Martes 3 Decembro 2024

Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño

Portugal e Galicia teñen unha historia en común ata que toman diferentes camiños en 1128, deixando atrás séculos de convivencia social que, en palabras do historiador Carlos Barros, alcanzaron a súa máxima expresión na conformación da lingua galego-portuguesa. Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño: o norte consolidaríase como o condado de Galicia e o sur como o de Portugal. No propio século XII nace o Reino de Portugal cando Afonso I se proclama rei e consegue a independencia do Reino de Galicia e León. Aquí xorde un proceso de formación nacional de Galicia cunhas consecuencias considerables non só dende o punto de vista territorial, que é o máis obvio, senón sobre as propias posibilidades do Reino de Galicia.

O historiador medieval da Universidade de Santiago (USC) Xosé Manuel Sánchez Sánchez apunta que “coa secesión da parte sur da antiga Gallaecia, o que se rabena realmente é unha posibilidade de expansión cara o sur”, apunta, se ben o resto dos reinos peninsulares como León, Castela e o mesmo Portugal despois, teñen posibilidades de expansión ao sur; no marco en que o propio conflicto cos musulmáns xera ampliación nas fronteiras, isto queda descartado para o Reino de Galicia no momento no que se constitúe de xeito efectivo, primeiro dende o reinado de Enrique de Borgoña cando se establece como conde, pero especialmente no momento no que xorde a monarquía portuguesa. Con todo, esta expansión estaba prevista que poidese ocorrer no século XI, tralo reinado de Fernando I e nos tempos do seu tercer fillo varón, García de Galicia (1042-1090).

Publicidade

Despois do seu goberno, o Reino de Galicia pasa a estar baixo a cabeza de Afonso VI, e este entrégao en forma de condado ao seu xenro, Raimundo de Borgoña, casado coa raíña Urraca. “As relacións entre espazos políticos sempre teñen os seus tempos mellores e peores. O Río Miño figura como un límite meridiano que clarifica dous espazos diferentes e posteriormente, os espazos políticos tiveron a súa competencia na posesión de territorios limítrofes, como a comarca da Limia, que foi disputada tanto por parte da aristocracia galega como no contexto dos reinos”, apunta Sánchez. Alfonso Raimúndez herdará todos os reinos da súa nai, Urraca, e será coroado rei de Galicia en 1111. En 1126, o título de rei de Galicia pasará a formar parte do patrimonio dos reis de León, e continuaría coa categoría de “Reino” ata a división territorial de 1833.

Combates pola soberanía de Galicia

Como sinala Carlos Barros no seu artigo La frontera medieval entre Galicia y Portugal, Afonso Henriques —o primeiro rei de Portugal— ocupa o sur de Galicia en varias ocasións entre 1130 e 1169 e neste último ano, cando foi prisioneiro por Fernando II de León en Badaxoz, cede Tui, Toroño e A Limia á coroa. Posteriormente, a nobreza portuguesa rompe co rei de León e cos señores da Galicia Lucense. “Queremos dicir que a liña de demarcación galego portuguesa fixada en 1169, despois de corenta anos de pugnas, é así mesmo unha consecuencia de feitos militares que enfrontaron aos grandes señores galegos entre si, segundo foran do rei de Castela ou do rei de Portugal, primeiros protagonistas por tanto dos combates pola soberanía de Galicia”, apunta Carlos Barros no seu artigo. A fronteira política recentemente creada tiña como obxectivo a finais do século XII delimitar as soberanías dos reis no noroeste peninsular. A partir de aquí, a poboación non dubidou sobre a xurisdición real que lles correspondía.

Publicidade

Foi a partir deste momento cando o norte pasa a depender de Castela e o sur de Portugal, cando se constrúe a nacionalidade galega que, como apunta o autor, gran parte das nacionalidades son de orixe medieval. Isto impulsou o avance e expansión da lingua galega e é no século XIII cando aparecen os primeiros escritos en galego. Aínda que houbesen dous reis diferentes, a lingua empregada polos habitantes era a mesma, de aí que se fale dun galego-portugués. En ningún outro lugar de Europa se constituíu unha nacionalidade común como ocorre entre Portugal e Galicia. “O que nos permiten ver os concilios progresivos, os costumes, é que poden enraizar cousas que chegan ata os nosos días e deixan unha pegada moi profunda. Son elementos culturais que podemos pescudar dende estes primeiros tempos da Gallaecia, nun conxunto máis amplo”, considera o historiador Xosé Manuel Sánchez.

A nova fronteira non afecta tan directamente á sociedade como ao poder feudal, de aí que a nobreza actúe como subordinada dos reis, xa que estes enviaban ofrendas para que se posicionasen do seu lado e facían o mesmo cos extranxeiros. “Nas guerras dos séculos XIV e XV existiron bandos portugueses nos reinos de Castela e León, e bandos casteláns no reino de Porugal”, explica Barros. Por iso, mentres que a nova fronteira non se modernizaba, había que posicionarse co rei que máis agasallos puidese facer.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón o aceite de xirasol para extraer microplásticos da auga

Investigadores das universidades de Vigo e Porto deseñan un sistema con potencial para incorporarse ás plantas de tratamento

Tratar o estrés do exército con realidade virtual: a premiada tese dunha exmilitar

O proxecto, gañador na VII edición do XoveTIC, céntrase na brigada de operacións especiais do exército portugués e no seu entrenamento técnico, táctico e cognitivo

Premio internacional para Carballo, o modelo lingüístico de IA creado na USC

O sistema utilizou máis de 6.000 millóns de palabras entre o galego e o portugués, dando prioridade ás variedades lingüísticas pouco representadas nos actuais modelos multilingües

Manchas solares no ceo da Coruña entre a nube de fume procedente de Portugal

O transporte de partículas ocasionado polos incendios do país veciño deixan uns ceos vermellos en Galicia