A Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con outras oito universidades españolas, constitúe a Rede de Centros de Excelencia en Intelixencia Artificial Confiable e Responsable (ConfIA), unha alianza entre centros de investigación especializados en materia de intelixencia artificial. O obxectivo é fortalecer a colaboración científica, coordinar iniciativas estratéxicas e contribuír ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial aliñada cos valores europeos. Dende Galicia, a representación da UDC na Rede recaerá no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), un dos centros de referencia a nivel estatal en investigación en materia de intelixencia artificial, e no caso da USC impactará no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).
Tamén están dentro da rede o Centre de Recerca Intelligent Data Science and Artificial Intelligence (IDEAI-UPC), da Universitat Politècnica de Catalunya; o Centro de Investigación DaSCI (Data Science and Computational Intelligence), da Universidade de Granada; o Centro de I+D+i en Intelixencia Artificial (AI.nnovation Space), da Universidade Politécnica de Madrid; o Valencian Research Institute for Artificial Intelligence (VRAIN), da Universitat Politècnica de València; o HiTZ Center – Basque Center for Language Technology, da Universidade do País Vasco; o Centro de Intelixencia Dixital (CENID), da Universidade de Alacante; o Instituto Andaluz Interuniversitario en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial (DaSCI-UJA), da Universidade de Xaén e o Instituto Universitario de Investigación en Enxeñaría Informática (I3US), da Universidade de Sevilla.
Entre estes centros e os seus respectivos equipos facilitarase a colaboración, impulsando iniciativas conjuntas e a captación de financiamento competitivo. Ademais, fomentarase a mobilidade e a atracción de talento investigador, así como compartir infraestruturas e recursos, reforzando a transferencia de coñecemento e a colaboración coas empresas, as administracións públicas e a sociedade en xeral. Todo para crear sistemas robustos, seguros, transparentes, explicables, sostibles e respectuosos coa privacidade.
Organización en dous comités
A rede contará cun comité de Coordinación, formado polas reitoras ou reitores das universidades, e un Comité de Dirección Científico Técnico, integrado por unha persoa representante de cada institución académica. A UDC terá un papel destacado neste ano de lanzamento, xa que o reitor, Ricardo Cao, será o primeiro en presidir o Comité de Coordinación, que é o órgano encargado da dirección institucional da alianza. Pola súa banda, a catedrática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC Amparo Alonso exercerá a Secretaría do Comité de Dirección Científico-Térnico, responsable da planificación científica, a coordinación cooperativa e o seguimento das actividades da Rede.
A creación de ConfIA constitúe un marco de colaboración estable entre universidades líderes en investigación en intelixencia artificial e permitirá reforzar as capacidades dos seus centros, o impacto da investigación desenvolvida nesta materia e favorecer a unha maior proxección nacional e internacional da investigación española en IA.














