Oito días e unhas horas é o que queda para a eclipse total de Sol de 2026. A pesar de saber a data e hora exactas en cada localidade de Galicia, aínda existe unha incógnita: que tempo fará? O meteorólogo Benito Fuentes publica no seu perfil de X unha previsión da nubosidade para o fenómeno astronómico do ano, ás 20:00 horas. A pesar de non ser unha predición definitiva, achega os primeiros bosquexos de como será o día da eclipse.
De todas as zonas por onde pasa a banda de totalidade —dende onde se poderá ver á perfección como a Lúa agocha por completo o Sol, ademais da coroa solar—, Galicia e a cornixa cantábrica son os territorios que presentan unha maior incerteza, xa que todo dependerá da posición do anticiclón. O experto lembra neste fío que o Sol estará baixo sobre o horizonte, polo que a previsión que se debe consultar é a daquela zona situada unhas decenas de quilómetros cara ao oeste, aproximadamente.
Esta información pode complementarse a través de Windguru, unha plataforma en liña especializada en prognósticos meteorolóxicos que xera datos mediante modelos numéricos globais, datos de estacións, satélites e boias oceánicas. Entre os datos de temperaturas, ventos e ondadas, cabe destacar a importancia do factor nubes, xa que é o que pode impedir a observación da eclipse.
Boas novas
A cidade da Coruña será, xunto á provincia de Lugo, un dos lugares dende onde mellor se poderá ver o fenómeno. Por iso, é unha boa nova que, a pesar de que os ceos teñan unhas altas probabilidades de ser nubosos durante a primeira metade do día —entre o 36% e 63% de cobertura por nubes baixas, as máis problemáticas a causa da maior densidade respecto das medias ou altas—, irán alternando con claros pola tarde —entre 21% e 52%—. En Lugo cidade hai unha maior preocupación, xa que aínda con probabilidades máis baixas, pola tarde aumentará lixeiramente a chegada de nubosidade baixa, entre un 21% e un 43%.
Por exemplo, se nos desprazamos a Cabo Fisterra (A Coruña), o día comenzará con ceos cubertos, pero comezarán a abrirse claros a partir do mediodía, pasando dun 59% de cobertura a un 19-28% de nubosidade pola tarde. Por outra banda, en Viveiro (Lugo), terá ceos despexados ou moi pouco nubosos durante case toda a xornada, con entre un 7% e 21% de nubes baixas pola tarde, o que podería determinar a visión da eclipse.
En Vigo a eclipse será parcial, cunha cifra de totalidade do 99,3%. Con todo, para quen decida observar o evento dende este enclave costeiro, a nubosidade será abundante nas primeiras horas da mañá —entre o 51% e 56%—, pero cara ao mediodía poderá reducirse ata o 12-22%. Agora, só queda esperar ata tres ou catro días antes do fenómeno, cando se afinará a previsión.














