A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

A Xunta de Galicia activa este venres o nivel de alerta 3 (vermello) por episodio de calor no interior de Pontevedra e o nivel de alerta 2 (laranxa) no noroeste e interior da provincia da Coruña, segundo o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia. Os concellos afectados serán Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Meteogalicia informa que as altas presións están localizadas dende hoxe ao norte da península ibérica, achegando aire moi cálido de orixe norteafricana. A presenza desta masa de aire, xunto cos ceos moi abertos que propicia a situación anticiclónica, darán que as temperaturas ascendan notablemente. Nas xornadas do venres e o sábado espérase que as máximas superen os 35ºC en moitos puntos do interior de Pontevedra.

Publicidade

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados pola alerta vermella durante o venres. Con todo, a situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo.

Noites tropicais

O concepto noite tropical fai referencia a aquelas noites nas cales a temperatura mínima non descende por debaixo dos 20ºC. O Barbanza e o sur da Costa da Morte foron as localizacións asociadas coa calor na madrugada do 12 de xuño, entre as 2 e as 7 horas. En Corrubedo e Santa María de Lira rexistráronse 22,3ºC e, en Vigo, 21,3ºC. As Illas Cíes superaron a barreira cun valor de 20,9ºC.

Publicidade

Efectos na saúde

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son os maiores de 65 anos e nenos menores de 4, sobre todo os menores dun ano; persoas que padece enfermidades cardiovasculares, diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, alzhéimer ou patoloxías similares, e enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos; e persoas maiores que viven soas, en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, trabalhadores, deportistas ou que pasan horas en exteriores.

Así, a exposición a temperaturas excesivas pode provocar mareos, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, ademais de síncopes, deshidratación, insolación e golpes de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia dun fallo no sistema de termorregulación, xa que unha temperatura moi elevada produce a perda de líquidos e electrólitos, necesarios para o funcionamento dos órganos.

Recomendacións fronte á calor

A Consellería de Sanidade lembra os principais conselhos e recomendacións que debe seguir a poboación:

—Beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Pola contra, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas.

—Aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas. Evitar comidas copiosas: comer menos cantidade e máis veces ao día.

—Manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas.

—Usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire.

—Permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra, utilizar os cuartos máis frescos e, durante o día, baixar as persianas e pechar as fiestras; abrilas pola noite para ventilar.

—Evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física.

—Cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos nin anciáns coas fiestras pechadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro