Venres 26 Abril 2024

Do detector de metal ao tráfico ‘online’: así se venden as pezas dos espolios arqueolóxicos

Os arquéologos piden medidas para evitar o saqueo e venda ilegal de pezas arqueolóxicas, como aconteceu na recente Operación Bronce

Dun tempo para aquí, os arqueólogos están comezando a percibir que o uso de detectores de metal para espoliar xacementos son cada vez máis frecuentes. Percíbeno polos buracos cos que se atopan e latas que quedan solitarias fronte ao baleiro doutros artefactos. Obxectos de ouro, prata ou bronce son achados con detectores de metais e mestúranse entre antigüidades en páxinas de compravenda como ebay ou Catawiki, que incluso dedica unha sección a crear a túa propia colección de museo na casa. Ás veces, dáse con eles, como sucedeu este último mes coa Operación Bronce. A Policía Autonómica informou o venres 14 de abril da recuperación de 15 pezas metálicas de gran valor arqueolóxico datadas entre os séculos VII e IV a.C., o que significa que corresponden desde a Idade de Bronce ata á época romana. Porén, o dano inmaterial é irreversible porque, pese a recuperar os obxectos, unha parte da información que podía dar o xacemento é irrecuperable.

A investigación da Operación Bronce comezou a finais de marzo, explica a nota de prensa da Xunta, cando a Policía Autonómica recibiu unha comunicación a través da súa web, na que se alertaba da venda de patrimonio que podía proceder do espolio dalgún xacemento arqueolóxico. Os axentes corroboraron os datos e comprobaron que en internet se ofertaban en varias páxinas de venda online pezas arqueolóxicas de varias épocas históricas por un importe medio de ata 700 euros cada unha. GCiencia solicitou o inventario dos achados e o nome das respectivas webs, pero a información está xudicializada polo momento.

Publicidade

O que se ve nas fotografías distribuídas pola Policiía son machados do final da Idade de Bronce e un puñal da mesma época ou de inicios da Idade do Ferro, observa Alfredo González Ruibal, investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e divulgador a través do perfil @GuerraEnLaUniversidad. “Eses materiais son moi raros. Normalmente un non os atopa nas escavacións arqueolóxicas, temos moi pouco dese material en contexto”, continúa. Acostuman a tratarse de obxectos que aparecen en espolios ou en achados casuais, como os que poden darse na obra dunha estrada. “Que teñan aparecido en escavacións arqueolóxicas poden contarse cos dedos dunha man”, subliña González.

O contexto no que se producen os espolios varía en función do contexto xeográfico. “En Andalucía, unha zona cunha riqueza arqueolóxica moi grande, hai unhas redes que son xa de carácter mafioso, moitas veces relacionadas con venda de narcotráfico”, explica. En Galicia, as primeiras organizacións deste tipo foron neutralizadas hai máis de 20 anos —é relevante o caso do espolio de Palio, que se produciu no ano 2000 en Lalín— e aínda non están desenvolvidas como noutros sitios. “Aquí non temos eses xacementos romanos tan espectaculares ou esas tumbas con cráteras. Polas fotos e o feito de que intentaran vendelo en internet indica que é unha cousa localizada e non está profesionalizada; é máis diso, de amateurs“, interpreta González Ruibal.

Captura de Catawiki, na que instan a crear a túa propia colección de museo… Pero na casa.

Os obxectos froito dos espolios mestúranse en páxinas destinadas ao comercio de antigüidades por parte de particulares ou anticuarios. En Catawiki ata teñen unha sección destinada a crear unha colección de museo na casa: “Organiza a túa propia colección privada de obxectos”, anuncian. “Hai material que é imposible saber se é ou non é falso; hai outro que si que non é. Un puñal de antenas galaico é moi recoñecible, por exemplo. Dun cacharro romano de vidro [un material común nas falsificacións] levan os seus materiais en circulación máis de 100 anos e é máis difícil. Os materiais galegos son mois recoñecibles; o castrexo ou de Idade do Bronce ten que vir de furtivos recentes”, explica González Ruibal.

As pezas van parar ao museo provincial que lle corresponda. Normalmente, na provincia na que se atoparon as pezas, se é posible saber iso, ou lugar onde se desarticulou a rede de espolio. Sucedeu cun machado votivo de bronce de procedencia atribuída a Lalín —presuntamente, do espolio de Palio, segundo afirma Xosé Lois Armada (INCIPIT)— e conservado no Museo de Pontevedra. Hai excepcións, como a do puñal de antenas exposto no Castelo de San Antón, procedente do mesmo espolio.

Espadas de antenas. Crédito: Castelo de San Antón

Que pasa cos detectores de metais?

O aumento do uso dos detectores de metais é unha preocupación entre os profesionais adicados á arqueoloxía e á recuperación e conservación do patrimonio histórico. Non se poden cuantificar, pero si é unha sensación percibida por arqueólogos como David González-Álvarez —un dos líderes da expedición en Castro de Rueta— ou José Costa. Este último é un dos investigadores que participou na escavación de Penedo dos Lobos, da que asegurou en setembro do 2022 a GCiencia que perderan entre o 60% e o 70% da información polo espolio. Nótano pola presenza de buracos e latas de conservas ou CocaCola, por exemplo; é dicir, ves que as únicas cousas que quedan son recentes. “Sabes que aí houbo unha extracción máis ou menos sistemática e sabes que houbo un rexeitamento de certos elementos que non lles interesaba“, aclara José Costa.

Unha das zonas de traballo do xacemento de Penedo dos Lobos. Crédito: José Costas / Roman Army
Unha das zonas de traballo do xacemento de Penedo dos Lobos. Crédito: José Costas / Roman Army

Sobre a normativa respecto aos detectores de metais, Costa valóraa de forma irregular entre territorios: “En Andalucía, o uso de detectores de metais é automaticamente delituoso. No caso de Galicia é ilegal se se fai en sitios inventariados, catalogados patrimonialmente, nos que sabemos que son xacementos arqueolóxicos ou ben de interese histórico”. Así o sostén o artigo 101 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que regula que o uso de detectores de metais ou de outras técnicas que permitan localizar restos arqueolóxicos deberán ser autorizadas “en ámbitos protexidos polo seu valor cultural ou coa finalidade de encontrar bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia ou que potencialmente poidan ter valor cultural”.

“Para nós como arqueólogos o valioso non é a peza en si, é a información que apchega esa peza; e a metade é o contexto no que aparece”

JOSÉ COSTA, profesor de Arqueoloxía na Universidade de Salamanca

“Para nós como arqueólogos o valioso non é a peza en si, é a información que achega esa peza. E a metade, senón máis, é o contexto no que aparece. Que se vexa estas actividades como unha afección é un problema, sexa consciente ou inconscientemente“, sostén o tamén profesor de Arqueoloxía na Universidade de Salamanca, José Costa, que defende a existencia dunha normativa estrita como unha parte fundamental da mudanza na mentalidade. Porén, para o seu cumprimento é necesaria a mobilización de recursos. “No que se refire á defensa activa do patrimonio hai que ter en conta os medios humanos que se destinan a estas tarefas ou as accións de concienciación social. Unha lei vale tanto como a forza de quen a ten que aplicar”, engade.

Así valora este arqueólogo os efectos dunha lei, ao seu parecer, pouco solvente: “Se ti non tes unha normativa clara, non tes os recursos para implementala, é moi difícil controlar as actividades. Como esas que encontraron estes días, hai milleiros de pezas que andan por aí rulando. Entón, que podes facer? Podes falar con quen as sacou para que as entregue anonimamente, podes ter unha postura dialogante… Entón, o que fas é poñer ao profesional a facer de intermediario”, conclúe.

1 comentario

  1. Vaia por diante que non teño un detector de metais, pero falemos con claridade: Primeiro, á propia Administración non lle vai nin lle ven o que lle pase ó noso patrimonio, nin mira del nin o protexe, con total desleixo. Os poucos que se preocupan son casos illados, rara avis.
    Como exemplo sirva calquera das últimas falcatruadas nos nosos montes por parte de madeireiros arruinando petróglifos, viacrucis ou mámoas. Que fixo e fai quen ten que protexer os bens? Mirar para o outro lado. Imos prohibir os tractores por culpa diso?

    Segundo, posuír un detector de metais non convirte a ninguén en espoliador nin ladrón. Á persoa que saquea válelle calquera ferramenta. Prohibímolas todas?

    Vez tras vez, aparecen nas noticias os que usan detectores coma se fosen o Demo. Noutros países, máis respectuosos co patrimonio, como por exemplo O Reino Unido, as persoas que atopan obxectos mesmo co detector de metais, cooperan coas autoridades e axudan a incrementar os bens patrimoniais aportando, entre outras, as pezas ós museos. Cuestión de cultura e educación, algo do que se bota a faltar cada día máis neste país.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución