O Supremo obriga os Franco a devolver a Santiago as esculturas do Mestre Mateu

O Alto Tribunal afirma que se produciu “un erro patente e manifesto na valoración de varias probas” na sentenza da Audiencia Nacional

A Sala do Civil do Tribunal Supremo deulle a razón ao Concello de Santiago. A familia Franco terá que devolver á administración pública as esculturas do Mestre Mateu, creadas para o Pórtico da Gloria.

“Hoxe é un día histórico para Santiago e para todo o noso país”, asegurou a alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín. O conflito legal comezou no ano 2017 cando o Concello de Santiago decidiu tratar de recuperar as pezas. O consistorio quería demostrar que adquiriu ambas as esculturas o 4 de xuño de 1948, para o que tiña como proba unha escritura pública e informes.

Publicidade

En xullo de 1954, Carmen Polo (a esposa de Francisco Franco) mostraría interese por estas tras unha visita. O ditador, para compracer a vontade da súa muller e sen ningún tipo de acordo legal que o permitise, decidiu facerse coas estatuas. A familia levounas ao Pazo de Meirás, outro lugar que, tras ser espoliado polo ditador e despois de anos de loita legal, tamén volve pertencer ao patrimonio público.

Un erro patente na valoración das probas

A Audiencia Nacional considerou que as pezas non estaban correctamente identificadas. Algo que, para o Supremo, foi “un erro patente e manifesto na valoración de varias probas”, segundo o Alto Tribunal. “A identificación das estatuas reivindicadas como as que están en poder dos demandados é clara”, explica, e engade que non hai lugar a dúbida ante a documentación e o informe pericial co que contaban. Ademais, unha das esculturas contaba cunha fractura que tamén era descrita nos informes que tiña o Concello.

Publicidade

O Tribunal Supremo explica que este era o único punto que evitaba que se lle concedera as esculturas de volta aos Franco. “Unha vez constatado que os bens reivindicados son os que están en poder dos demandados, a demanda (…) debe ser estimada”, conclúen desde a Sala do Civil. Para a rexedora local “é un día de festa para a sociedade civil” e, conclúe, “é o día no que se fai xustiza social”. Agora, as esculturas do Mestre Mateu volven ser de todos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía