Galicia rexistra 277 mortes asociadas á calor no mes de xuño

A aplicación do CSIC e a Universidade de Valencia sinala que o 44 % dos falecementos se produciron na provincia da Coruña

A só un día de pechar o sexto mes do ano, Galicia suma 277 falecementos relacionados coas elevadas temperaturas que golpearon a comunidade. Así o indica a plataforma do CSIC e da Universidade de Valencia Mortalidade Atribuíble por Calor en España (MACE), que recolle que A Coruña reúne o 44 % destas mortes en toda Galicia.

O Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) eleva este número a 806 en todo o territorio nacional. A ampla maioría das defuncións están concentradas entre os días 24 e 27 de xuño, coincidindo cunha onda de calor que golpeou a maior parte do país. Neses catro días, o MoMo estima estima que se produciron 424 mortes (máis da metade do total do mes), das que 114 se concentraron no xoves 25.

Publicidade

A Coruña e Pontevedra, as zonas máis afectadas

As cifras apuntan A Coruña, que xa acumula oito días de calor extremo, como a provincia galega con máis falecementos relacionados coa calor. Estímase que 123 persoas perderon a súa vida por causas derivadas das altas temperaturas; delas, 47 morreron por calor moderada, 58 por calor extrema e 18 por temperaturas excesivas.

Menos afectadas se viron as outras tres provincias de Galicia, mais non por iso quedaron á marxe dos efectos deste fenómeno. Pontevedra rexistrou, así, 71 mortes, das cales a maior parte (61) se asocian á calor moderada, nove a temperaturas extremas e estímase un falecemento por calor excesiva. Este territorio é o que contabiliza menos días nos que o termómetro acadou valores extremos, con tres xornadas que superaran o limiar mínimo dos 25,6 graos.

Publicidade

Neste punto é importante aclarar que cada provincia ten un limiar diferente, dado que se calculan en función da similitude coas referencias por altas temperaturas do Plan Nacional de Actuacións Preventivas os Efectos do Exceso de Temperaturas do Ministerio de Sanidade. Así, A Coruña e Lugo teñen límites máis baixos (de 23,2 e 23,6 graos, respectivamente), mentres que en Ourense está marcado nos 26,2 graos.

Lugo e Ourense, con menos mortes derivadas da calor

En Lugo houbo seis días nos que a calor foi extrema e estímanse 49 falecementos asociados coas altas temperaturas: case a metade producíronse por calor moderada, mentres que 19 o fixeron por calor extrema e 7, por excesiva.

Ourense, pola súa parte, tivo catro días de calor extrema —malia ser unha das poboacións galegas nas que adoitan rexistrarse temperaturas máximas máis elevadas— e contou 34 defuncións relacionadas co termómetro: 19 foron por calor moderada, 12 por niveis extremos e 3 por temperaturas excesivas.

Como funciona o programa?

Esta aplicación analiza o impacto da calor na mortalidade diaria en España durante os meses de verán utilizando datos do sistema MoMo e da rede de estacións da AEMET entre 2015 e 2023. Ten un desfasamento de tres días na notificación das estimacións por motivos de dispoñibilidade dos datos máis recentes. Para cuantificar os falecementos, o sistema divide a mortalidade atribuíble á calor en tres categorías (moderada, extrema e excesiva) segundo o comportamento das temperaturas respecto á de mínima mortalidade e ao percentil 95 da distribución da última década, un limiar aliñado cos criterios do Ministerio de Sanidade.

Así e todo, o propio programa indica que as estimacións deben interpretarse con cautela, xa que o modelo actual non desagrega os datos por causas específicas de falecemento (máis alá de que haxa unha conexión estimada coa calor), nin tampouco por grupos de idade ou sexo.

1 comentario

  1. Se son PPodres ou de VómitOX, ben liquidados están. Mágoa non limpar dunha vez a toda esa recúa de terraplanistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o martes

A Xunta acende o nivel amarelo por altas temperaturas no noroeste, interior e suroeste da Coruña, así como na montaña de Ourense e nas Rías Baixas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual