As ‘Rodas’: os peculiares xacementos que marcaron a historia funeraria de Galicia

Un estudo afonda en estruturas creadas hai 3.500 anos e descarta que sexan os "henges" galegos, senón lugares únicos na Península Ibérica

Un círculo perfecto realizado cun parapeto de pedra e unha foxa exterior. Unha entrada relativamente estreita que dá paso a outras foxas de distinto tamaño. Algunhas profundas, dun metro. Fogueiras pequenas, depósitos de recipientes… Os xacementos tipo ‘Rodason un descubrimento único de Galicia. Porque non é un: hai 13 rexistrados na comunidade, malia que Pilar Prieto, arqueóloga e docente na Universidade de Santiago (USC), apunta a que hai máis de cincuenta localizados. O equipo de Prieto publicou recentemente Buried by time. Os Castrullos as a paradigmatic example of ‘roda’ type sites in Galicia, un documento que afonda nestas peculiares estruturas utilizadas hai 3.500 anos e tomando como exemplo o xacemento descuberto en Parada de Sil, en Ourense.

“É un novo tipo de xacemento que, ademais, pode ofrecer información nova sobre as prácticas funerarias dun período na que non se coñecen”, explica Prieto. Refírese, principalmente, á Idade de Ferro. Prieto estudou concretamente a utilidade destas estruturas. Algunhas das hipóteses anteriores apuntaban a posibles protocastros e a estruturas similares ás dos Henges británicos. A investigadora da USC descarta esa idea porque a arquitectura e a cronoloxía difire. Por iso, o documento apunta a que é un lugar cerimonial e funerario único na Península Ibérica.

Publicidade

Estruturas peculiares

“Nalgúns casos pode haber algún tipo de estrutura das que é difícil saber a función”, destaca. Malia que a interpretación non é unánime entre os expertos xa que a organización dos elementos non é clara, a investigadora ten claro que non ten nada que ver con estruturas domésticas. “Ademais aparecen tamén pequenos menhires, estruturas que, pola súa concentración, non son habituais nun sitio doméstico”, concreta. Tamén acharon depósitos organizados que poden estar relacionados con restos funerarios ou con depósitos de comida vinculados aos mortos. É dicir, material que é máis frecuente no ámbito funerario. A única excepción é a presenza de muíños, malia que estes, apunta, tamén se colocaban en enterramentos. Entre os achados tamén hai pezas de cerámica que corresponden a etapas entre a Idade de Bronce e a de Ferro.

Con todo, fora dos círculos das ‘Rodas’, si que se están a descubrir algunhas estruturas que poderían ser habitacionais. “O problema destes sitios é que aínda non hai grandes escavacións feitas“, asegura a arqueóloga. Tamén destaca a necesidade dun financiamento estable que poida manter un equipo e unha infraestrutura, ademais da precisada para realizar escavacións. “No noso caso, facémolo a través dun convenio entre Xunta de Galicia e a Universidade”, afirma, pero tamén combina outras fontes, como o Concello de Parada de Sil para o estudo dos Castrullos.

Publicidade

Os xacementos tipo ‘Roda’ están distribuídos por toda Galicia, aínda que tenden a facerse en lugares de interior. Dos trece que están publicados, destaca o dos Castrullos, onde se centrou a publicación de Prieto, pero hai en distintos puntos da provincia de Lugo, en Rianxo en Lalín e en Redondela, entre outros. “Igual que hai mámoas e dolmens nos períodos anteriores, agora xurde un novo tipo de estrutura funeraria que está acorde á organización social dese momento”, comenta a arqueóloga. Nesta mesma etapa, noutros puntos de Europa tamén están a enterrar en foxas aos mortos e a desenvolver ritos de incineración. “Nalgunhas zonas, sobre todo no Mediterráneo, fan estruturas monumentais para enterrar os mortos”, destaca.

Esenciais durante máis dun milenio

A cronoloxía que se amosa no estudo vai desde o 1.600 a.C. ata o 200 a.C. A investigadora afirma que non se sabe exactamente como desapareceron, pero explica que os ritos se van modificando co paso do tempo. “É xusto antes da chegada dos romanos, podería ser o cambio dos ritos ou que posteriormente se prohibiron este tipo de ritualismos”, menciona como posibles ideas a investigadora.

Pezas achadas dos Castrullos. Ilustracións: M.P. Prieto-Martínez et al. 2025

Sobre o seu uso nunha etapa tan prolongada da historia, Prieto fai unha comparación coas mámoas. “Estas, unha vez que se constrúen se seguen a usar pero ciclicamente: cada 400 ou 500 anos, alguén retorna á mámoa e a modifica ou a utiliza de forma distinta”, describe a experta. Tamén comenta que, incluso na época moderna, volven ás mámoas para tratar de obter tesouros, porque crían que podía achar algo. Iso si, as estruturas tipo ‘Roda’ teñen unha escala moito maior. “As mámoas son construídas e organizadas por familias, mentres que as ‘Rodas’ son por comunidades máis grandes”, considera Prieto.

Unha grande escala

O estudo concreta que a estandarización morfolóxica e a localización dos sitios tipo ‘Roda’ podería permitirnos comprender unha nova paisaxe monumental da Idade de Bronce, diferente á megalítica. Os achados apuntan a que estes sitios poderían ser o escenario de supracomunidades, deseñadas por uns poucos individuos nunha comunidade concreta pero adoptada por moitas nun amplo territorio.

O impacto que produciron estas poboacións é tal que nalgúns casos deixan pegada na toponimia local. Por exemplo, o Corro dos Mouros no caso de Lugo ou os Castrullos. Unha toponimia ancestral que, aínda que non sabemos canto tempo vai atrás, implica que as comunidades que viviron aí entenderon a importancia que tiña ese lugar, destaca. “Hai sitios que son especiais nas comunidades, como o Pico Sacro”, exemplifica Prieto, que destaca que lendas e outras tantas outras historias tiveron como protagonista ese lugar destacado de Galicia. Lugares especiais que agochan centos de historias detrás. No caso das ‘Rodas’, parece que aínda quedan moitas por contar.

1 comentario

  1. Lendo este artígo, e dado que hai unha roda n Barreiros, pregúntome se o nome de La Roda (parroquia de Tapia de Casariego), terá algo que ver ocn este tipo de xacementos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea