Galicia garda no seu territorio numerosos xacementos estudados dende institucións como a Universidade da Coruña (UDC), o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal ou o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). Entre eles destaca o xacemento localizado na praia barreirense de Arealonga, onde se atoparon achados tan sorprendentes como unha mandíbula humana datada en hai 3.500 anos.
Neste contexto arqueolóxico traballan dende 2014 as paleontólogas da UDC Aurora Grandal —directora do Instituto de Xeoloxía— e Gloria González Fortes —responsable do laboratorio de Paleoxenómica do Instituto—, ademais do catedrático de Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní. “Arealonga é un caso particular porque conserva restos dun bosque que quedou somerxido pola subida do nivel do mar”, sinala González Fortes. A acción do vento favoreceu o desprazamento da area e das dunas cara ao interior, cubrindo os terreos situados detrás da praia. Este proceso comezou co quecemento global do Holoceno, sumado aos temporais e ás mareas vivas. Nesa contorna atópanse restos óseos, tanto de fauna como humanos.
Dende 2022, a UDC conta cun laboratorio de paleoxenómica dedicado á análise molecular de restos antigos. Ademais dos estudos de proteínas e isotópicos, complétase con análises de ADN. Con todo, Gloria González subliña as peculiaridades de Arealonga en comparación con outras zonas do norte peninsular: “Na costa cántabra e na Bretaña francesa poucas veces se atopan ósos”.
A historia detrás da mandíbula
A mandíbula humana chegou ao Insituto Universitario de Xeoloxía en abril de 2025 tras un longo proceso de identificación. Foi atopada por unha persoa que paseaba pola praia de Arealonga e entregouna á Garda Civil e, posteriormente, ao Intituto de Medicina Legal de Galicia, que descartou mediante unha análise xenética que pertencese a unha persoa desaparecida. “Non coincidía con ningún perfil xenético e foi considerada un resto non identificado”, explica Gloria González Fortes.
Ao chegar á Universidade da Coruña, datárona con carbono 14 e concluíron que se trataba dun óso de 3.500 anos de antigüidade. A través de análises xenéticas e morfométricas puideron confirmar máis datos sobre o individuo: “Trátase dunha nena dunha idade aproximada de tres anos“, apunta a investigadora. Ademais, a análise de ADN mitocondrial sitúaa na Idade do Bronce, pertencente concretamente á linaxe H. O máis chamativo foron os resultados do ADN nuclear, que permitiron coñecer características da súa pigmentación: “Tiña o pelo e os ollos escuros e, cunha probabilidade do 80%, tamén a pel escura”, explica, trazos comúns nesa época.
Gando doméstico
As análises moleculares tamén permitiron identificar restos de vacas antigas empregadas como gando doméstico. Existen dous rangos temporais diferenciados: un de hai 3.500 anos e outro de hai 1.500-1.700 anos. “Parece indicar un cambio no tipo de gando”, sinala. O ADN mitocondrial mostra que os restos máis antigos pertencen a unha liñaxe máis frecuente na Europa da época, mentres que os máis recentes presentan liñaxes habituais en Italia, o que leva á hipótese de que puideron ser introducidos polo contacto co Imperio Romano. “Falta contrastalo con arqueólogos que coñezan mellor as dinámicas comerciais da época”, engade.

A conservación dos restos
Os solos cubertos por area de praia, restos de cunchas e materiais menos ácidos que noutras zonas de Galicia favorecen a conservación. “Isto axuda á preservación dos restos”, sinala González Fortes. En xeral, Galicia presenta solos ácidos e rocha granítica, cun pH que degrada a materia orgánica e dificulta a conservación do ADN. Con todo, “a parte máis difícil é que os achados son esporádicos“, explica a paleontóloga, xa que dependen das mareas, capaces de sepultar os bosques e ocultar aínda máis os restos. “Serían necesarias inspeccións submariñas para poder investigar mellor”, engade.
Gloria González Fortes participa ademais nun proxecto máis amplo financiado sobre a Xunta de Galicia denominado FLOODING, sobre a preservación de ADN en restos biolóxicos de xacementos litorais afectados pola subida do nivel do mar. Isto lévaa a estudar restos de fauna en Ons e Cíes, así como o xacemento de Adro Vello, no Grove, un antigo cemiterio cuberto pola area da praia con restos dende o século I. A directora desta última escavación é Patricia Valle, arqueóloga da Universidade de Vigo.
O principal problema: mostras degradadas
A pesar das vantaxes de conservación que presenta Arealonga, tamén existen importantes limitacións: “O ADN dos restos está moi degradado e non é posible recompoñer o xenoma completo; pérdese co paso do tempo”, explica González Fortes. Por iso, aplícanse tamén técnicas propias da medicina forense, mediante probas que permiten inferir o aspecto físico do individuo. Con todo, a paleontóloga advirte de que “non se pode reconstruír completamente a cara dunha persoa, porque non hai información xenética suficiente”, xa que estas estimacións se basean na relación entre xenética e fenotipo.
Paleoxenómica como ferramenta
Antigamente falábase simplemente da análise de ADN conservado en restos antigos, traballando con fragmentos curtos de ADN mitrocondrial e con tecnoloxías clásicas. A partir de 2010, as novas técnicas de secuenciación xenómica permitiron optimizar os protocolos de ADN antigo e avanzar cara á secuenciación de xenomas completos, tanto de ADN nuclear como mitocondrial. “A paleoxenómica pode informar sobre as características do individuo, dende o seu aspecto físico ata características metabólicas e enfermidades hereditarias”, explica Gloria González Fortes. Foi así como puideron identificar os trazos da nena da mandíbula de hai 3.500 anos. Ademais, esta disciplina tamén permite coñecer as poboacións ás que pertencía unha persoa a través da herdanza xenética, así como comparar esa información coa composición xenética das poboacións actuais e analizar en que medida cambiaron ao longo do tempo.















