Domingo 28 Abril 2024

O virus que afecta o 80% das granxas de porcos: “Ten unha elevada capacidade de mutación”

Un equipo de Veterinaria da USC avanza na prevención, detección e control da Síndrome Reprodutiva e Respiratoria Porcina

O grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) avanza na detección, control e vixilancia das viroses en granxas de porcino a través un sistema de mostraxe e análises do aire. Esta nova liña de investigación está financiada cuns 100.000 euros pola Axencia Estatal de Investigación na última convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento.

O virus da Síndrome Reprodutiva e Respiratoria Porcina está amplamente distribuído en España, onde se estima que aproximadamente o 80% das granxas son positivas a unha infección que ten un control moi complexo, dado que se trata dun virus cunha elevada capacidade de mutación. Esta realidade fai que constantemente se xeren novas cepas víricas que poden diferir, por exemplo, na virulencia, na capacidade de transmisión e sobre todo na capacidade de protección das vacinas. Daquela, cómpre facer unha monitorización constante nas granxas para controlar esta infección

Publicidade

A idea principal desta liña de traballo pasa por desenvolver un protocolo de traballo que permita simplificar a vixilancia do virus da Síndrome Reprodutiva e Respiratoria Porcina (PRRS), empregando mostras de aire das granxas e análises moleculares, explica o decano da Facultade de Veterinaria e líder do proxecto, Gonzalo Fernández Rodríguez. Isto podería servir como ferramenta de vixilancia sanitaria para a detección precoz do virus PRRS, ademais de para permitir a caracterización molecular da variabilidade de cepas víricas que están a circular na granxa, engade.

A detección deste tipo de virose a través da instalación de colectores de aire nas granxas permitiría acometer estratexias de prevención, control e mesmo desinfección das explotacións afectadas con maior celeridade e incluso con custe moi inferior ao que implica a toma de mostras de sangue de cada animal, engade Gonzalo Fernández.

O decano da Facultade de Veterinaria apuntou asemade que o protocolo de actuación no que traballa o grupo Invesaga para facer fronte ao virus do PRRS sería válido para actuar fronte a calquera outro tipo de virose que se propague a través do aire. Outras das vantaxes do futuro sistema de detección e prevención de viroses a través de colectores de aire afectan o maior benestar dos animais, dado que este novo mecanismo de control evitaría a manipulación, pinchazos e mesmo o estrés das reses, explica.

Etapas e prazos do proxecto

O proxecto ten un un prazo de execución de tres anos e está estruturado en dúas etapas. Nunha primeira fase, o equipo de investigación implicado nesta actuación tratará de optimizar un protocolo de traballo que garanta a detección do virus do PRRS mediante técnicas moleculares a partir de mostras de aire en granxas infectadas. Unha vez perfeccionado este sistema, a segunda etapa da investigación consistiría na monitorización durante seis meses de granxas que teñan un historial de reemerxencia de gromos de PRRS, relata o bolseiro posdoutoral do Campus Terra e investigador da Facultade de Veterinaria da USC Gonzalo López Lorenzo.

Nesta segunda fase da investigación, engade López Lorenzo, os investigadores aplicarán ás mostras de aire tomadas técnicas de secuenciación do xenoma completo do virus PRRS, a fin de avaliar a capacidade de detectar mutacións ou mesmo a aparición de novas cepas víricas, o que permitiría prever e, no seu caso, evitar gromos de enfermidade de xeito precoz.

Impacto sanitario e económico

O virus da PRSS, como o seu propio nome indica, afecta as vías respiratorias e ao ciclo reprodutivo do gando porcino e, en función da súa maior ou meno virulencia, pode chegar incluso a provocar a morte dos animais, sinala López Lorenzo.

Os signos clínicos e as manifestacións da enfermidade derivada da PRRS son moi variables e dependen, dunha banda, do grupo de animais afectados (porcos en crecemento ou porcas reprodutoras) e, doutra, da virulencia da cepa de PRRS circulante na granxa. En canto aos porcos en crecemento, nas granxas positivas a situación pode ir desde cadros asintomáticos a alteracións respiratorias que implican retrasos no crecemento, diminución no peso e incrementos de mortalidade. En canto ás porcas reprodutoras, o cadro clínico que se pode observar é unha diminución da taxa de partos (debido a abortos e perdas de xestación), redución do tamaño da camada e incremento da mortalidade nos leitóns lactantes e na etapa inmediatamente posterior ao destete. As cepas máis virulentas da PRRS (no nordeste de España está a circular unha cepa coñecida popularmente como ‘Rosalía’) tamén poden provocar a morte das porcas adultas, precisa López Lorenzo.

Debido á variación de cadros clínicos que pode provocar o PRRS, o custe económico que pode provocar esta infección nunha granxa de porcino tamén é variable. Cando este virus afecta directamente a perdas de animais e de rendemento productivo, o impacto económico negativo estímase entre 60 euros e 380 euros por porca reproductora e ano, seguen función da gravidade do cadro clínico, relata López Lorenzo. Este investigador da USC sinala asemade que a estas perdas económicas cómpre engadir outros gastos indirectos derivados da aplicación de medidas necesarias para o control do virus (vacinas, monitorizacións da infección…), e cuxo custe oscila entre 5 euros e 110 euros por porca reprodutora e ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres