Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

M de Moeda. ‘Insert coin’: Galicia pioneira do vil metal

O rei suevo Requiario acuñou as primeiras pezas do medievo galego, das que tan só se conservan seis exemplares de prata

As moedas que tintinan na túa carteira estanche contando unha historia. En realidade, sobre a súa superficie metálica e rugosa agóchanse séculos de circulación monetaria tan irregular como complexa. Os euros cos que pagas na panadaría non deixan de ser a evolución natural das moedas de ouro e prata coas que comerciaban os teus devanceiros durante a Idade Media. Diferéncianse no tamaño, na impresión, no valor e no material do que están feitas, pero ambos modelos serven para o mesmo: o intercambio. Para entender a circulación monetaria na Galicia medieval hai que retrotraerse ao século V, cando o rei suevo Requiario mandou acuñar a primeira moeda medieval galega. Despois chegaron os visigodos, o Camiño de Santiago e os reis de León e Castela para deixaren unha pegada indeleble na numismática do Reino de Galicia.

“Os suevos acuñan moedas de prata ao nome de Requiario, o primeiro rei do que temos noticia nunha moeda”, di o experto en numismática Antonio Roma Valdés, que publicou recentemente un artigo sobre a circulación monetaria do século XII na revista Cuadernos de Estudios Gallegos. Segundo explica Roma, da primeira moeda medieval de Galicia só se coñecen seis exemplares de moi reducido tamaño, dado que son equivalentes ás moedas de dous céntimos. Sobre a superficie de prata aparece o busto dun rei ou dun emperador que podería ser Honorio, detalla o experto. O que si aparece no reverso da moeda é a inscrición IVSSV RECHIARI REGIS, que identifica a Requiario como rei, e as letras BR, que indican que se acuñaron na ceca —antiga fábrica de moeda— de Bracara, actual Braga, e capital do Reino suevo. Tamén se ten constancia, segundo Roma Valdés, da acuñación de moeda de ouro por parte deste pobo xermánico mais hai poucos datos sobre as súas áreas de circulación.

Publicidade

A numismática medieval de Galicia tivo aos suevos como primeiros referentes e aos visigodos como continuadores da tradición monetaria. “Acuñan moeda en todo o sur de Galicia e seguen un patrón de peso de orixe bizantina. As moedas denomínanse tremises, miden entre 16 e 18 centímetros e pesan pouco máis dun gramo”, describe Roma Valdés. Estas moedas acúñanse fundamentalmente en Tui, Lugo e Ourense, así como en aldeas de pequeno tamaño, dado que había moitas cecas repartidas por todo o territorio. Con todo, durante o reinado visigodo segue a acuñarse pouca moeda. “Tiña interese feudal. Servía para pagar tropas, entre outras finalidades, pero non é unha moeda que circule dabondo”, apunta o experto galego. Roma Valdés explica que tamén servían para pagar impostos e, en resumidas contas, como pago de taxas. De todos modos, o seu uso era moito máis limitado e restrinxido do que cabe imaxinar, dado que a circulación monetaria nos primeiros séculos da Idade Media dificilmente se pode comparar coa actual.

Os anos escuros

Despois do colapso dos visigodos pola chegada dos árabes, a circulación monetaria en Galicia queda silenciada durante séculos. “Hai moita despoboación no noroeste. Atopáronse exemplares de moedas hispano-árabes nalgún xacemento, pero foron achados ocasionais e dos que hai poucos datos. Posiblemente quedaron alí por algunha tropa ou por comercios menores”, explica Roma Valdés. O motivo polo que a moeda deixa de circular no Reino de Galicia é, sen dúbida, pola influencia árabe. As zonas do norte quedaron illadas ao non formar parte do Califato de Córdoba que, segundo o experto galego, si chegou a emitir “moita moeda e de gran calidade”. Ante a ausencia deste medio de pago, a poboación recorría ao troco como forma habitual de intercambiar os seus produtos. “Hai un espazo sen moeda dende o século VIII ata a apertura do Camiño de Santiago; o cambio máis significativo en todo o norte da península”, sinala Roma Valdés.

Publicidade

A pegada indeleble do Camiño

As regras do xogo cambian completamente coa apertura do Camiño, que produce un cambio progresivo e imparable na circulación monetaria da Galicia medieval. Segundo explica Valdés, ata Compostela chegan moedeiros de Francia e Italia en calidade de peregrinos. Atópanse con que no norte da península había moita prata pero non se acuñaba moeda, exactamente o contrario do que acontecía en Francia. “Xorde un negocio importantísimo entre o rei e os moedeiros. É unha pequena tormenta perfecta para que Afonso VI emita as súas primeiras moedas”, apunta Roma Valdés.

Un exemplar da primeira moeda medieval de Galicia. É de prata, foi acuñada polo rei suevo Requiario, e ten o tamaño equivalente a unha moeda de dous céntimos.
Un exemplar da primeira moeda medieval de Galicia. É de prata, foi acuñada polo rei suevo Requiario, e ten o tamaño equivalente a unha moeda de dous céntimos.

Pero a pegada do Camiño, máis concretamente de Compostela, vai moito máis alá. O bispo Peláez xa intentara —e ao parecer conseguírao— ter o dereito de acuñar moeda en 1073 para construír a igrexa do Apóstolo, que máis tarde se convertiría en catedral. De feito, segundo explica Ernesto Iglesias Almeida no libro As moedas medievais galegas, a casa da moeda estaba na rúa da Acibechería, que antigamente se chamaba rúa da Moeda Vella, onde se sabe que traballaban os moedeiros Ademario e Tandulfo. O paso final conseguiuse o 10 de febreiro de 1107, cando Afonso VI lle concede o “excepcional privilexio” ao bispo Xelmírez de acuñar moeda para a construción da catedral. “O rei intenta retrasalo pero ao final confírelle o dereito; un dereito que os bispos composteláns van renovando co tempo”, indica o experto galego.

Unha das anécdotas máis curiosas asocidas ás moedas medievais que se acuñaron en Compostela está relacionada, precisamente, co recoñecido Mestre Mateo. Segundo explica Roma Valdés, o pórtico da Gloria finánciase grazas á concesión de Fernando II en 1167 de acuñar moeda. “O rei págalle 200 morabetinos de billón ao Mestre Mateo. Sabemos quen foi o arquitecto da obra porque temos o pago que acorda Fernando II de León”, detalla o experto en numismática. De feito, algunhas das moedas que se acuñaron en Compostela pódense ver no Museo das Peregrinacións, do que Roma Valdés salienta unha moeda atopada no Grove que representa a translatio do Apóstolo por mar.

Unha forma de propaganda

A partir do século XII cada vez fabrícase máis moeda en Galicia, tanto por parte dos bispos como dos reis. Outro dos grandes cambios da circulación monetaria medieval chega en 1236, cando Afonso IX O Sabio —coñecido como Afonso X pola historiografía española— transforma a organización da fabricación de moeda. “Reduce o número de cecas en todo o reino, que pasan de seis a oito segundo o momento. Unha das máis importantes é a da Coruña”, explica Roma Valdés. Este taller súmase aos de Burgos, Sevilla, Toledo, León e Cuenca pero as moedas fabricadas na Coruña, tanto en cantidade como en calidade, “son as máis importantes de toda a Idade Media”.

A partir do Gótico, a concepción da moeda vai un paso máis alá e xa comeza a ser percibida polos reis como unha forma máis de propaganda. É común, por tanto, que aparezan tres elementos sobre o seu relevo: o busto do monarca, os castelos e os leóns. No que respecta aos materiais, abandónase a prata e o ouro e substitúense por billón, unha aleación entre prata e cobre. Amais disto, todas as moedas teñen unha marca da ceca onde foron acuñadas. Como exemplo, Roma Valdés indica que as da Coruña levan impresas unha cuncha. A circulación monetaria, por tanto, era moi abondosa porque xustamente a partir do século XIII a moeda xa se emprega en todos os espazos como medio de intercambio.

O resto da historia da numismática é, valga a redundancia, historia propiamente dita. Como dixo Iglesias Almeida na súa obra: “As moedas verdadeiramente galegas soamente corresponden a aquelas que foron acuñadas no seu territorio histórico: as dos romanos, suevos, visigodos, as do arcebispo Xelmírez, as dos reis de León, Castela, como dos verdadeiros monarcas que foran da terra, e mesmos os reis de Portugal nas súas entradas que teñen feito nela”. Un repaso conciso, detallado e sucinto dunha circulación monetaria chea de reviravoltas, que converteu a Galicia en pioneira do vil metal, e que construíu chanzo a chanzo o que somos hoxe.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

A moeda coa primeira mención a Galicia adquiriuna un estranxeiro por 52.500 euros

A Xunta iniciou o procedemento para declarar sete exemplares históricos como ben de interese cultural, mais este proceso non impide a súa compra en mans privadas

A Xunta protexerá como ben cultural sete moedas históricas que sairán a poxa

A colección do numismático galego Antonio Orol contén pezas "excepcionais e únicas" que testemuñan a presenza do reino suevo e do medievo renacentista no país

Rarísima e única: a moeda coa primeira mención a Galicia poxarase por 15.000 euros

O exemplar pode facer alusión a un tratado que o rei suevo Miro asinou cunha dinastía gala para defenderse dos visigodos