Tan só pesa 1,24 gramos e mide 16,1 milímetros. Unhas reducidas dimensións que non lle restan, en ningún caso, o seu incalculable valor histórico: é, probablemente, a moeda que recolle a primeira mención a Galicia. Coñecida pola bibliografía numismática dende o século XIX, este tesouro do reino suevo vaise poxar o 25 de xuño en Madrid por un prezo de saída de 15.000 euros. A casa que alberga agora a moeda, a de José Vico, considéraa “rarísima e posiblemente única”. Un tesouro, a todas luces, que aínda ten moito que achegar á historia de Galicia.
Segundo explican dende a institución de José Vico, a moeda atopouse en Castelo Branco, en Portugal, e aparecen referencias a ela na bibliografía numismática dende hai 200 anos. Primeiro formou parte da colección lusa Pavia Pessoa e, despois, poxouse na casa Sotheby’s en Nova York, en 1993. Pasou a mans do numismático Antonio Orol e agora está por determinar o seu próximo propietario.
Sobre a historia da moeda, á que fai alusión a casa José Vico, existen dúas hipóteses. Seguindo a tese do historiador Livermore, a inscrición GALLICA PAX (paz con Galica) fai referencia ao tratado de paz que o rei suevo Miro (570-580) asinou cos merovinxios —unha dinastía de orixe xermana que gobernou na actual Francia— para defenderse dos visigodos. Con todos, a frota enviada polos aliados dos galos foi derrotada con superioridade polos xermanos.
Porén, hai outros autores, como o tamén historiador Reinhart, que cren que a inscrición GALLICA fai referencia a Regnum Gallicense. Este é o nome co que o bispo Gregorio de Tours se refería ao reino suevo. “De ser certa esta interpretación, estariamos ante a primeira mención a Galicia nunha moeda”, sinalan dende a casa de poxas.
Cal foi a primeira moeda?
O reino suevo foi clave para a numismática medieval galega. De feito, foi no século V cando o rei Requiario mandou acuñar a primeira moeda. Dela só se conservan seis exemplares de prata co seu nome e de moi reducido tamaño, dado que son equivalentes a unha moeda de tan só dous céntimos. Sobre a superficie de prata aparece o busto dun rei ou dun emperador que podería ser Honorio. No reverse pode lerse a inscrición IVSSV RECHIARI REGIS, que identifica a Requiario como rei, e as letras BR, que indican que se acuñaron na ceca —antiga fábrica de moeda— de Bracara, actual Braga, e capital do reino suevo.














