A informática galega, protagonista nos Premios Nacionais da disciplina

O catedrático da USC Senén Barro, a spin-off da Universidade da Coruña Torusware e os titulados Adrián Pérez e Daniel Valcarce, galardoados en diversas categorías

A Sociedad Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA entregaron o pasado xoves en Madrid os Premios de Investigación, que conceden de forma anual. Porén, nesta ocasión tivo lugar o recoñecemento aos premiados en dúas edicións, xa que a de 2020 fora aprazada por mor da pandemia da Covid-19. Foi unha cerimonia na que a informática galega ocupou un destacado papel, toda vez que varias empresas e investigadores das universidades da Coruña e Santiago recibiron os seus galardóns en diversas categorías.

Torusware

Na edición de 2020, a empresa spin-off participada pola UDC Torusware recibiu o Premio Ramón Llull, “pola súa actividade no ámbito da computación de altas prestacións e a súa aplicación ao procesamento de grandes volumes de datos, o seu dinamismo e aposta pola I+D+i e polo seu impacto nacional e internacional”. Os profesores da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez e Guillermo López Taboada son os promotores da compañía.

Publicidade

Torus Software Solutions é unha empresa de solucións de software de comunicacións ultrarrápido que permite acelerar aplicacións en contornos en que o rendemento é crítico, en especial nos eidos financeiros, de telecomunicacións e de enerxía. Torus é unha Empresa de Base Tecnolóxica, recoñecida como tal pola Universidade da Coruña en marzo de 2013. Está participada pola UDC e a Fundación Barrié, así como por investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC. É o resultado das investigacións levadas a cabo polos promotores no campo das comunicacións de altas prestacións, o estreito apoio da OTRI da UDC e o financiamento recibido pola Fundación Barrié a través do Fondo de Investimento Ciencia, mecanismo creado para axudar á posta en valor e comercialización de tecnoloxías xeradas nas universidades e centros de investigación galegos.

Adrián Pérez e Daniel Valcarce

Na mesma cerimonia, á que asistiu o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, recibiron o seu galardón os titulados pola Facultade de Informática da UDC, Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce Silva, distinguidos cos Premios Investigadores Novos.

Publicidade

Adrián Pérez Diéguez, Digital Marketing Data Lead en Zara.com (Inditex), foi premiado “polas súas aportacións á computación de altas prestacións (HPC) que permiten procesar grandes volumes de datos (Big Data) mediante a adaptación de algoritmos para a súa execución en arquitecturas heteroxéneas”.

Daniel Valcarce Silva, Software Engineer en Google, pola súa banda foi recoñecido “polas súas aportacións no campo da recuperación de información e os sistemas de recomendación, que se reflicten nas súas publicacións de primeiro nivel, e que o levaron a formar parte dun equipo internacional que traballa na mellora de asistentes persoais utilizando técnicas de linguaxe natural e aprendizaxe automática”.

Senén Barro

Pola súa parte, tamén foi premiado no mesmo acto o catedrático de Ciencias da Computación da USC e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro. “É unha honra inmensa. O meu agradecemento ao xurado, á SCIE e á Fundación BBVA non só polo galardón, senón tamén porque a través dos premios nacionais prestixian a investigación española en informática”, destacou Barro ao recoller na sede da Fundación BBVA en Madrid un dos Premios Nacionais de Informática. Un recoñecemento de máximo prestixio, que as dúas organizacións conceden a investigadores, entidades públicas e privadas “que dedicaron o seu labor ao estudo, fortalecemento e divulgación da informática”.

Na súa intervención, o director do CiTIUS insistiu na necesidade de reforzar a investigación nesta área de coñecemento ante a oportunidade que se presenta no actual contexto histórico, coa crecente expansión da Intelixencia Artificial. “No ámbito da Intelixencia Artificial (IA), ou facemos unha investigación de calidade, pertinente e relevante, ou seremos insignificantes na tecnoloxía máis transformadora, social e economicamente, xamais desenvolvida”, reflexionaba Barro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento