As esperanzas esvaecíanse. Pasaban os días e a terra non falaba. Ata que a semana pasada, a punto de abandonar a escavación, o equipo atopou algo: unhas indicacións numéricas que se correspondían coas que aparecían recollidas no libro do cemiterio. “Estabamos cerca”, indica o arqueólogo Francisco Alonso. El foi unha das pezas fundamentais da exhumación no cemiterio de Rubiáns, en Vilagarcía. Unha actuación que só tiña un obxectivo: atopar os restos dos 18 asasinados entre 1936 e 1937 polos golpistas. As circunstancias eran complicadas. O propio recinto sufriu moitos cambios estruturais e a memoria oral parecía ter lagoas. Por fin, depois de máis dunha semana buscando, esta semana atopáronse os restos de tres persoas adultas.
Porén, o equipo pide prudencia. “Ata dentro de catro ou seis meses non imos coñecer a súa identidade. Non sabemos aínda se son os restos que buscamos ou non”, apunta o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, coordinador da actuación. Segundo explica, a escavación paralizouse. Non seguirán buscando, polo menos de momento, aínda que non se descarta a posibilidade de volver ao cemiterio de Rubiáns. “Habería que ir véndoo co tempo. Por exemplo, se os restos coinciden cos que buscamos”, apunta o tamén historiador da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Polo de agora hai que centrarse no presente. E esperar.
Unha actuación complexa
A exhumación iniciouse a comezos de novembro, pero tardaron máis dunha semana en atopar algo. Ante esta casuística, Fran Alonso teno claro: “Vilagarcía é unha foxa complicada. Adóitase pensar que unha foxa común é un burato con moita xente dentro, pero non é así. Son foxas individuais onde se enterra a xente con certa orde. Por exemplo, se traían o corpo dun mariñeiro que viña de China e que tampouco tiña familiares ía para a foxa común”. Alonso, tamén socio da empresa Tempos Arqueólogos, explica así a complexidade de atopar os corpos, xa non só polos cambios no cemiterio —construción de nichos e paseos— nin polos baleiros da memoria oral. Senón polas propias características desa foxa común.
“Aínda non sabemos se son os restos que buscamos ou non”
Ao parecer, eles pensaron, nun primeiro momento, que irían atopando cadáveres e descartando aqueles que non se puidesen corresponder cos dos 18 represaliados. “Na segunda semana, ao abrir toda a área, apareceu unha foxa co seu número de chapa. Esa foxa tiña o número 480. Entón estabamos cerca da 490 e da 494, que eran as que, segundo o libro do cemiterio, se poderían corresponder con algún dos represaliados”, sinala Alonso. Polo tanto, a realidade arqueolóxica estaba a coincidir coa realidade documental. E aí estaba a pista máis potente de todas as que conseguiron recabar en case dúas semanas de escavación.
Os restos de tres individuos
Continuaron cos traballos e atoparon os restos de ata tres individuos. É dicir, que os encontraron en tumbas que, aparentemente, poden ser do 1936. Pero nada máis alá que confirme a identidade dos corpos. “As familias e a asociación da memoria estaban defraudadas ao ver que sempre se dixo que estaban alí e, en realidade, parecía non haber nada”, afirma Alonso, en relación á primeira semana, cando non se atopara ningún resto. A este respecto, Fernández Prieto matiza que o único que eles queren, como investigadores, “é buscar”. “O extraordinario é atopar os corpos. Adoita ser moi difícil, e como exemplo diso xa temos a Lorca. Ninguén foi máis buscado nin máis coñecido”, puntualiza o historiador.
“O extraordinario é atopar os corpos. Adoita ser moi díficil, e como exemplo diso xa temos a Lorca. Ninguén foi máis buscado nin máis coñecido”
“Antes non se buscaban porque non se podía. E agora se non se atopan é porque alguén se empeñou en que fose así“, continúa afirmando o coordinador da actuación. A partir de agora cabe esperar os resultados das análises, saber a quen pertencen eses restos. E, tamén, onde están os demais. “Podemos barallar moitos supostos, pero non son máis que supostos. Pode que algúns deles nunca estiveran alí, que se desfixeran dos restos no 1943, que algunhas familias os retiraran sen que ninguén se enterase…”, relata Fernández Prieto. As circunstancias poden ser moi variadas. E ata o momento estamos lonxe de conseguir unha confirmación absoluta.
O contexto histórico
Outro dos aspectos que o historiador se detén a analizar é o contexto histórico. “Sabemos que, ata o ano 1943, estaban nunha foxa. Logo foron trasladados”. E nese mesmo ano cae o goberno de Mussolini e a Segunda Guerra Mundial está virando de bando. Logo chegará a fin da contenda, o suicidio de Hitler e os xuízos de Núremberg. “Hai que poñerse na mente dos que asasinaron ás vítimas no 1936 e no 1937. Supoñemos que estaban tomando as decisión necesarias para desfigurar todo o que fixeran“, aclara Fernández Prieto. Despois chegaron os anos 50 e seguíronse facendo cambios no cemiterio, alterando o espazo inicial no que foran enterrados os represaliados. E o único certo aquí é o seguinte: os únicos que sabían a verdade eran os seus asasinos.
“Hai que falar dos verdugos. Se só mencionamos ás vítimas facemos memoria pero non democracia”
Outra das peticións de Fernández Prieto é a de cambiar a perspectiva. Trocar as lentes e mirar ao pasado dunha forma diferente. Non só hai que fixarse nas vítimas, senón tamén nos asasinos. “Se queremos falar de memoria democrática hai que falar dos verdugos. É un tema tabú. Se só mencionamos ás vítimas facemos memoria pero non democracia“, reflexiona o historiador, que pide a comprensión dun contexto moi claro: quixeron borrar as pegadas daquelo que ocorreu.
Outros restos
Polo de pronto, os cadáveres de tres persoas adultas. E tamén outros restos que atoparon en zonas máis recentes. “Algunhas tumbas do 1936 estaban cortadas por outras posteriores dos anos 70 e 80. E estas atópanse entre ou debaixo das dos anos 80 e 90”, indica Francisco Alonso. Polo tanto, o arqueólogo asegura que hai posibilidades de que parte dos asasinados que están buscando se encontren nesa área de tumbas recentes. Algo que só contribuiría a complicar máis o seu labor. “Polo de agora a intervención está rematada. Se a reabrimos no futuro habería que ver como xestionamos os corpos da xente que está na foxa común dos 80 e 90”, explica Alonso.
“Polo de agora, a intervención está rematada”
Detrás de todo o esforzo escóndese un equipo multidisciplinar encabezado por Fernández Prieto, ao que acompañan outros nomes salientables como o antropólogo forense Fernando Serrulla, o xenetista Ángel Carracedo e o arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo. Unha actuación que se levou a cabo grazas ao convenio entre a Xunta de Galicia e a USC e que contou co financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.
Foxa en Crecente
A exhumación de Vilagarcía queda en suspensión, á espera dos resultados e das posibles actuacións que se decidan levar a cabo no futuro. O equipo xa ten a vista posta na próxima escavación, que está previsto que comece a vindeira semana en Crecente. Tamén ten as súas particularidades e complicacións, pero a ilusión e a esperanza sempre a manteñen viva. “O noso compromiso é buscar aínda que sexa difícil”, di Fernández Prieto. Talvez a constancia, o desexo e as ganas sexan o cóctel perfecto. Talvez tamén se precise un pouco de sorte para atopar os que sempre quixeron ser atopados. E talvez sexa necesario cambiar a perspectiva. Non só mirar as vítimas, tamén os verdugos. E quen sabe se cambiando as lentes, a terra saia do silencio.
A ciencia ao rescate da memoria dos 18 asasinados na foxa de Vilagarcía