Luns 23 Xuño 2025

As esculturas espoliadas de Carboeiro: “Teñen que ser devoltas ao mosteiro”

Unha investigación do historiador Francisco Prado demostra que as figuras, hoxe expostas no Museo Marés de Barcelona, foron roubadas nos anos 50

Outubro de 1957. Dúas figuras desaparecen do tímpano do mosteiro de Carboeiro. As esculturas, talladas en granito e datadas a finais do século XII, representan un Cristo entronizado e os símbolos de San Xoán e San Lucas. En 1980, unha coleccionista de orixe alemá véndellas ao Museo Marés de Barcelona, onde están expostas na actualidade. Agora, unha investigación do historiador Francisco Prado-Vilar acaba de revolucionar o caso, ao demostrar que as esculturas foron espoliadas a finais dos anos 50. A raíz deste estudo, a Xunta de Galicia informou ao museo catalán da procedencia ilegal das imaxes. E este martes, a institución cultural confirmaba a apertura dun informe técnico e a posibilidade de que as figuras sexan devoltas a Galicia.

“Teñen un valor incalculable porque o mosteiro de Carboeiro é un dos máis importantes e monumentais de Galicia, por non mencionar que é contemporáneo a toda a obra do Mestre Mateo“, salienta Prado-Vilar, investigador distinguido da Universidade de Santiago (USC). De feito, as súas pesquisas iniciais non estaban orientadas a descubrir que acontecera coas figuras de Carboeiro, senón a recabar información das pezas do Mestre Mateo que están no poder da familia Franco. Neste proceso, Prado-Vilar atopou unha carta que escribiu Manuel Chamoso Lamas, comisario en Galicia, Asturias e León da administración de Patrimonio durante o franquismo. A misiva, dirixida ao arquitecto Luis Menéndez Pidal, ofrece detalles ata agora descoñecidos da desaparición das figuras de Carboeiro. O arqueólogo galego non só deixa por escrito que se tratou dun roubo, senón que tamén explica como solicitou a axuda das autoridades competentes e o control das aduanas para que as figuras non saíran cara ao estranxeiro.

Publicidade

O seu emprazamento orixinal na portada da igrexa de Carboeiro en 1919. Crédito: Fundació Institut Amarller d’Art Hispànic Arxiu Mas / Museo Marés

Malia a importancia clave desta carta, Chamoso Lamas non especificou en que datas se levou a cabo o espolio en Carboeiro. Unha lagoa que queda perfectamente cuberta grazas a outro documento: a denuncia do roubo que Xosé Filgueira Valverde, apoderado de Patrimonio na provincia de Pontevedra, presenta ante a dirección xeral de Belas Artes. “Foi o 21 de outubro de 1957 e dise que a subtracción se produciu a semana anterior. Trátase dunha denuncia oficial coa data exacta de entrada que complementa a carta de Chamoso”, engade Prado-Vilar, manifestando que existen probas documentais e fidedignas de que as esculturas foron espoliadas do templo localizado en Silleda.

Porén, o roubo destas figuras non foi un acontecemento illado no tempo nin no espazo. Prado-Vilar confirma que Carboeiro sufriu un “espolio continuado” na década dos 50. “Denúncianse roubos de perpiaños, ménsulas e incluso inscricións”, detalla o investigador da USC, tamén adscrito ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas (CISPAC). O experto lembra a desaparición dunha gran cheminea, situada enriba da casa reitoral, que supuxo toda unha obra de enxeñaría civil e que hoxe só coñecemos a través das fotografías. O máis probable, segundo continúa explicando, é que fosen quitando as pedras para reutilizalas. “Houbo moitas denuncias pero a das esculturas é especialmente importante. Son dúas pezas escultóricas que sabemos onde están e, por tanto, pódense reclamar”, asegura Prado-Vilar.

Publicidade

“O mosteiro sufriu roubos continuados durante a década dos 50”

FRANCISCO PRADO-VILAR, investigador distinguido da USC e do CISPAC

En realidade, as esculturas non estaban perdidas, senón que se sabía a ciencia certa que as tiña expostas o Museo Marés. O experto da USC afirma que a institución catalá nunca ocultou a orixe das figuras graníticas e, de feito, na súa páxina web pode comprobarse que proceden de Carboeiro. “Despois da desamortización houbo mosteiros que acabaron en propiedades privadas e que non tiñan a condición de Monumento Nacional Protexido. Polo tanto, moitas das súas pezas vendíanse lexitimamente e introducíanse no mercado da arte”, explica Prado-Vilar. O historiador cre que esta foi a hipótese coa que o Museo Marés adquiriu as esculturas, descoñecedor da súa orixe ilícita. “Carboeiro quedou protexido en 1931, polo que non se podían sacar pezas despois desa data. Ademais, neste caso temos unha denuncia oficial do roubo, polo que non hai dúbida do que aconteceu. Se algo entra no mercado negro da arte procedente dun espolio e despois se atopa nunha colección, ten que ser inmediatamente devolto”, detalla o investigador.

Un coleccionista con vínculos nazis

Detrás destas esculturas non só está a súa fascinante historia medieval, senón a vida da persoa que as mercou e as ocultou durante anos. Ata principios dos 80, as imaxes estiveron nas mans de Ferdinand Birk, un coleccionista de orixe alemá afincado en Barcelona antes da Guerra Civil. Despois da contenda, tivo un contacto moi directo con empresas nazis que operaban na Cidade Condal a través de filiais españolas e que, durante o franquismo, seguiron prosperando. “Entre estes nazis reconvertidos estaba Birk, que seguiu en Barcelona e chegou a recibir unha medalla do franquismo“, explica Prado-Vilar, quen cualifica ao coleccionista como “un personaxe moi escuro”. Cando el morreu en 1977, a súa viúva Erika Birk vendeu as pezas do seu home, que atesouraba unha importante colección de pintura gótica. Entre todo iso, as esculturas de Carboeiro que adquiriu o museo catalán.

Os pasos a seguir

Grazas á investigación de Prado-Vilar, xa se puxo en marcha todo un resorte que ten como principal obxectivo a recuperación das esculturas medievais. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, púxose este luns en contacto co director do Museo Marés, Salvador García Arnillas. Ademais dunha conversación telefónica, Rodríguez enviou unha consulta informativa na que se deixaba constancia da procedencia ilegal das esculturas. A institución catalá confirmou que xa está en marcha un informe técnico que se presentará nos próximos días. Unha vez que se consulte o arquivo e se analice a información dispoñible, o Concello de Barcelona, do que depende o Museo Marés, tomará unha decisión.

Á espera de que nos próximos días se coñeza a versión definitiva, Prado-Vilar insiste en que esas figuras deberán retornar a Galicia. “En principio volverán ao monumento, pero tamén poderían restituírse porque están os ocos no tímpano”, explica o investigador da USC. E continúa: “Das tres figuras que conformaban o conxunto, unha delas non a puideron roubar. Posiblemente porque lles pareceu moi difícil ou non tiñan tempo. Polo tanto, aínda queda unha in situ“. Polo tanto, as dúas esculturas poderían volver á casa case 70 anos despois da súa desaparición, volvendo a ocupar o lugar privilexiado e de incalculable valor que habitaron durante máis de 700 anos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do detector de metal ao tráfico ‘online’: así se venden as pezas dos espolios arqueolóxicos

Os arquéologos piden medidas para evitar o saqueo e venda ilegal de pezas arqueolóxicas, como aconteceu na recente Operación Bronce

Alberto G. Basteiro: “Canto antes se avalíe o que pasou, máis marxe teremos para mellorar”

O epidemiólogo de Vilalba é un dos asinantes da carta que pide unha avaliación independente da resposta á crise da Covid-19 en España

Comeza en Barcelona un ensaio clínico con cannabis para tratar a endometriose

A investigación que desenvolveron os investigadores da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona aliviou a sensibilidade á dor en roedores

O festival Sónar envía 33 cancións a un planeta a 12 anos luz

A selección de temas inclúe a Jean Michel Jarre e quere contactar con algunha intelixencia extraterrestre