Cando se trata da historia romana, semella sempre que Galicia tivo un contacto máis esporádico que o resto da península ibérica cos exércitos deste imperio. Con todo, esta realidade está cambiando desde hai uns anos grazas aos achados de varios restos arqueolóxicos relacionados con actividades militares do exército romano, sobre todo na provincia de Lugo. De feito, o colectivo Romanarmy anunciou recentemente a localización de sete posibles novos campamentos militares na provincia luguesa.
Esta entidade, centrada no estudo do proceso de conquista do noroeste ibérico por parte de Roma, fixo estes descubrimentos grazas á aplicación de novas tecnoloxías. “Utilizamos un abano bastante amplo de técnicas que combinamos entre si. Sobre todo usamos fotografía aérea, porque o que queremos é entender a variación no tempo do territorio”, explican o arqueólogo Andrés Menéndez-Blanco e o xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, dous dos integrantes de Romanarmy.
“Primeiro adoitamos utilizar fotografías aéreas de diferentes coleccións, tanto de acceso público, como as do Instituto Xeográfico Nacional, como de entidades privadas, como as tomadas por Google Earth”, explica Menéndez-Blanco. “A continuación, combinámolas cunha tecnoloxía que dá resultados moi bos en sitios como Galicia e Asturias que é o LiDAR”, indica o arqueólogo. Segunco continúa Menéndez-Blanco, esta tecnoloxía “é unha especie de escaneado do territorio que permite ver as formas da superficie terrestre e filtrar a vexetación”. “Así podemos ver, por exemplo nun bosque, cal é a forma do terreo debaixo das árbores e recoñecer formas no territorio e na paisaxe que poden ser de orixe arqueolóxica”, detalla.
Manuel Gago recalca a importancia de “poder limpar a vexetación deste xeito”. “Para Galicia, isto foi un gran cambio. En Reino Unido ou Castela é moito máis sinxelo detectar este tipo de recintos militares porque hai moita menos vexetación ou hai prados, pero en Galicia isto non é así por dous motivos: primeiro, porque hai moitísimas fincas e iso divide moito o territorio; e segundo, porque hai unha masa forestal brutal“, indica Gago.
Desde Romanarmy insisten en que as características de Galicia inflúen á hora de atopar restos como os campamentos militares romanos, dada a súa natureza transitoria. “Os campamentos romanos, a maioría, son temporais. É dicir, son campamentos nos que estivo un continxente militar unha semana, quince días… mesmo un día só. E todo isto hai 2.000 anos”, di Gago. “Por riba, moitas veces tiñan instrucións de destruír os equipamentos unha vez que levantaran o campamento. Imaxina o que significa buscar algo que foi feito só para ser habitado durante tan pouco tempo e hai tantos séculos. Por iso, atopar asentamentos así era inconcibible hai 20 anos en Galicia”, sostén o divulgador cultural. Gago insiste, por tanto, na importancia destas novas tecnoloxías para estes achados: “Permiten un xeito de ollar que a escala humana non se pode ter: desde arriba e limpando a vexetación. Isto supuxo un cambio moi grande na historiografía galega de como foi o proceso da conquista romana”.
Como recoñecer que estamos ante un campamento romano?
Dos sete campamentos atopados, algúns como os de O Vedro da Fame, A Costa e As Pardellas ofrecen para os expertos máis seguridade á hora de encadralos dentro da categoría de campamentos. Isto é por unha serie de características que este equipo arqueolóxico leva estudando desde hai tempo. “O maior problema é distinguir que é cada cousa. Por exemplo, como distinguir un campamento romano, que é unha liña no terreo feita escavando na terra; dun cultivo temporal da época moderna ou mesmo máis recente porque ás veces teñen formas moi semellantes”, explica Andrés Menéndez-Blanco.
Este arqueólogo, que liderou a investigación, explica que o xeito de diferenciar unha forma doutra radica “na conservación da estrutura”. “Un dos elementos que definen estes campamentos e que seguen uns criterios moi específicos”, explica Menéndez-Blanco. “O campamento ideal ten forma de carta de naipe, cuadrangular ou rectangular coas esquinas redondeadas, e se están moi ben conservados teñen accesos e unha estrutura de protección que é moi recoñecible”, indica. O arqueólogo explica que nos campamentos moi ben conservados pódense recoñecer todas estas partes e, desta maneira, corroborar que os restos pertencen efectivamente a un campamento. “Se se conserva só parte da liña defensiva, pero non vemos os accesos ou non vemos todas as esquinas ou elementos, ás veces podemos estar diante doutro tipo de estrutura agraria ou algo semellante”, argumenta.
Cando atopan un campamento, saben que pode ser doado atopar máis. “Imaxina un coche que vai perdendo aceite: ti podes ir seguindo o rastro do camiño que vai deixando”, conta o xornalista. “O exército romano era un corpo predicible na súa forma de avanzar —tiña que conseguir que miles de persoas se desprazasen por un territorio e sobrevivisen—. Entón, os seus modelos de actuación eran case cuadriculados. Por iso, xeralmente, cando atopamos un dos campamentos, inmediatamente abrimos o rango e empezamos a buscar outros xacementos nun radio de 12 quilómetros, dependendo do espazo. Calculamos cales son as rutas posibles que abarcan ese continxente militar para seguir o eu rastro, localizalo e atopar as pistas que foi deixando o paso polo territorio de 3.000 ou 4.000 persoas hai 2.000 anos. Deste xeito, é grazas a súa experiencia previa, son capaces de “prever” onde pode atoparse o seguinte campamento.
“Nesta investigación, por exemplo, había cousas que podiamos prever e cousas que non. As que si é que nos últimos anos atopamos moitos campamentos militares na zona oriental luguesa. Por exemplo, na Fonsagrada, no concello de Baleira ou en Castroverde podiamos prever que íamos atopar algo. Noutros casos, está funcionando de maneira diferente porque canto máis imos ao occidente de Galicia, os campamentos están máis dispersos e o modelo agrario é diferente e as parcelas moito máis pequenas. Entón, ata ese momento todos os campamentos que coñeciamos estaban moi illados entre si”, explica Gago. “O que empezamos a ver agora é que podemos empezar a conectar os puntos. Agora, conforme van aparecendo máis campamentos somos capaces de empezar a obter novas preguntas e empezar a intuír parte da estratexia militar dos gobernantes. E así imos atopando campamentos que nos falan dunha afronta militar por todo o territorio”, engade.
A importancia destes achados para a nosa historia
“O máis importante é que cobre un espazo que non coñeciamos ben, porque nos últimos anos houbo moitos achados na provincia da Coruña, e Ourense, en Asturias e pola parte do Bierzo, pero despois quedou un espazo en branco que non nos permitía entender moi ben que pasaba alí no medio”, conta Andrés Menéndez-Blanco. “Estes achados, e outros recentes que están publicados nos últimos anos, van dando unha imaxe un pouco máis coherente. Permítennos conectar as cousas que cremos que pasaron en Asturias con Coruña, co Bierzo… Permiten entender mellor todo o territorio”, sinala.
“Durante moito tempo houbo un baleiro historiográfico arredor deste período. Nós sabiamos que había moitos castros que se abandonaban máis ou menos no cambio de era; e sabemos, polas fontes, que a finais do século I a.C. Augusto finaliza a conquista da Hispania e das súas operacións no noroeste peninsula”, sostén o xornalista. “Pero durante moito tempo incluso se chegou a negar que Galiza fose parte do campo de operacións diso. En parte porque non había restos arqueolóxicos e porque dalgunha forma chegou a ver unha construción ideolóxica desde o presente desa guerra do pasado. Pero o que temos agora é un enorme despregue militar e comezamos a intuír parte das operacións, aínda que nos faltan moitos puntos por conectar”, explica.
Para Romananrmy, deste xeito, a importancia destes descubrimentos radica en que “permite entender como foi ese conflito e que repercusións tivo na forma na que Galicia, ou Gallaecia, foi romanizada. Transformouse”. “O cambio foi moi grande e comprender como se produciu pódenos dar claves para interpretar como o noso territorio, foi evolucionando e adaptándose a esa nova realidade, cousa que ata o de agora non tiñamos”, di Gago.
Por todo isto, este colectivo fala sempre da importancia da conservación e da preservación dos achados e dos restos arqueolóxicos que forman parte da historia de Galicia. “Este é quizais un dos aspectos máis desesperantes do noso traballo, a sensación de que chegamos demasiado tarde”, di Manuel Gago. “Se nos grupos investigadores dispuxeran destas ferramentas tecnolóxicas hai 50 anos, é moi posible que o retrato que obtiveramos fose moito máis completo e máis detallado do que temos na actualidade”, apunta. Para Gago o problema é atoparse “no medio da tormenta perfecta”. “Por un lado, o rural estase transformando e as zonas de pasto estanse refortestando, o que implica destrución dos restos arqueolóxicos; e por outra parte utilízanse ademais máquinas moi potentes, moi grandes que explotan o territorio a nivel industrial. Se en Galicia xa había poucos restos preservados, nos últimos anos este proceso multiplicouse e os restos arqueolóxicos estanse degradando a unha velocidade moi superior á dos 2.000 anos anteriores. Por iso creo que necesitamos máis concienciación, sobre todo das administracións”, conclúe.
Andrés Menéndez-Blanco concorda: “Nós, cando encontramos algo, o primeiro que facemos é avisar ás administracións para que o inclúan dentro dos inventarios patrimoniais. O problema é que estas estruturas son moi fráxiles e unha deforestación ou a construción dun parque eólico pode afectar de maneira irremediable a un recinto deste tipo”. “Por iso, o primeiro paso pensamos que é ese, que a administración garanta a conservación dos xacementos”. É, segundo Gago, “unha absoluta carreira contrareloxo”.














