A Xunta protexerá como ben cultural sete moedas históricas que sairán a poxa

A colección do numismático galego Antonio Orol contén pezas "excepcionais e únicas" que testemuñan a presenza do reino suevo e do medievo renacentista no país

A poxa da moeda coa primeira inscrición de Galicia fixo saltar as alarmas. Este histórico exemplar datado nos tempos do reino suevo pertenceu á colección do numismático galego Antonio Orol e o 25 de xuño poxarase na casa Jesús Vico, en Madrid, por un prezo de saída de 15.000 euros. Pouco despois de que se coñecese a noticia, a Xunta emitiu un comunicado para anunciar o inicio do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural sete moedas pertencentes á colección privada de Orol, que sairán a poxa a vindeira semana. Non especificaban cales eran os exemplares, mais é probable que a moeda sueva figure entre eles.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o “excepcional valor” das pezas e explicou que a declaración como ben cultural suporá a súa “inmediata salvagarda e protección”. Ademais, solicitaráselle ao Goberno central que se impida a exportación das moedas, dada a súa relevancia cultural para Galicia.

Publicidade

O equipo técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valorou as pezas que pertenceron a Orol e atoparon “exemplares únicos”. “Supoñen unha testemuña material e documentada da presenza do reino suevo en Galicia, así como do medievo renacentista, que exceden o interese dos coleccionistas”, sinalan fontes da consellería.

Incuestionable valor artístico e cultural

Consecuentemente, a avaliación dos técnicos determina que teñen a categoría tanto para a historia da península, como para Galicia en particular, de obxecto moble singular. Deste xeito, a declaración de Ben de Interese Cultural suporalles a protección patrimonial exixida polo seus valores históricos, artísticos, culturais e tamén identitarios e territoriais. “Plasman con singular relevancia o seu vínculo coa Gallaecia histórica e a existencia do reino suevo dentro do período alto medieval”, apuntan.

Publicidade

Debido a relevancia destas moedas para o patrimonio cultural de Galicia, a Xunta vaille solicitar “de xeito inmediato” ao Ministerio de Cultura que emita a Orde que as declare inexportables, como medida cautelar previa ata que se incoe o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural. Deste xeito, trátase de evitar a súa posible saída do país e unha perda artística e documental inestimable. No momento en que se publique a incoación no Diario Oficial de Galicia, a Administración autonómica disporá dun prazo de 24 meses para completar o expediente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un gaiteiro e unha soprano: estes son os rexistros sonoros máis antigos en galego

O Consello da Cultura Galega publica Alborada, gravado entre 1897 e 1900, unha muiñeira do 1900 e outras dúas pezas

A moeda coa primeira mención a Galicia adquiriuna un estranxeiro por 52.500 euros

A Xunta iniciou o procedemento para declarar sete exemplares históricos como ben de interese cultural, mais este proceso non impide a súa compra en mans privadas

Rarísima e única: a moeda coa primeira mención a Galicia poxarase por 15.000 euros

O exemplar pode facer alusión a un tratado que o rei suevo Miro asinou cunha dinastía gala para defenderse dos visigodos

Nun saco e ao mar: a terrible condena a morte na Galicia de 1220

Didacus Roderici, dos Sillobre, foi sentenciado por Afonso IX a morrer afogado e que o seu corpo quedase abandonado no temible océano do século XII