Cando o ‘estándar’ exclúe á metade da poboación: “A muller consulta máis, pero faino máis tarde”

Unha investigadora do Hospital de Santiago explica como a infrarrepresentación feminina implica tratamentos erróneos ou diagnósticos nesgados que poñen en risco a súa saúde

As últimas décadas da historia da humanidade foron tempo de cambios, sobre todo tecnolóxicos pero tamén, e máis importante, sociais: o capítulo máis recente da especie está escrito en tinta —a dos acordos, lexislacións, correccións, resolucións xudiciais e panfletos— e en sangue, tanto a de vítimas directas dun sistema aínda en evolución como de persoas que, sen sabelo, sufriron —e sofren— as consecuencias de pequenas decisións con importantes danos. Entre estas, atópase unha acción deliberada, tomada dende as lentes do beneficio económico e a comodidade operativa, que ten unha repercusión directa na saúde da metade da poboación: a de excluír ás mulleres das investigacións médicas.

A bioloxía indica que homes e mulleres presentan diferenzas que deben terse en conta no campo da saúde. A Sociedade Española de Saúde de Precisión explica que hai múltiples factores que xogan na forma que ten un medicamento de interactuar co corpo dunha persoa, e estes, á súa vez, preséntanse de diferentes maneiras en función do sexo. Así, o que un prospecto sinala como un ‘efecto adverso’ podería tratarse dunha reacción secundaria infrecuente en homes, ou nun resultado moito máis habitual en mulleres. A sociedade de saúde de precisión pon como exemplo o caso do Zolpidem. Trátase dun sedante receitado en casos de insomnio grave, pero a dose recomendada producía tal somnolencia en mulleres que isto causaba accidentes de tráfico á mañá seguinte. A razón era sinxela: o metabolismo feminino retiña o medicamento máis tempo no corpo.

Publicidade

A responsable da Secretaría de Mulleres na Sociedade Española de Emerxencias e Urxencias, Iria Miguens Blanco, sinala que unha das causas polas que as mulleres presentan efectos secundarios con maior frecuencia é, precisamente, porque os medicamentos non se probaron en corpos femininos. “Historicamente houbo un descoñecemento do corpo da muller. Podemos ver a súa infrarrepresentación no seu estudo; isto excusouse en factores como a variabilidade hormonal, a posibilidade de embarazo ou a dispoñibilidade nos estudos”, sinala Miguens, que é, tamén, médica de urxencias no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

As implicacións da falta de representación

As mulleres non son, como se propuxo tradicionalmente, homes cun corpo máis pequeno e con proporcións diferentes. A anatomía e funcionamento interno diverxen, e non considerar esta diferenza pon en perigo a saúde da metade da poboación. “Sábese que as mulleres tardan máis en determinadas patoloxías en acudir ao médico porque non recoñecen certos síntomas ou se definen como atípicos. Non o son, senón que son diferentes“, declara a médica. Asumir que un metabolismo feminino actuará como o masculino e, en consecuencia, tomar o segundo como o estándar, é un erro que pon en perigo a saúde.

Publicidade

As receitas de fármacos non son o único inconvinte da ausencia feminina nas probas clínicas. “Vemolo mesmo na presentación de patoloxías tempodependentes, na súa evolución ou mesmo nas formas de enfermar. As mulleres vivimos máis, pero facémolo con máis comorbilidade“, conta Miguens. Igualmente, sinala que a dor ten unha maneira diferente de facerse notar: “Infravalórase a dor nas mulleres, moitas veces pola fisiopatoloxía de como se presenta nelas”.

Os nesgos de xénero no diagnóstico

Máis alá dos ensaios para determinar a seguridade e eficacia das medicinas, hai un paso anterior na consulta dun hospital que tamén se ve condicionado por esta problemática: o diagnóstico. “Hai que poñer o foco nas circunstancias sociosanitarias das mulleres. Existe un rol, que é o máis coñecido do xénero feminino, que é o de coidadora. Isto fai que a veces sintan culpabilidade por asistir ao médico; por iso, a muller consulta máis, pero faino máis tarde“, afirma a médica. Explica que é necesario individualizar cada paciente, explorar o seu contexto social; fala de contemplar non só a patoloxía, senón o que rodea á persoa. “Isto é extensible aos homes, pero resulta máis necesario nas mulleres”, apunta.

Esta situación afecta maiores e pequenos: “Hai que poñer en valor á xente máis nova, que son o motor que pon de manifesto o nesgo dos profesionais”, explica Iria Miguens. A doutora sinala que a concienciación sobre esta perspectiva vai en aumento, polo que cada vez se ten máis presente a distinción entre o comportamento de rapaces e rapazas á hora de determinar diagnósticos, en especial os relacionados coa saúde mental. “A medicina de precisión parece algo moi de laboratorio, pero pasa por algo tan sinxelo como mirar se falamos dun meniño ou meniña“, asegura a médica de urxencias.

Un camiño en progreso

A situación actual da incorporación das mulleres na investigación clínica é, como adoita acontecer, un asunto que comeza tempo atrás: “Entre os sesenta e setenta xorden movementos que reclaman o coñecemento médico dos corpos das mulleres”, indica Miguens. Neses anos, receitábaselles talidomida ás persoas embarazadas a fin de eliminar as náuseas matutinas. Esta substancia resultou causar danos importantes nos bebés, que naceron con malformacións derivadas da toma do fármaco. En consecuencia, a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) optou por excluír ás mulleres xestantes dos estudos clínicos por razóns de seguridade.

Esta decisión, porén, tivo o efecto contrario: ao non contar con elas nas probas, non se coñecía o impacto que lles producían os medicamentos. As reclamacións e chamadas á información continuaron e, nos anos noventa, produciuse un evento lexislativo que marcou o comezo dunha etapa de cambio: “Impúxoselle á FDA unha sentencia para incluír ás mulleres nos estudos, debido aos efectos secundarios que sufrían con determinados fármacos. De aí xorde a regulación neste tema”, explica Miguens.

Agora, a lexislación obriga que as mulleres conten con inclusión na investigación médica. Porén, como sinala a médica de urxencias, esta é unha materia pendente: “A día de hoxe aínda hai, incluso en revistas de alto impacto, estudos nos que as mulleres non estamos suficientemente representadas ou os datos non están desagregados, o que ten un impacto en todos os niveis”. Iria Miguens pon o foco na educación e formación, mais tamén sinala a importancia de cumprir as normativas vixentes: “Necesítase que as revistas teñan os datos separados por sexo, porque é de onde bebemos e onde nos actualizamos. Os protocolos e guías deben ter esta perspectiva de xénero, e no ámbito académico debe facerse especial remarque”, conclúe a doutora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Dor, fatiga e medo: as barreiras que limitan a práctica deportiva en mulleres

A Universidade de Vigo elabora un cuestionario no que o 70% das participantes indicou sentir inseguridade para facer exercicio soa nalgúns espazos

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek