As altas temperaturas deixan 790 mortes en Galicia entre xuño e xullo

A Coruña é a provincia máis afectada, con 348 falecementos asociados á calor, seguida de Pontevedra, que suma 222

Con dous meses do verán xa completados no calendario, Galicia suma 790 falecementos atribuíbles ás altas temperaturas que prevaleceron entre xuño e xullo. Así o indica a plataforma Mortalidade Atribuíble por Calor en España (MACE), un espazo web elaborado polo CSIC e a Universidade de Valencia. Segundo os datos do portal, A Coruña é a provincia galega máis afectada, que reúne un 44% do total para o territorio, con 348 mortes no período determinado.

O Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) ofrece unha liña temporal que sitúa a ampla maioría das defuncións atribuídas á calor, segundo o seu rexistro, en tres períodos correspondentes aos días de temperaturas máis altas e as súas xornadas sucesivas. O primeiro foi entre o 12 e o 21 de xuño, co 14 como o día con máis falecementos; o segundo, entre o 22 de xuño e o 2 de xullo, co 25 reuníndo a maior cantidade de mortes; e o periodo con máis incidencia produciuse entre o 3 e o 16 de xullo. Nesta franxa temporal márcase o día con máis mortes dos dous meses, o 7 de xullo, correspondendo co rexistro de temperaturas anormalmente elevadas para esas datas.

Publicidade

O MoMo indica que a última semana do mes tamén sumou falecementos derivados dos altos valores do termómetro, aínda que as cifras non acadaron os niveis dos periodos anteriores.

A Coruña e Pontevedra, as máis afectadas pola calor

As cifras da MACE apuntan A Coruña como a provincia galega con máis falecementos relacionados coa calor. A plataforma estima que 348 persoas perderon a súa vida por causas derivadas das altas temperaturas entre xuño e xullo deste ano. Delas, 162 morreron por calor moderada, 136 por calor extrema e 50 por temperaturas excesivas. Este territorio experimentou, segundo o portal web, 15 días de calor extrema, a maior cifra das catro provincias durante os dous meses.

Publicidade

Este limiar —o que determina cando se considera que a calor media do día é extrema— varía entre territorios. Calcúlase en función da similitude coas referencias por altas temperaturas do Plan Nacional de Actuacións Preventivas os Efectos do Exceso de Temperaturas do Ministerio de Sanidade. Así, A Coruña e Lugo teñen límites máis baixos (de 23,2 e 23,6 graos, respectivamente), mentres que en Ourense está marcado nos 26,2 graos.

En Pontevedra, pola súa banda, o punto mínimo para considerarse un valor extremo é de 25,6 graos. Este territorio é o que contabiliza menos días nos que o termómetro acadou cifras extremas, con só oito xornadas que superaran o limiar. Así e todo, é a segunda provincia con máis mortes asociadas á calor: a MACE rexistrou 222, das cales a maior parte (150) derivaron da calor moderada, 56 das temperaturas extremas e 16 da calor excesiva.

O oriente galego suma menos falecementos pola calor

En Lugo houbo 13 días nos que a calor foi extrema durante xuño e xullo. Nese período, a plataforma do CSIC e da Universidade de Valencia estima 119 falecementos asociados ás altas temperaturas: máis da metade (61) producíronse por calor moderada, mentres que 43 o fixeron por calor extrema e 15, por valores excesivos.

Ourense, pola súa parte, tivo 10 días de calor extrema —malia ser unha das poboacións galegas nas que adoitan rexistrarse as temperaturas máximas máis elevadas— e contou, segundo a MACE, 101 defuncións relacionadas co termómetro. Seguindo o patrón do resto de Galicia, a maior parte corresponde coa calor moderada: producirse 53 mortes, máis da metade do total para a provincia, debido a estes niveis. 39 corresponden con niveis extremos e as 9 restantes, cos excesivos.

O aumento xeral das temperaturas

Os falecementos causados polas complicacións que acompañan a calor (golpes de calor, fatiga, problemas cardiovasculares, etc.) aumentaron no 2026. Durante o ano anterior, a plataforma da Mortalidade Atribuíble por Calor en España rexistrou un total de 688 mortes en Galicia. No verán en curso, xa suma 790, das que a maior parte (477) se concentraron en xullo. Isto vén acompañado pola confirmación da Aemet a través da súa conta de X de que dito mes foi o máis cálido da serie histórica de España, tan só empatado co de 2022. En ambos casos, a temperatura media foi de 25,7 graos. O promedio das máximas, en cambio, foi superior para xullo deste ano: mantivéronse en torno aos 34 graos, unha décima por enriba dos rexistros de 2022.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas

O chorro polar impulsa un episodio de calor que rozará os 40 graos en Galicia

MeteoGalicia activa avisos amarelos e laranxas por temperaturas máximas nas Rías Baixas, Ourense e o sur de Lugo

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións