Estudar a evolución da verbena galega a través dos palcos: “Xa non se baila, vaise ver a orquestra”

Unha investigación que analizou ata 350 palcos para festas de entre os anos 1970 e o 2000 recibe o premio de Ciencia Cidadá do CSIC

Nunha saída da estrada AC-960 en Rodiño Grande, Boqueixón, atópase un lugar propio para as festas. Neses días destacados no calendario, varios postos rodean unha praza de asfalto, un camiño pechado para os coches polos centos de persoas que enchen o lugar. Ademais de atraccións varias, os negocios que ofrecen comida (normalmente centrados no polbo e no churrasco) e bebida rodean a praza por varios lados. E, xusto diante, un palco de cor branca, amplo e con teito.

A súa presenza é, para moita xente, algo que se dá por feito, coma se fosen parte da natureza. Detrás de cada un deles hai unha historia: un concello que considera necesario telo, unha ou varias persoas que intentan apañar e facelo a man e, en moitos casos, un grupo de veciños que se poñen de acordo para pagar a súa creación. De aí os seus estilos, ás veces encadrados no chamado “feísmo”, pero que xa forman parte do patrimonio galego. Placas e bloques de formigón, ás veces combinados con ladrillos e, nalgunhas ocasións, madeira. Os tellados poden tamén ser como a maioría do resto da estrutura pero, ás veces, tamén se utilizan uralitas. E despois, aqueles creados con ornamentacións metálicas ou, aínda que é máis raro, de madeira.

Publicidade

Palco en San Vicenzo do Pino

Palcos que evolucionan coa música

O palco transformouse co paso dos anos, das décadas. Evolucionou polo cambio no uso de certos materiais máis baratos pero, sobre todo, segundo a música que destacaba no seu momento. Así o ve o grupo de investigación do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A súa investigación “PALCOS. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega” é proba da importancia que teñen estes elementos na contorna da comunidade e nas parroquias nos que están situados. Proxecto que analizou ata 350 estruturas e, malia que aínda non está completamente rematado (pero si na súa fase final), xa acadou o premio de Ciencia Cidadá do CSIC. Os seus contidos están publicados en aberto na súa páxina web.

O que máis destacan desde o equipo investigador é a evolución destas estruturas. As máis antigas podían situarse, en moitas ocasións, nun punto central. A maioría, de pedra e cunha forma circular. “A formación musical que actuaba era un gaiteiro ou dous ou tres persoas”, afirma Íñigo Sánchez, doutor en Antropoloxía pola Universidade de Barcelona e investigador principal do proxecto. Os palcos que estuda principalmente este proxecto, os creados entre os anos 1970 e 2000, tenden a situarse máis nos laterais. É parte da evolución das festas: a súa forma, máis rectangular, con teitos e paredes que resgardan mellor, permiten ter a bandas grandes no escenario. Ademais, tamén xoga un papel a electrificación: novas tecnoloxías introducidas na música nesas décadas e que eran máis sensibles ás inclemencias do tempo.

Publicidade

Menos comunitario, máis espectáculo

Palco de dous pisos en Oia

As consecuencias deste cambio na forma e na distribución dos palcos tamén están vinculados coa interacción do público. Nas verbenas das últimas décadas, as agrupacións musicais poden chegar a ser moito máis grandes (como orquestras). Consecuencia disto algúns palcos contan ata con dous pisos. A súa disposición favorece que moitas persoas poidan observar os artistas e o espectáculo (bailaríns, por exemplo, se os hai).

“Observamos esa evolución dunhas festas máis ‘participativas’ e comunitarias a entender a música desde o punto de vista do espectáculo”, considera o antropólogo. Os palcos rectangulares tamén contribúen a ter unha mellor sonoridade e proxecta mellor a música. “Unha frase que xorde bastante nos talleres que fixemos é que na verbena xa non se baila, vaise ver a orquestra”, explica Sánchez.

Cambios na demografía

Tamén analiza o proceso de democratización que viviron. Por exemplo, a maior facilidade para ter un coche facilitou que máis xente asistise ás verbenas. “Á festa parroquial ían os veciños. Agora son moito máis multitudinarias”, asegura o antropólogo. Tamén o relaciona coa aparición das grandes orquestras, como Panorama ou París de Noia e que teñen “fans” que as seguen por Galicia. “É un cambio moi importante na maneira de facer a festa”, asegura.

Os cambios rexistrados no eido da música contrastan con outros elementos centrais das verbenas. É o caso de certas comidas como o modelo de negocio do polbo ou do churrasco. “En moitos casos, de feito, as familias que levan esas polbeiras son as mesmas” explica o investigador, tema que considera interesante para futuros estudos.

A demografía é outro dos factores fundamentais que está a xogar un papel clave nas transformacións destas festas. Moitas parroquias son, cada vez, máis pequenas. A raíz diso xorde un debate sobre a súa sostibilidade económica. “A perda de poboación e os cambios sociodemográficos do rural debilitan a capacidade organizativa das comunidades para organizalas”, asegura Sánchez. O gasto para atraer a orquestras, bandas e montar a romaría tradicional do pobo é máis difícil de asumir cando hai menos veciños para poñer cartos ou menos persoas nunha mesma zona na que hai varias festas.

A chegada da xente moza

A pesar das dificultades, Sánchez cre que estamos vivindo unha nova transformación na mentalidade de parte da sociedade. “Eu creo que hai un movemento para intentar volver ás festas como eran: máis pequenas e máis comunitarias”, analiza o experto do INCIPIT.

Aínda que o estudo rematará previsiblemente en outono, Sánchez cre que a base do proxecto continuará crecendo e desenvolvéndose no futuro. Ademais, pensa que hai diversos temas que aínda quedan por explorar. Por exemplo, malia que nos anos 80 e 90 a xente moza deixou de ir tanto ás verbenas para estar nas discotecas, agora considera que volve haber rapaces interesados. Isto implica tamén novas ideas e formas de ver a verbena fronte aos que tradicionalmente se encargaban de organizalas. Un choque de xeracións que, sen dúbida, é necesario para a supervivencia das festas tradicionais galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos