Achados os restos dun individuo perinatal no xacemento do Castelo de Valencia do Sil en Valdeorras

Os ósos indican unha idade estimada de falecemento entre 36 e 38 semanas de xestación, un descubrimento estraño no contexto tardorromano

A campaña arqueolóxica desenvolvida en 2026 no xacemento do Castelo de Valencia do Sil permitiu documentar novos achados de gran relevancia para o coñecemento histórico de Valdeorras e do noroeste peninsular en época tardorromana. Un dos achados máis significativos foi a localización de restos óseos correspondentes a un individuo perinatal cunha idade de falecemento estimada entre 36 e 38 semanas de xestación e sexo indeterminado. Isto foi documentado en relación coa nivelación das estruturas e probablemente vinculado a unha das primeiras fases de ocupación do xacemento. “Atopar un individuo infantil nestes contextos resulta relativamente estraño para as cronoloxías que manexamos do final do Imperio romano”, sinala Celtia Rodríguez González, directora da escavación.

Segundo explica Carlos Tejerizo, codirector dos traballos, a nivel antropolóxico non se pode saber se naceu o invidividuo naceu ou non, aínda que unha das hipóteses é que morrera no momento do parto. “Ata que poida determinarse con precisión a etioloxía das lesións que presenta, estas deberían considerarse indicadores inespecíficos de hemorraxia ou infección“, apunta a antropóloga Laura González-Garrido, especialista na análise de restos infantís.

Publicidade

A documentación de individuos perinatais ou recentemente nados en espazos domésticos é unha práctica coñecida en diferentes contextos de época romana, aínda que pouco estudada no noroeste. Noutros xacementos, como A Lanzada, tamén se identificaron individuos infantís do século I d.C. nun espazo do patio. Estes achados permiten aproximarse a aspectos fundamentais da vida cotiá, maternidade, coidado e rituais vinculados á infancia nas sociedades do pasado. Unha das opcións é que estea vinculado cos Gigurros de Valdeorras e, de ser así, estaríamos ante o primeiro corpo dun deles.

Cerámica completa achada no xacemento. Foto: Sputnik Labrego
Cerámica completa achada no xacemento. Foto: Sputnik Labrego

Cerámicas completas e novas estancias

Os resultados preliminares da intervención confirman o enorme potencial arqueolóxico do asentamento. Entre os principais avances destaca a documentación de novas estancias habitacionais dentro do gran complexo residencial identificado en campañas anteriores. Resulta especialmente salientable a aparición de elementos cerámicos completos ou practicamente completos que permiten coñecer as formas de almacenamento, preparación e consumo de alimentos no asentamento. Xunto a estes materiais, aparecen tamén obxectos metálicos como coitelos, pezas de uso cotián e elementos de adorno privado, entre eles aneis de bronce.

Publicidade

A falta de novas análises que permitan precisar con maior detalle a cronoloxía e o contexto do achado do individuo perinatal, “os datos dispoñibles abren unha liña de investigación de gran interese sobre as prácticas funerarias, os rituais domésticos e a consideración social da infancia nas comunidades romanas do noroeste peninsular”, sinala Carlos Tejerizo.

Dende a dirección da intervención sublíñase que os resultados son aínda provisionais e que o estudo do xacemento continúa en curso. Nos próximos meses, o equipo seguirá traballando na análise dos materiais recuperados, a revisión estratigráfica e a interpretación conxunta dos datos arqueolóxicos e bioantropolóxicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación