Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
Penso que xa mencionei a miña devoción polos animais algunha vez. E, se non o fixen, estou a tempo: adoro escribir temas que teñan que ver coa natureza. Hai dous anos, cando cheguei a GCiencia para facer as prácticas, lémbrome que en verán fixen varias guías de reptís, dende serpes ata lagartos. Gustábame ver as súas cores nas imaxes e coñecer curiosidades sobre eles. Por iso, cada vez que sae algún dato novo sobre algunha especie, Laura —a redactora xefe— adoita deixarmo a min. Iso ocorreu esta semana coa píllara das dunas: un novo estudo galego do Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago concluíu que os episodios meteorolóxicos adversos poden agravar o seu estado de conservación.
Atopamos ese estudo bicheando por Internet e, como sempre, atopamos a raíz galega: a investigación levouse a cabo en 62 praias do noroeste peninsular durante case trinta anos. Para quen non coñece á píllara das dunas, é unha ave moi cuca que habita principalmente en areais —adiviñades en que tipo de ecosistema?—, pero que está catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia. Eu xa escribín sobre a súa situación crítica noutras ocasións, vencellada á presión turística durante os meses de verán.
Por iso, falei con Andrea Gestoso, a primeira autora da publicación, para afondar no tema. Efectivamente, as precipitacións semellaron ser un elemento que reduce a supervivencia anual aparente da especie, sobre todo se se bota a vista atrás: a supervivencia foi menor entre os anos 2012 e 2014, coincidindo cun período de condicións extremas na costa galega (con moitas tormentas). Isto provocou unha importante diminución no número de parellas reprodutoras. Pero, que é exactamente o que poden provocar as precipitacións na píllara das dunas? Segundo outras investigacións sobre aves, poden dificultar a alimentación, obrigar aos desprazamentos e provocar a morte en diversas fases do seu ciclo vital.
Con todo, no punto de non retorno onde nos atopamos, cabe preguntarse que pasará co avance do cambio climático. Prevese unha maior variabilidade climática, un aumento das precipitacións extremas, ademais de anomalías de temperatura e quecemento da superficie do mar aquí, en Galicia. Así, a longo prazo, que será desta especie, entre os factores antropoxénicos e naturais? Só o tempo dirá.
Agora, pasemos aos temas da semana!
⚫️ Atentado arquitectónico no Obradoiro🏛️ A semana pasada, as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos amenceron atravesadas por tubos de cobre, un espectáculo que, na miña opinión, dana a vista na Praza do Obradoiro. A denuncia pública chegou dunha veciña en redes sociais e, a partir dese momento, todo o mundo se fixo eco da noticia. Como reclamo, o luns, Carlos Fernández Coto, presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), dirixía unha carta ao arquitecto autor da obra a fin de buscar unhasolución. A raíz da crítica, conseguíronno: a Xunta contactará con Turismo para valorar outras opcións máis estéticas e igualmente útiles para o problema de evacuación da auga.

⚫️ Que sentían ao escribir no século XVI? ✉️ Esta semana escribín unha reportaxe que levaba moito tempo esperando coller. Foi a apertura do mércores e une dous dos meus temas favoritos: tecnoloxía e historia —nunca superando aos animais, por suposto—. Investigadoras do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento da USC lograron descifrar o que sentían realmente os autores e autoras de cartas transatlánticas hai 500 anos grazas á intelixencia artificial. A pesar de que se pensaba que a nostalxia sería unha das emocións máis presentes, houbo unha sorpresa: a esperanza. Trátase dun proxecto de catro anos e estes son só os resultados do primeiro. Seguiremos atentas pero, mentres tanto, anímate a ler a peza!
⚫️ Inicia a tempada de carrachas 🚨 A miña compañeira Laura é coñecida na oficina como “experta en carrachas”. Se ves un tema sobre estes parasitos en portada, o máis probable é que vaia asinado por ela. Así, trae información fresca: a especie que transmite o Crimea-Congo (Hyalomma marginatum) duplica a súa presenza en Galicia nun ano. O grupo COPAR da USC identifica a especie en 27 concellos de Lugo e Ourense. E moito ollo, porque cada ano aumenta o número de individuos capturados: mentres en 2022 só se identificaron en dous concellos; en 2023 o número ascendeu a 13; e en 2024 sumáronse outros 12 municipios. Pícame o corpo só de pensalo.

Recomendación semanal 🪶
Falando da píllara das dunas, penso que sei de alguén a quen lle encantaría ter estas pequenas aves no xardín da súa villa. E non, non estou a falar de ningún coñecido meu nin de min mesma. Falo de Gerald Durrell, quen escribiu unha triloxía sobre a súa vida como inglés vivindo na illa grega de Corfú coa súa familia. Nos anos 30, comezou a escribir estas memorias para recoller a súa paixón polos animais, pero decatouse de que non podía facelo sen contar as historias paralelas da súa nai, Louisa, e os seus irmáns: Leslie, Larry e Margo.
Aínda vou polo terceiro capítulo do primeiro libro, pero está a ser a miña obsesión desta semana, sen dúbida. En só tres capítulos, xa puiden coñecer especies como as cetonias, escaravellos brillantes e chulísimos como este que deixo por aquí.

Con todo, para quen quen non estea interesado en ler, tamén podes ver a serie en Filmin. Xa me diredes que tal!
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.
















Grazas por divulgar. Esta ave precisa mais protección da que ten na actualidade nalgunha praias, con pequenos espazos anotados con corda e un pequeno cubiculo con rede.
Saudos