En ocasións, os paleontólogos descobren tecidos ou estruturas estrañas nos restos fósiles que lles fan sospeitar que estiveron enfermos. A paleopatoloxía é a disciplina científica que analiza estas alteracións e nos permite coñecer que doenzas padeceron os organismos que habitaron a Terra en épocas pasadas.
Identificáronse procesos patolóxicos nunha gran diversidade de organismos extintos, desde protozoos ata vertebrados. No entanto, son máis frecuentes naqueles grupos que posúen partes duras (máis doados de fosilizar), como ósos ou cunchas.
Alén de achegar datos sobre a bioloxía e ecoloxía deses organismos, o seu estudo tamén é relevante para entender a orixe, a distribución e a evolución das enfermidades ao longo do tempo.
Como funciona a paleopatoloxía?
A comparativa entre presente e pasado é clave para entender os males que afectaron os seres prehistóricos. Para lograr un diagnóstico, a paleopatoloxía apóiase nunha premisa fundamental: as enfermidades desenvólvense de forma comparable en especies actuais e extintas.
Os avances tecnolóxicos permitiron un importante salto cualitativo nesta disciplina. O mesmo que en medicina, os fósiles con anomalías escanéanse a alta resolución, usando o que coñecemos como TAC. Cos resultados, é posible observar estruturas e tecidos internos e profundar no diagnóstico da doenza sen danar o resto fósil.

Á caza do trilobites!
Os trilobites, con máis de 22.000 especies descritas, son o emblema do Paleozoico (539-251 millóns de anos). Estes artrópodos extintos, provistos dun cacho duro, habitaron ambientes mariños de practicamente todo o mundo. Ademais, foron algúns dos primeiros organismos en experimentar a depredación nas súas propias carnes.
Nalgúns restos de trilobites puidéronse observar partes truncadas ou minguadas. Cientificamente estas lesións interpretáronse como posibles mordeduras de depredadores. Nalgúns casos, os bordos destes bocados mostran signos de remodelación, suxerindo que foron ataques de depredación infrutuosos. Por esa vez, o trilobites salvouse.

Pero quen comía estes animais? Crese que o máis probable é que os seus depredadores fosen outros invertebrados durófagos, como cefalópodos, asteroideos, artrópodos, etc. Algúns tiñan conos orais e outros estaban provistos de espiñas nas patas, similares ás dos actuais cangrexos de ferradura. Tamén os había que presentaban apéndices frontais que funcionarían como martelos. Fose a ferramenta que fose, permitíalles romper o seu cacho biomineralizado.
Historicamente, pensárase que os principais depredadores eran os anomalocáridos. No entanto, hoxe en día existen dúbidas ao respecto. Suxírese que só os depredaban xusto despois do proceso de muda, cando o cacho do trilobites non estaba endurecido.
Alén de lesións relacionadas coa depredación, nos trilobites tamén se identificaron anomalías asociadas a outros procesos. Por exemplo, alteracións do desenvolvemento, complicacións durante a muda ou enfermidades causadas por parasitos.
Ranqueando no Xurásico
Nos restos óseos e dentais de dinosauros mesozoicos identificáronse unha infinidade de alteracións patolóxicas. Algunhas interprétanse como traumatismos (fracturas, amputacións, etc), outras como infeccións, e tamén se documentaron enfermidades dexenerativas ou alteracións do desenvolvemento.
Pero os dinosauros non só nos deixaron restos esqueléticos, senón tamén evidencias da súa actividade. Estas pegadas ou rastros (coñecidas como icnitas) poden achegar información sobre a súa locomoción como, por exemplo, a velocidade á que se desprazaban, ou de comportamento, se se movían en manda ou en solitario.
Ademais, algunhas icnitas suxiren que certos dinosauros presentaban problemas na marcha. Nestes rastros obsérvase unha asimetría na lonxitude dos pasos. É dicir, alternaban zancadas longas con outras máis curtas. Unha hipótese suxire que este patrón podería indicar unha marcha irregular, posiblemente para evitar cargar unha das extremidades. A orixe, entre outras causas, podería ser unha ferida ou unha artrite. Aínda que non son tan habituais como as patoloxías en óso e dentes, identificáronse marchas irregulares en distintos tipos de dinosauros.

Por outra banda, no estudo das pegadas tamén poden observarse malformacións nos dedos e nas palmas. Identificáronse icnitas de dinosauros con dedos ausentes, fracturados ou deformados, así como extremidades curvadas ou irregulares. Tamén algúns con excrecencias anómalas, e mesmo pegadas completamente torcidas. Estas formas aberrantes probablemente reflicten lesións do animal (fracturas, infeccións, etc.) ou alteracións durante o seu desenvolvemento.
Evidencias que o tempo borrou
Non todas as enfermidades que afectaron os organismos do pasado poden detectarse no rexistro fósil. A escasa preservación de tecidos brandos xera un importante nesgo, xa que a maioría de lesións e doenzas non deixan pegada nas estruturas duras nin nos restos da súa actividade. Ademais, as respostas do tecido óseo adoitan ser lentas e, nalgúns casos, poden tardar anos ou mesmo décadas en desenvolverse. Por iso, moitas enfermidades, especialmente as de carácter letal, non deixan rastro algún nos fósiles e permanecen fóra do noso coñecemento no tempo profundo.
Outro problema é o mimetismo tafonómico. Durante o enterramento e outros procesos tafonómicos poden xerarse alteracións similares ás lesións patolóxicas, como abrasións ou fracturas. Por iso, o equipo investigador a cargo do estudo debe ser cauteloso e prestar especial atención aos detalles para evitar identificar enfermidades onde non as hai.
A paleopatoloxía ensínanos que a enfermidade existiu desde que a propia vida se iniciou. Aínda que de cando en cando deixa pegada no rexistro fósil, cando o fai permítenos asomarnos ás historias dos organismos dun xeito completamente inusual: non só como vivían, senón tamén como enfermaban, resistían ou non lograban sobrevivir. Mesmo no pasado máis remoto, a vida nunca estivo libre das súas propias fraxilidades.
Cláusula de divulgación: Blanca Moncunill Solé recibe financiamento da Axencia Estatal de Investigación e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través dun contrato Ramón y Cajal (RYC2023-045129-I), así como da Xunta de Galicia, no marco do programa “Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG)” (ED431B 2024/03).















