Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

“Os adolescentes non saben definir adecuadamente os piropos; non saben diferencialos dun afago ou eloxio”. Este é un dos principais resultados da tese da doutora en Traballo Social pola Universidade de Vigo Sabela Salgueiro Couto, especializada en saúde, sexualidade e xénero. E é que arredor destes tres eixos construíu a súa liña de investigación: a obxectivización do corpo das mulleres a través dos piropos. Así, levou a cabo un estudo cun total de 232 adolescentes (121 mozas e 111 mozos) de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra; é dicir, con idades entre os 15 e os 18 anos. Na interese por afondar neste tema interviu a motivación persoal: “Non coñezo a ningunha muller que non sufrira este tipo de acoso sexual; eu mesma tamén o sufrín”, explica Salgueiro Couto, subliñando que na sociedade actual é unha práctica aínda moi arraigada a pesar dos avances.

A investigación sinala que arredor do 66% dos e das participantes teñen unha visión positiva do piropo. Desta forma, maioría dos homes —xeralmente emisores— conceptualizou o piropo como “algo bonito ou eloxio”, mentres que as mulleres son, como norma xeral, as súasreceptoras. Son só algunhas as rapazas e rapaces que argumentan unha dimensión negativa, ligada ao acoso sexual e machismo. A raíz destes datos, a innovación do estudo veu dada por representar a perspectiva persoal dos homes a través de grupos de discusión: “Na maioría dos estudos sempre falan das vítimas, pero non se ten presente este relato”.

Publicidade

“Vivimos nun patriarcado baseado na socialización sexo-xenérica: actuamos e vémonos a través de rasgos e roles”, explica a doutora da UVigo. Da combinación destes roles nacen os estereotipos, a partir dos que aparecen as actitudes sexistas e, dende un nivel microsocial, os piropos. “Cantas máis actitudes sexistas teña unha persoa, máis acepta este tipo de comportamentos”, indica, tanto como emisor/a ou receptor/a.

Inconsciencia fronte ao negativo

Un dos resultados máis rechamantes para Salgueiro foi que só unha minoría dos adolescentes analizados, ao recibir unha retroalimentación negativa dun piropo, pedían desculpas e recoñecían o seu erro fronte a moza receptora, cando “a gran maioría non son conscientes da percepción negativa”. “Algúns están dispostos a cambiar, algo que depende tamén de con que estereotipos lles educaron”, engade Salgueiro. Isto débese á visión do piropo como algo “natural e esperable”, en palabras da investigadora, que esperta sentimentos positivos tanto ao emitir como ao recibir. Por iso, os resultados amosan que menos dun terzo dos rapaces (28 estudantes) afirman sentirse mal cando emiten piropos —un 25,23%— e, deles, a metade experimenta mesmo vergoña.

Publicidade

Deste xeito, moitos dos homes enquisados apuntaron ao piropo como unha práctica que se espera deles. Trece dos rapaces enquisados sinalaron ter emitido piropos a rapazas descoñecidas, pero en ningún caso a outros homes; mentres, as rapazas participantes fixeron esta práctica en menor medida. En relación a este dato, a metade das adolescentes afirmou ter recibido piropos de persoas descoñecidas, na súa totalidade por parte de homes e rapaces, na rúa ou dende un coche.

Comentarios sobre o corpo sexuado

“A maioría dos participantes destacaron como piropos os comentarios específicos sobre o corpo sexuado“, indica o artigo da investigación. Así, un terzo das rapazas e un terzo dos rapaces identificaron que os piropos fanse sobre unha parte concreta do corpo: por exemplo, os rapaces aluden as partes máis sexualizadas da muller, como os peitos ou os traseiros. Mentres un terzo das rapazas lle dá peso a trazos de personalidade e intelectuais —humor, amabilidade, intelixencia—, os rapaces son menos conscientes desta dimensión. Pero as estudantes explican que aos rapaces lles gusta recibir comentarios sobre a súa forza física, xa que, como recolle Salgueiro no estudo, “non lles agrada recibir comentarios sobre a súa personalidade, senón que os prefiren relativos aos seus músculos e abdominais“.

O punto de inflexión vén dende a obxectivización: a maioría dos rapaces participantes consideran que as rapazas agrádalles recibir comentarios sobre o seu corpo e beleza física, e case un terzo tende a asociar o valor das mulleres a súa apariencia. “Ningún dos rapaces participantes fixo alusión aos sentimentos das rapazas ao recibir piropos sobre a súa personalidade ou trazos intelectuais”, apunta. Por outra banda, menos da metade dos rapaces consideran que algunhas rapazas reaccionan con incomodidade, desagrado ou enfado ante estas accións.

Así, Sabela Salgueiro explica que “canta máis autoobxectivización, as mulleres aceptan máis ser receptoras“. A autoobxectivización significa que as mulleres se ven a través dos ollos dunha terceira persoa ao crerse o discurso patriarcal “de que o noso valor é ser obxectos de desexo para outras persoas” —habitualmente homes, en contextos heterosexuais—. Isto deriva en atención pola apariencia física: “Gai que nos autovixilemos e autocontrolemos todo o tempo”.

Detrás do piropo

A pregunta é cales son as consecuencias detrás da práctica do piropo? “Nas rapazas, calquera malestar psicolóxico vinculado coa ansiedade, a depresión ou os trastornos da conduta alimentaria (TCA)”, explica a investigadora. Así, moitas delas perciben os piropos como “invasivos, intimidantes e ameazantes”. Os sentimentos acadados tras recibir piropos de rapaces descoñecidos na rúa, sobre todo en grupo, chegan ao medo. Con todo, estas sensacións persisten en contextos con persoas coñecidas, xa que “se senten igualmente sexualizadas”. Mentres o rexeitamento é xeralizado cando as mulleres reciben piropos, no caso dos homes, o malestar depende da persoa emisora.

Respecto á defensa fronte a estas actitudes, vinte rapazas afirmaron que ignoraban á persoa emisora, mentres outras expresan claramente o seu desagrado. “Algunhas rapazas adolescentes afirmaron incluso temer pola súa vida“, polo que oito delas recoñeceron que a súa reacción fora escapar e outras cinco indicaron que non sabían reaccionar. “Pensamos que o piropo ocorre só na rúa, pero tamén no eido familiar e escolar; e non só no centro, senón nas inmediacións, a plena luz do día”, expón Sabela Salgueiro.

Traslado ás redes sociais

Agora, o piropo muda de contexto. Aínda que segue nas rúas, aparece nas redes sociais. “Os piropos online son máis agresivos que en persoa, sobre todo polo anonimato, onde os emisores están escudados baixo un perfil”, explica a investigadora. Os rapaces volven a ser os que máis emiten piropos en liña fronte ás rapazas: case dous terzos recoñeceron levar a cabo esta práctica. “A maioría tenden a emitir piropos a persoas coñecidas, especialmente relativos ao corpo sexuado”, indica a investigación, xa que o obxectivo principal é desenvolver unha relación afectivo-sexual. Non obstante, tamén hai quen emite piropos a mozas descoñecidas a través das redes sociais.

Así, segundo afirma Sabela Salgueiro, moitas estudantes rematan por bloquear ou ignorar os comentarios que lles chegan por redes: “En liña poden facelo, pero en persoa é máis complicado”. Desta forma, tal e como sinala a doutora, o espazo virtual convértese nunha contorna máis onde perpetuar estas desigualdades e violencias, dende calquera lugar do mundo e calquera hora do día.

Educación sexual integral como solución

A doutora en Traballo Social explica que a variante educativa é a principal solución para estas desigualdades: “Xa existe noutras comunidades autónomas, pero en Galicia aínda non”. Explica que os docentes non son quen de atender todas as perspectivas que engloba a educación, senón que ten que haber un traballo multidisciplinar en consonancia con psicólogos, traballadores e educadores sociais. “Debemos intervir de forma interdisplicinar para construír o futuro”, sinala. Con todo, cando se lle pregunta sobre que se debería facer para previr o acoso en forma de piropo, Sabela Salgueiro fala da educación sexual integral (ESI), que abrangue a información dende unha perspectiva biolóxica, psicolóxica e social. “Debería ser materia obrigatoria en todas as escolas de maneira continuada ao longo do tempo”, conclúe a investigadora da UVigo.


Referencia: Comentarios sobre o corpo das mulleres no colectivo adolescente: implicacións dende o Traballo Social

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas