Venres 26 Abril 2024

Atopada no fondo do río Limia unha das embarcacións máis antigas do mundo

A piroga, a sétima localizada en Viana do Castelo, data da Idade de Ferro e está fita do tronco dun só carballo

Os ríos e os mares son uns grandes reveladores da historia. Miles de anos más tarde seguen achegando claridade aos modos de vida da antigüidade, descubrindo obxectos que axudan a comprender o pasado. O río Limia, ao seu paso por Viana do Castelo, leva 38 anos contándonos que na Idade de Ferro había pirogas monóxilas, é dicir, feitas do tronco dunha soa árbore. O achado non queda aí, xa que isto revela que os bosques estaban acondicionados e preparados polos habitantes do lugar. Fai unhas semanas apareceu unha sétima piroga neste río que nace en Galicia e desemboca en Portugal, e os expertos auguran que seguirán aparecendo máis. Unha das cousas que máis sorprenden é o seu bo estado de conservación. Semella que estaban agardando a ser atopadas.

Cando apareceu esta última embarcación os bombeiros e os arqueólogos do municipio achegáronse para retirala da beira do río. Contruíuse unha estrutura ríxida para colocala na parte superior e conducila ata o porto da cidade para ser enviada ao Centro Nacional de Arqueoloxía Náutica e Subacuática (CNANS). Agora está mergullada nun tanque con auga coa sanilidade exacta que ten o Limia e que precisa a piroga para seguir manténdose. “Conservouse grazas á lama. Agora vai ter que esperar 10 anos a que seque, a madeira ten unhas condicións específicas. As embarcacións están feitas de carballo, por aquel entón cultivaban carballeiras porque se a madeira tiña nós xa non servía”, conta o divulgador Paco Boluda.

Publicidade

Piroga atopada no río Limia.

O conxunto de pirogas que se levan atopado dende 1985 están clasificadas como Conxunto de Interese Nacional (CIN) e están recoñecidas como tesouros nacionais, son algo único no sur de Europa. “Trátase dun conxunto que, no contexto da península ibérica, non teñen paralelo tendo en conta o número de embarcacións involucradas, constituíndo un notable testemuño da navegación que se practicaba no río Limia dende a Idade de Ferro ata a Baixa Idade Media, datacións obtidas por radiocarbono“, sinala un documento da administración lusa.

Curiosamente, as pirogas apareceron nun lugar que se coñece hoxe como o topónimo Lugar da Passagem. “Esta tradición, historicamente probada por unha inscrición gravada nun bloque de granito con data de 1742, que aínda hoxe se conserva, refírese ao lugar onde se transportaban persoas e mercancías e onde, máis tarde, xurdiu unha ponte de conexión entre as dúas beiras do Limia”. E é que por aquel entón, “os ríos eran as autopistas que había”, conta Boluda, e aínda que non se atopasen as pirogas no noso país, “non significa que non as houbese”.

Os estudos enmarcaron a construción desta serie embarcacións no Neolítico por estar feitas dunha soa árbore, xa que existen precedentes en Europa e teñen un valor indiscutible para o estudo da cultura castrexa. As máis antigas que se atoparon en Viana do Castelo datan entre os séculos IV e III a.C. De feito, son unha das embarcacións máis antigas do mundo e das que hai un rexistro físico —probablemente si aparezan representadas en pinturas rupestres—. O diario Público conta que ademais das achadas no Limia atopáronse tres en todo o planeta: China, Nixeria e Holanda, con 8.000 anos de antigüidade.

Entre as sete pirogas atopadas no Limia tamén as hai máis recentes, como do período da Reconquista e da Idade Media. Porén, non todas estas embarcacións foron correctamente construídas nin se remataron de fabricar, é o caso da quinta piroga, que se abandonou no río porque de ter saído a navegar produciríase un varamento debido a súa morfoloxía.

O golfiño como poder “máxico”

A cuarta embarcación que se atopou ten unha “protuberancia zoomórfica” no seu remate. Evoca, segundo concluíron os antropólogos, á cabeza dun golfiño. A embarcación ten un orificio de menos de catro centímetros de diámetro que atravesa os dous extremos e que parece un ollo. Esta circunferencia pode ser moi práctica para introducir unha corda e arrastrar a piroga ata a terra. Unha análise realizada polos investigadores Álvaro Garrido e Francisco Alves conclúe que ademáis do valor estético ten unha importancia simbólica e incluso “máxica”. “Tallar a proa dunha piroga en forma de cabeza de golfiño non podería lembrar o lexítimo desexo de protexer a embarcación e á súa tripulación, apropiándose así dunha parte da personalidade benéfica do golfiño, facéndose próximo deses animais salvadores dos mariñeiros?“, cuestionan nun artigo. Mais esa é unha pregunta para a que de momento non hai resposta, e aínda haberá que esperar unha década para saber que nos veu contar desta vez a piroga número sete.

Extremo da piroga que imita a un golfiño.
Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.
00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño
00:03:43

C de Inés de Castro: A raíña eterna de Portugal

A historia da aristócrata de orixe galega móvese entre a realidade e a ficción. Casou con Pedro I e foi asasinada por mandato do seu sogro