O inventario de zonas húmidas de Galicia incorpora 250 espazos máis

A última revisión sitúa en 650 os elementos catalogados, que abranguen unha superficie total de máis de 45.000 hectáreas

O inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo que hai no país, acaba de ampliarse coa incorporación de 250 novos elementos e a actualización de 10 que xa estaban incluídos. Así se recolle na resolución que publica este martes o Diario Oficial de Galicia, na que se informa tamén de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario de zonas húmidas de Galicia a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio para tal fin.

A finalidade do inventario, segundo explican dende a Consellería de Medio Ambiente, “é preservar e destacar o papel que xogan as zonas húmidas para o coidado e a protección da biodiversidade”, malia que este catálogo non implique en si mesmo ningún réxime de protección destes espazos. O obxectivo do inventario é estandarizar toda a información dispoñible relativa aos humidais de Galicia para dispoñer dunha base de referencia para os cambios futuros e dispoñer dunha ferramenta que permita planificar e xestionar o patrimonio natural.

Publicidade

Dende Medio Ambiente aclaran que a inclusión de zonas húmidas nesta listaxe por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural realízase de forma progresiva, mentres que a revisión e actualización da información xa existente faise de maneira permanente, cando resulte necesario.

Ata o de agora o inventario de zonas húmidas de Galicia incluía 400 elementos cunha superficie de 43.904 hectáreas. Coa inclusión publicada este martes de 250 espazos máis xa son 650 as zonas húmidas inventariadas en toda Galicia, abranguendo un total de 45.142 hectáreas. Ademais, aproveitouse a revisión para actualizar a información relativa a 10 zonas húmidas xa inventariadas coa incorporación de novos elementos.

Publicidade

Cómpre lembrar que Galicia é a cuarta comunidade española —por detrás de Andalucía, Valencia e Castela A Mancha— con máis humidais incluídos na listaxe Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo e do que gozan 6 zonas húmidas galegas: a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As zonas húmidas, eficaces na limpeza de antibióticos das augas residuais

Un novo estudo revela que as solucións baseadas na natureza son máis efectivas que as tecnoloxías convencionais para eliminar os medicamentos e os xenes de resistencia antimicrobiana

Os expertos alertan dunha “dramática perda” de zonas húmidas en toda Galicia

O último inventario data de 2003 e incluíanse máis de 1.100 destes espazos naturais, dos que tan só cinco están protexidos internacionalmente

As zonas húmidas da Terra poderían descender un 74% para finais de século

Os ecosistemas áridos adáptanse co cambio climático aos sistemas temperados, segundo un estudo que conta con participación española

O novo avance da gripe aviaria obriga a tomar medidas en Galicia

Os avicultores de sete concellos de Arousa veranse obrigados a pechar ás súas aves de curral para evitar o contacto coas aves silvestres