Unha dorsal subtropical abafará a fin de semana con máximas por enriba dos 30 graos en toda Galicia

Unha combinación de masas de aire cálido provocará un ascenso térmico cada vez máis acusado, sobre todo na provincia de Ourense e no Miño pontevedrés

Galicia vivirá esta fin de semana un verán anticipado. A recta final da primavera traerá un episodio de altas temperaturas debido a unha dorsal subtropical que elevará os termómetros por enriba dos 30 graos en toda Galicia, sobre todo a partir do xoves. Os elevados valores para esta época do ano estarán causados pola combinación de masas de aire cálido. Por un lado, a masa subtropical procedente do norte de África e, por outro, o quecemento do aire sobre a península. Segundo informan dende o portal Meteored, estes factores provocarán un ascenso térmico cada vez máis acusado. Galicia rexistrará valores moi elevados, sobre todo nas zonas de Valdeorras, Ribeira Sacra, Ourense, O Ribeiro, Verín e a zona do Miño pontevedrés, que estarán por enriba dos 34 graos na fin de semana.

A situación irá evolucionando dende o mércores, cando Galicia estará dividida en dous debido á circulación do vento do nordés. Así, nas cidades da metade norte —A Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol— non se superarán os 20 graos de máxima, mentres que en Pontevedra, Vigo e Ourense roldarán xa os 27. O escenario cambiará de cara ao xoves, debido á entrada dunha primeira masa de aire cálido que ascenderá considerablemente os termómetros. Así, as cidades da metade sur xa superarán os 30 graos, mentres que as do orte roldarán os 25 de máxima. Ademais, a alerta amarela estárá acendida durante o xoves por mar de vento no mar do noroeste da Coruña.

Publicidade

Venres moi cálido

O prato forte do episodio chegará a partir do venres, cun escenario dominado polas altas presións e a entrada doutra masa de aire moi cálido. Debido a isto, as temperaturas experimentarán un progresivo ascenso que subirá os termómetros en Ourense ata os 35 graos. Pontevedra, Lugo, Santiago e Vigo tamén estarán por enriba dos 30, mentres que Ferrol e A Coruña quedarán nos 29. A situación modificarase significativamente o sábado, dado que a presenza de aire frío en altura inestabilizará a atmosfera. Deste modo, agardánse co transcurso da xornada chuvascos treboentos en zonas altas. As temperaturas continuarán moi elevadas, con toda Galicia por enriba dos 30 graos. Os maiores ascensos rexistraranse na metade norte.

De cara ao domingo, permanecerá un escenario de inestabilidade atmosférica con maior probabilidade de chuvascos tormentosos, malia que as temperaturas continuarán elevadas para esta época do ano. A partir do luns producirase un importante descenso térmico, ao retirarse a masa de aire subtropical que aumentou os valores durante a fin de semana. Polo tanto, a previsión inicial de cara aos seguintes días será de tempo seco e estable, pero con temperaturas máximas que roldarán os 24 graos.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o martes

A Xunta acende o nivel amarelo por altas temperaturas no noroeste, interior e suroeste da Coruña, así como na montaña de Ourense e nas Rías Baixas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual