A paleontoloxía vai máis alá dos dinosauros. Hai moitas especies animais, como o Prolagus sardus —xa extinto pero da mesma orde que os coellos—, que tamén protagonizan estudos e investigacións pormenorizadas. Precisamente, o último artigo da paleontóloga Blanca Moncunill Solé, investigadora da Universidade da Coruña, desentraña aspectos clave da bioloxía do Prolagus sardus a través do estudo dos seus restos fósiles. A experta reivindica que máis alá da importancia deste tipo de investigacións, que nos axudan a entender o presente dende o pasado, a paleontoloxía é unha disciplina pouco coñecida, sobre todo en Galicia. A escaseza de restos fósiles no país, a falta de acción por parte das administracións e o descoñecemento xeneralizado provoca que se descoñeza a profesión, pero tamén o valor dos fósiles e dos estudos que se derivan deles. Todo isto provocou que dos poucos fósiles que se conservan en Galicia, a meirande parte deles xa desapareceran ante a nosa indiferenza.
—Que é o Prolagus sardus? O animal extinto que protagoniza a súa última investigación.
—O Prolagus sardus era un lagomorfo. En concreto, un mamífero como as lebres, os coellos e as pikas. Estas últimas non son tan coñecidas por nós porque só viven en Asia e en América. Ademais, parecen máis roedores que coellos porque teñen as orellas redondiñas e a cola moi curta. No pasado, as pikas estaban distribuídas por toda Europa e no resto do mundo pero despois das glaciacións quedaron restrinxidas nunhas zonas moi concretas.
O Prolagus sardus é do xénero Prolagus e ata agora considerouse como unha pika pero estase estudando máis a fondo porque se cre que posiblemente forme en si mesmo unha familia. En Europa había moitísimas especies de Prolagus que viviron durante todo o Mioceno, dende hai 23 millóns de anos ata hai relativamente pouco. O último do xénero que morreu foi Prolagus sardus que concretamente se atopaba na illa de Sardeña. Basicamente morreu por efecto humano, porque os que habitaban alí nese momento, no Holoceno, comíano.
“Os fósiles son un libro escrito que nos pode axudar a saber como continuará a historia da vida na Terra”
—Os Prolagus tamén habitaron o que hoxe é Galicia?
—O que nós estudamos era endémico de Sardeña pero había máis Prolagus que habitaron por toda Europa. En Galicia, como non hai moitos restos fósiles, non se sabe moi ben que especies había pero na península ibérica había moitísimas especies de Prolagus. Os animais das illas, como Prolagus sardus, son moi interesantes porque teñen unha ecoloxía moi particular e vemos cambios morfolóxicos nos animais que nos sorprenden moito. Por exemplo, no pasado había elefantes ananos nas illas que medían máis ou menos un metro de altura. E no caso dos animais pequenos, como os coellos, facíanse máis grandes. Non obstante, os Prolagus eran moi pequeniños. Polo tanto o cambio, aínda que fosen máis grandes, ao mellor chegaban a pesar dous quilos. Pero houbo un coello en Menorca que chegou a pesar ata oito en estado salvaxe.
Ademais de estudar os cambios de peso tamén nos interesa estudar como era a súa bioloxía. E unha forma de facelo é a través dos cortes histolóxicos que facemos no material fósil. Collemos os ósos, poñemos unha resina para poder cortalos e cúrtanse en láminas moi finas que se analizan no microscopio. Aí presérvase o material duro, e aínda que estea morto o animal, pódese ver onde houbo células. Pódense clasificar os tecidos e podemos ver liñas de crecemento como no caso das árbores. No caso particular do Prolagus, identificamos unha liña no individuo máis pequeno que tiñamos que se pode asociar ao destete. Estas liñas prodúcense, aínda que sexan intrínsecas da fisioloxía, tamén cando hai cambios bruscos. Por exemplo, cando deixas de comer da nai e pasas a outra alimentación hai un cambio aí que afecta o crecemento. Puidemos contar ata oito liñas de crecemento no individuo máis grande, indicando unha lonxevidade moi alta para o que é un coello.

—Que achega este estudo? Por que é tan importante coñecer a bioloxía do Prolagus sardus?
—Como os humanos acabamos coa flora e a fauna endémicas e autóctonas das illas, moitas cousas non podemos velas na época actual. É dicir, os animais que hai actualmente nas illas si que son históricos pero a maioría importámolos nós coas nosas migracións cara ás illas. Os animais das illas non teñen depredadores naturais e son moi fáciles de cazar e cando entraron novas especies que levaron os humanos, que son competidores, extinguiron a fauna autóctona real. Polo tanto, os procesos ecolóxicos e biolóxicos que suceden nas illas, aínda que se estudan tamén na época actual, é mellor estudalos en illas fósiles porque realmente permíteche ver a tendencia biolóxica natural. Sobre todo, porque non hai o impacto humano que escurece ou esborrancha as relacións dos animais e a súa resposta natural aos ambientes.
—A paleontoloxía require de máis divulgación? Estudos coma este demostran que vai máis alá do estudo dos dinosauros.
—Si, o que sae maioritariamente nos medios está relacionado cos dinosauros, co ser humano ou con primates relacionados coa liñaxe humana. Que saian outro tipo de animais ou plantas é bastante máis complexo. Tes que ser sempre o máis grande, o máis complexo… Se es o coello máis grande ou o máis vello, seguramente terás máis impacto. En cambio os dinosauros, con que xa se poida describir unha nova especie, xa chama moito máis a atención.
—Pese ao descoñecemento desta disciplina, serve para entender mellor o presente baseándonos no pasado.
—Nós somos paleontólogos pero tamén dicimos que somos zoólogos porque estudamos animais, aínda que estean mortos, igual que os paleobotánicos estudan plantas fosilizadas. A diferenza é que nós facemos unha investigación ao longo do tempo, é dicir, dende o inicio do grupo tendo en conta determinados procesos que suceden e que derivan na súa extinción. É unha visión máis grande da vida e de como responden os animais aos cambios en determinados momentos.
É verdade que é unha disciplina máis complexa porque estudar só os fósiles dificúltache obter determinados parámetros que en animais actuais si podes ter. Ademais, está moi restrinxida ao que atopes no campo. É dicir, pódese facer un estudo con 2.000 moscas ou paxaros pero en cambio nós, os paleontólogos, ao mellor só podemos facer o estudo con 20 restos porque son os que atopamos. Pero con iso podemos obter información moi interesante como, por exemplo, entender mellor como evolucionou a vida na terra, como se respondeu a cambios climáticos no pasado para saber como vai responder a nosa fauna e flora ao cambio climático actual. Tamén, levar a cabo accións para saber se un grupo é máis ou menos propenso á extinción ou non e saber como actuar. En realidade, os fósiles son un libro escrito que nos pode axudar a saber como continuará a historia da vida na Terra.
“A escaseza de fósiles en Galicia pode deberse ao tipo de solo, que está formado por rochas metamóricas ou ígneas”
—Por que en Galicia non hai moitos restos fósiles?
—En Galicia non hai moitos restos fósiles pero sempre se dixo que, directamente, non hai. Pero si, si que hai. A escaseza pode deberse ao tipo de solo, que está formado por rochas metamóricas ou ígneas. Pero si hai zonas onde se atopan fósiles. Por exemplo, no Courel hai capas onse se acharon invertebrados de hai millóns de anos e tamén están as covas cuaternarias, que son moito máis recentes.
Co grupo de paleontoloxía de vertebrados estamos intentando estudar as concas terciarias de Galicia. Son concas que se atopan en distintos puntos da comunidade pero están explotadas pola minería dende hai moitos anos. Entón, moitos dos restos fósiles que había desapareceron porque non se lles daba a importancia que tiñan e só uns cantos se puideron recuperar grazas a algunha xente da mina que consideraba que era interesante e preservárono. Concretamente, ese é o caso das Pontes. En Meirama tamén había unha mina, que actualmente está pechada, e sobre a que agora hai un lago artificial. Alí non se preservou nada, posiblemente porque non se lle daba o valor que tiña nese momento. É dicir, as explotacións mineiras destruíron moitos restos fósiles en Galicia.
—É dicir, nesas explotacións mineiras atopáronse restos fósiles que, ou ben non se lle deu valor, ou ben quedaron soterradas coas accións posteriores.
—Si. Hai unha Lei Estatal de Protección de Patrimonio pero é moi laxa e deixa que cada comunidade desenvolva a súa propia lei de patrimonio. En sitios onde hai moito patrimonio paleontolóxico, como Aragón, a Comunidade Valenciana e Cataluña teñen unha lei moi estrita. En cambio, en Galicia é moi laxa porque en realidade o que di a lei é que se protexe os restos fósiles relacionados coa vida dos humanos, pero moitas veces non se inclúen os animais non humanos e as plantas. É dicir, inclúense só da liñaxe humana. Por exemplo, hai zonas onde se atoparon restos de Homo que si están protexidas, como cova Eirós. Pero todo o que sexan animais non humanos non se protexeu. Polo tanto, ademais de haber poucos restos, a lei non está desenvolvida e non hai unha concienciación social. O fósil é único e se se destrúe non hai outro igual.
“Ademais de haber poucos restos en Galicia, a lei de Patrimonio non está desenvolvida e non hai unha concienciación social arredor da paleontoloxía”
—Dos poucos restos fósiles que temos en Galicia, cales son os máis salientables?
—Os das Pontes, por exemplo. Temos arredor de 50 macrorestos de crocodilos, tartarugas, follas de plantas… Isto sería o que conserva o Concello, que é o que temos cedido para estudar. Nos 90 houbo unha paleontóloga de Madrid que fixo un estudo xeral de España, chegou ás Pontes e a ela tamén lle cederon material. Hai un ano fomos a Madrid e prestáronnos material, como plantas, restos de pequenos mamíferos como ratos, pero moi pouco. Despois, tamén hai algún resto do que sería un pariente dos antigos hipopótamos. Estes fósiles están datados entre o Oligoceno e o Mioceno, é dicir, entre 25 e 23 millóns de anos.
Á parte disto, tamén temos sacos que se colleron de sedimento, que estamos lavando e dos que están saíndo sementes de plantas. Tamén houbo unha tese doutoral sobre o pole das Pontes. Puideron reconstruír a vexetación da rexión, que era pantanosa, un lago que ía secando por períodos de miles de anos e despois volvía a rexurdir. Ademais disto, non hai moito máis. Do que máis material hai é dos crocodilos.
“En Galicia é complicado atopar dinosauros porque non hai sedimentos mesozoicos”
—Estades levando a cabo un proxecto para estudar máis en profundidade estes fósiles das Pontes. En que consiste a investigación?
—O proxecto é do meu compañeiro Alejandro Blanco, que estuda a fauna oligocena-miocena das Pontes e de Galicia. Por un lado estamos estudando os macrorrestos que temos, que incluso lle fixemos un TAC para ter modelos virtuais. Tamén os estamos restaurando. Grazas a un convenio entre a universidade e o concello cedéronnos os restos e estamos estudándoos. Os restos levaban uns 30 anos na fábrica de Endesa, onde lles fixeron unha restauración rápida, con auga e cola, que os preservou ata este momento. Pero actualmente están en mal estado. De feito, levámolos a un servizo de restauración.
Por outro lado temos o material cedido de Madrid, que tamén está ben conservado. E, despois, os sacos de sedimento que os xeólogos que había nas Pontes decidiron gardar e estamos lavando. Pero o proceso de lavado é bastante lento e de momento só puidemos lavar un nivel do que saíron sementes que están moi ben conservadas e ás que tamén lles fixemos un TAC.
—Queda moito por descubrir no que respecta á paleontoloxía galega?
—Hai zonas potenciais, hai que facer prospeccións.Nós collemos un mapa xeolóxico, miramos que zonas teñen potencial de albergar fósiles e podemos intentar velo. Pero esas zonas, como son concas sedimentarias, o que se obtén é interesante para a minería e, polo tanto, todas elas están sendo explotadas. De modo que deberiamos pedir permiso ás minas.
—Entón, iso de atopar dinosauros en Galicia vai ser complicado.
—Os dinosauros si que son complicados en Galicia porque non hai sedimentos mesozoicos. Todo está debaixo do mar. De todos modos, non sabemos se hai restos porque ao mellor estamos ante un tipo de rocha que pode non preservar os fósiles.
—Todo o contrario do que acontece, por exemplo, en Aragón.
—Si, en zonas de Aragón, Cataluña e Valencia hai multitude de restos e os gobernos autonómicos si que son moi estritos porque saben que é un patrimonio moi valioso porque é único e, polo tanto, moi interesante de preservar. En Galicia, en cambio, como hai menos, o goberno seguramente non lle deu o valor que ten, a sociedade tampouco… Cremos que sería moi interesante porque o das Pontes, por exemplo, rexistra un período único que non está rexistrado noutras partes de España. O problema está en que o perdemos.
Se trata de una argumentación anti científica la generalización de Galicia cuando evidentemente están protegidos los fósiles reconocidos y sobre todo en las zonas de montaña de interior es absurdo impedir el desarrollo de la minería en el resto de Galicia cuando Galicia un bloque de granito que surgió del manto no arrastro ni tu tiempos de deposición de sedimentos como lo es murcia que está plagados sus campos de almendros de toda clase de fósiles marinos y huellas