 e 40 anos e medía entre 150 e 152 centímetros. Antes de acabar a súa existencia naquel burato, xa tivera unha vida de penurias.
No cranio, por exemplo, hai sinais dunha hiperostose porótica no óso parietal, o que describe unha aparencia esponxosa que é habitual nos casos de desnutrición crónica. E ademais hai unha parte algo afundida, que se debe a un traumatismo que aconteceu antes da morte, e que lle causou unha pequena fractura e posibles secuelas.
Elba tiña serios problemas de saúde: artrose, malnutrición e posibles danos neurolóxicos por un traumatismo cranial
Os restos dos dentes tamén amosan sinais de deterioro. E as vértebras denotan unha artrose, “sorprendente nunha persoa aínda nova”, pero que se pode explicar co déficit alimentario. Para rematar, hai outra fractura por estrés nun metatarso, o que podería facerlle difícil camiñar.
En conclusión, Serrulla sinala que posiblemente os problemas de malnutrición comezaran xa na infancia, sobre os sete anos, e que marcaron o resto da súa vida ao debilitar os seus ósos de xeito irreversible.
A caída
A cova do Chan do Lindeiro xa existía moito antes de que Elba vivira. Pero a dolina pola que caeu xunto aos uros abriuse, posiblemente, na mesma época. Hai varias pistas que o explican. Os investigadores Juan Ramón Vidal Romaní, Aurora Grandal e Marcos Vaqueiro expoñen que “a apertura da dolina debeu de suceder posiblemente hai 9.300 anos, porque Elba e os uros apareceron no fondo da cavidade; é dicir, non existía un recheo na dolina antes da súa caída. E tamén se explicaría así a coincidencia na idade de apertura da dolina e dos restos fósiles o feito de que o trazado do camiño coincidira co oco no terreo, pois teríase desviado antes, impedindo a caída de Elba e dos uros”, aclaran.
Foi, por tanto, unha fatal coincidencia. O colapso da dolina e a posible existencia de neve que a ocultara puido provocar o accidente. Os restos apareceron a uns 20 metros de profundidade, xunto ao dun óso das cavernas que tamén caeu no burato. Era unha trampa natural que foi a tumba para moitos seres vivos, do mesmo xeito que o xacemento de Valdavara 3, en Becerreá.
A morte
Hai evidencias que sinalan que o burato no terreo polo que caíu apareceu no mesmo tempo no que viviu Elba
É difícil establecer con claridade a causa última da morte, segundo establecen Serrulla e Sanín no seu estudo. “As circunstancias do achado non nos permiten afirmar a existencia de fracturas traumáticas no período previo á morte. Porén, o exame dos bordos de fractura dos ósos indican que posiblemente non as houbo”.
Así, parece que as causas hai que buscalas na inanición e nas duras circunstancias previas da vida de Elba. “Hai múltiples sinais de problemas de nutrición” e, segundo indica o estudo forense, podería considerarse que o traumatismo craneoencefálico sufrido tempo antes do accidente causoulle a Elba “limitacións neuropsicolóxicas” polas cales, sumadas ás eivas físicas, “non sabía ou non podía alimentarse de forma axeitada nunha época xa de por si moi difícil para vivir no mundo”.
Con todos estes datos, Fernando Serrulla e Marga Sanín, que xa lle puxeran cara ao asasino Manuel Blanco Romasanta, realizaron unha aproximación facial de Elba que presentaron tamén na revista do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Sinalan, con todo, que é unha aproximación “cunha importante marxe de erro” debido, sobre todo, a ausencia de ósos da parte inferior da cara, a que corresponde ao rostro.
En todos estes detalles afondarase na sesión que terá lugar este sábado en Seoane do Courel.
Referencias:
Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe (nº39), nesta ligazón.
Interesante, creo que todo o descuberto no Caurel DEBE permanecer no Caurel.e o seu sitio e e donde deben vir pra ver a calavera os restos do Oso e o que sea, nada de levalos fora de Galicia.!!
Só unha pequena corrección.
Estamos falando da época paleolítica.
Das varias ducias de individuos atopados en Europa ós que se lles conseguíu extraer o ADN, todos eles tiñan os ollos azuis e a pel muy oscura. A reconstrucción que se publica aquí esta muy desfasada con respecto ó que sabemos sobre estas xentes. Os pómulos saintes si están salientados. Os arcos supraorbitáis e a fronte huidiza quizáis non están todo o marcadas que deberían.
Musso recomendariache que leras un pouco mais. Por exemplo o Caderno do Laboratorio Xeolóxico de Laxe nº 39 onde está todo o estudo científico realizado. Tamén recomendoche (Paleogenomic Evidence for Multi-generational Mixing between Neolithic Farmers and Mesolithic Hunter-Gatherers in the Lower Danube Basin. Current Biology, 2017, Vol 27,1-10. DOI:10.1016/j.cub.2017.05.023. A xenómica no caso de Elba demostra q
Musso recomendariache que leras un pouco mais. Por exemplo o Caderno do Laboratorio Xeolóxico de Laxe nº 39 onde está todo o estudo científico realizado. Tamén recomendoche (Paleogenomic Evidence for Multi-generational Mixing between Neolithic Farmers and Mesolithic Hunter-Gatherers in the Lower Danube Basin. Current Biology, 2017, Vol 27,1-10. DOI:10.1016/j.cub.2017.05.023. A xenómica no caso de Elba demostra queos seus ollos tiñan cor castaño e non azúis.
Bós dias,impresionante ,gosto moito da nosa historia grazas a esta equipa de profesionais por dar a coñecerer a Elba e por en valor unha terra fermosa como é o Courel.
Moi interesante, pena non poder ir a conferencia
Os meus parabens por este artigo tan acaido sobre o derradeiro día de Elba e o sue gado nesta terra. Noraboa ao periodista Manuel Rey.