Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), recibiu o Premio Nacional de Investigación Ramón Menéndez Pidalna área de Humanidades. Criado Boado recibe o galardón polas súas contribucións pioneiras e innovadoras á arqueoloxía, que contribúen á comprensión de como as sociedades humanas interactuaron e modificaron a paisaxe no transcurso da historia. Destacan tamén os seus estudos recentes que examinan como o mundo que se contrúe e habita modifica a mente e a forma de procesar a información, no proxecto europeo Material minds. As súas singulares liñas de investigación deron lugar a cambios paradigmáticos na arqueoloxía e a incorporación de novos conceptos e aplicacións.


Unha neurocientífica (Eloisa Herrera) preguntábame o outro día polo control que a arqueoloxía ten dos seus datos. A resposta que lle dei serve, ampliándoa, para dar unha idea da arqueoloxía afastada de tópicos habituais. Sexamos sinceros, calquera de vostedes ten unha noción da arqueoloxía que se move entre tres imaxes: a dalgunhas soadas sagas de cinema, os descubrimentos fabulosos e as dificultades que poñemos ás obras desde a arqueoloxía cando aparece un resto arqueolóxico.

Publicidade

Pero a arqueoloxía é moito máis que iso. É máis, a arqueoloxía NON é iso.

Imaxínate, dicíalle eu á neurocientífica, que o rato que utilizas na análise desaparéceche entre as mans no mesmo momento do experimento. É máis, que o fai a tal velocidade que ti podes rexistrar o experimento con normalidade. Terías que dispoñer dun depurado sistema de rexistro para non perder un só dato, incluídos aqueles distintos aos que vas buscando e dos que nin sequera sabes agora que significan, un sistema que che permita mesmo poder replicar a análise máis tarde, a pesar da desaparición do teu rato. Iso é o que nos pasa en arqueoloxía. Traballamos con datos funxibles, que desaparecen no mesmo momento do experimento. Unha escavación arqueolóxica implica destrución do sitio. Por iso temos metodoloxías de rexistro estritas e protocolizadas, que inclúen deixar restos para investigacións futuras. Vou a estender este símil…

Publicidade

Ademais, imaxínate agora que o rato está considerado patrimonio cultural, que é representativo de algo que xustifica a súa protección e conservación para o futuro, e que é apreciado por moita ou pouca xente como algo especial, símbolo da súa tradición, parte da súa identidade ou proxy para construír a súa memoria social. Iso ocorre coa totalidade dos restos arqueolóxicos; aínda que non todos eles teñan o nivel de excepcionalidade que outorgamos á catedral de Santiago ou a lingua que falamos, todos son representación de algo máis importante que eles (o pasado, a historia, grupos que estiveron e xa non están…), e todos son, case sempre, importantes para alguén. Iso implica tamén conflitos que están inextricablemente trenzados cos obxectos cos que traballas.

Agora imaxínate que o rato é só un obxecto máis entre un elenco inmenso de obxectos de experimentación posibles. A arqueoloxía traballa con restos de ferramentas de pedra, cerámicas, pegadas de construcións, cimentacións, restos de comida, con sedimentos, restos zoológicos, botánicos, ADN, pegadas moleculares, metais pesados, pole fósil, mesmo cos teus ratos. Todo o que teña forma material e, por tanto, se poida preservar, serve como fonte de documentación. Todo dá información sobre a historia e sobre as relacións entre humanos e entre os humanos e o medio. Encima podes traballar a escala da paisaxe enteira. Imaxínate facer un experimento ecolóxico ou social do teu rato, afastando o zoom do teu experimento para no canto de analizar só as súas neuronas, ver como estas responden ás interaccións con outros ratos nunha cela ou hábitat simulado moito maior. Iso é analizar un rato na súa paisaxe. A arqueoloxía faino todo o tempo.

Todo o que teña forma material e, por tanto, se poida preservar, serve como fonte de documentación

Imaxínate entón que, para traballar en todas esas escalas nas que podes analizar o teu rato, debes compaxinar o bisturí cun sacho, o microscopio electrónico cun xeorradar, un microsensor multiespectral cun Lidar montado nun dron ou satélite, o traballo no laboratorio e a biblioteca co traballo de campo, o exercicio físico puro e extremo coa cadeira e a paciencia…

Imaxínate ademais que o teu obxectivo non é estudar tal ou cal neurona do rato, senón ao rato mesmo. E non só como individuo, senón como parte dun grupo maior, e como parte da historia que ese grupo ten, incluíndo as súas relacións con outros grupos. Agora necesitarás involucrar a outras ciencias, case a calquera, no teu traballo: a bioloxía, a zooloxía, a botánica, a ecoloxía e a ecoloxía de poboacións, a socioloxía, a antropoloxía, a química, a edafoloxía, a lingüística, a semiótica ou a historia, as tecnoloxías da información, a teledetección… Todas che poderán dar conta das diferentes interaccións significativas que o rato ten co seu contexto histórico-social. Iso pásalle á arqueoloxía, hoxe en día mobilizamos a case todas as ciencias para tentar comprender a complexidade dos problemas que estudamos. E ao facelo non facemos interdisciplinaridade, que é cando para responder a unha cuestión necesitas o concurso de disciplinas auxiliares, senón que descubrimos a dimensión obrigatoriamente transdisciplinaria dos problemas que estudamos. Non é a nosa disciplina a importante. Senón que o é o problema. Ao pensar en modo de “problema”, a interdisciplinariedade xa non é suficiente. Tes que te abrir a unha transdisciplinariedade radical. Iso complica as cousas pero fainas máis estimulantes. Descóbreste cunha dificultade de linguaxe, de comunicación; como te entendes con especialistas que falan metalinguaxes profesionais diferentes do teu, para quen as palabras (en realidade as palabras non son palabras senón conceptos) que utilizas, teñen significados distintos? A arqueoloxía afaise, e en parte capacítate, para traballar en modo transdisciplinario e poder tecer diálogos (im)posibles (afortunado título dun programa de discusión cruzada iniciado no IBFG do CSIC e a USAL, e adoptado como algo xeral pola Presidencia do CSIC).

Por encima de todo o anterior, imaxínate que a túa perspectiva de xénero, de clase, nacional ou comunitaria afecta, para ben e para mal, aos resultados do teu traballo desde a súa pura formulación. Iso non adoita ocorrer cun rato nun laboratorio, dirasme. Xa, claro; pois imaxínate que ocorrese.

A arqueoloxía afaise, e en parte capacítate, para traballar en modo transdisciplinario e poder tecer diálogos (im)posibles

Segue imaxinando que o rato che ensina cousas que che obrigan a actuar social e politicamente, que tes agora que saír á palestra pública para converterte en portavoz do rato que non pode falar por el. Iso pode parecer esaxerado, pero imaxínate que descobres algo que facilita unha mellor xestión da poboación de ratas en grandes aglomeracións urbanas ou vertedoiros. De súpeto te atoparás, para a túa sorpresa, en mesas técnicas e políticas falando de plan, ordenación territorial, plans de xestión e políticas públicas. Antes de que te deas contas, xurdirache a dúbida de se para cumprir mellor coa túa misión científica e a relevancia social que esta pode ter, débeste converter nunha investigadora-activista, pasar a practicar algunha fórmula de investigación-acción. Iso pásalle á arqueoloxía con tanta naturalidade que moitos compañeiros e compañeiras traballan no sector servizos, ofrecendo o seu know-how para resolver os problemas prácticos de “convivencia” entre o presente e o pasado. Pero o que digo vai máis aló do feito de que exista un nutrido e dinámico sector de arqueoloxía comercial. O que digo cruza toda a actividade arqueolóxica independentemente de que se realice no sector científico, académico, museos, comercial, administración ou comunitario, ámbitos todos nos que hoxe en día atoparás traballando a moitos arqueólogo/as.

E imaxina que, aínda que non frecuentes os gabinetes políticos ou técnicos, a túa familiaridade co rato obrígache a tratar coa comunidade humana da que vén. De feito, asumo que as túas relacións co animalario e o seu persoal técnico, teñen para ti ese valor comunitario. Pero amplía esa noción ata o punto de convivir con ese grupo de persoas, asentar o teu laboratorio no animalario mesmo e vivir aí durante un tempo dependendo das redes e apoios que esas persoas che fornecen. Iso pásanos todos os días na arqueoloxía de campo. Para que así sexa, non fai falta que esteas afastada de todo e nun medio hostil ou estraño para ti; neses casos, a túa dependencia desa comunidade é tan estreita que se converte en convivencia real. Son os teus conveciños durante un tempo. E cando o foron, xa nunca che serán estraños. Coñezo nenas que levan o nome das compañeiras arqueólogas que traballaron co grupo, coñezo compañeiros que durante toda a vida seguen mandando o diñeiro de peto que poden á comunidade coa que viviron. Pero aínda que traballes no barrio do lado, trábanse esas estreitas relacións. Pode resultar paradoxal, pero a arqueoloxía empeza traballando con materiais e termina traballando con persoas vivas.

Todo iso é a arqueoloxía. Unha empresa intelectual asombrosa á que non facemos xustiza se nos empeñamos en confundir aos arqueólogo/as con Indiana Jones ou Lara Croft, explotamos o seu compoñente aventureiro, caemos na trampa de reducila a achados espectaculares ou non somos capaces de explicar, dar alternativas e convencer cada vez que a arqueoloxía detén unha obra, pública ou privada. A arqueoloxía non é perfecta senón perceptible. Para mellorala, os e as arqueólogas non debemos renunciar á ambición intelectual e práctica. Non sempre o facemos; parece que non cremos nas nosas propias posibilidades. En cambio cometemos o erro de querer aproveitar a imaxe trivial que os medios e o público proxectan da arqueoloxía. Isto é unha forma fácil de gañar relevancia dun modo inadecuado. Sen xeito, que en galego é a forma apropiada das cousas. O anecdótico non deixa ver o esencial, o feito de que a arqueoloxía está situada de tal maneira que pode contribuír a unha mellor comprensión do mundo humano-social, unha comprensión que ademais pode ter efectos prácticos, que se poden activar para unha mellor xestión do presente e plan do futuro. 

A arqueoloxía está situada de tal maneira que pode contribuír a unha mellor comprensión do mundo humano-social

É certo que con esta extensión intelectual e práctica, a arqueoloxía non se diferencia moito doutras ciencias humanas e sociais. En particular está intimamente ligada coa antropoloxía, a historia, a socioloxía, incluso as políticas públicas e ata a ciencia pública. A arqueoloxía vai da man de todas elas e non é mellor que ningunha. Pero o que é excepcional da arqueoloxía é que traballa coa materialidade, o mundo material, algo que chamamos “cultura material”. E que o fai desde a perspectiva da historicidade radical que cruza todo o existente, tanto o material como noso saber. Historicidade pódese definir de moitos modos, pero aquí se pode resumir como o coñecemento das condicións contextuais de produción de todo o real, que son históricas porque cambian entre sociedades e ao longo do tempo. A arqueoloxía estuda ao rato tomado como materia, situado nun universo social e determinado historicamente. Ese saber permítenos coñecer ás poboacións de ratos e ese coñecemento convértese nunha ferramenta de xestión práctica do presente e de planificación do futuro. Pódese pedir máis?

Pois si. Con toda esta bagaxe, verás que non é raro descubrir arqueólogos e arqueólogas que dan o mellor de si mesmas fóra da arqueoloxía, traballando noutras contornas técnicas ou profesionais. Para o arqueólogo/a é natural montar unha loxística complexa, traballar en grupo, adaptarse a contornas diferentes, dialogar con linguaxes profesionais que non son o seu, dirixir xente, liderar proxectos, escoitar a verdade que vén da súa contorna, embeberse neste case ata mimetizarse.

Aínda que o pareza, nada disto é esaxerado. Aproveitando a inspiración que me deu unha conversación con Eloisa, neurocientífica do CSIC no Instituto de Neurociencias de Alicante, trencei esta presentación da arqueoloxía para a celebración do 10 aniversario de Gciencia. Dez anos facendo boa difusión da ciencia en galego son motivo de celebración. E aproveitando o premio nacional de investigación en Humanidades co que me acaban de honrar, que en canto que o arqueólogo que son é un recoñecemento para a arqueoloxía como disciplina, crin oportuno dedicar o texto que Gciencia me pediu para dar unha visión da arqueoloxía afastada dos tópicos máis habituais.  

Felipe Criado
Felipe Criado
Arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit). Premio Nacional de Investigación ‘Ramón Menéndez Pidal’ na área de Humanidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

Descubertas novas pinturas prehistóricas en Carballeda de Valdeorras

O conxunto está formado por tres formas de soles e unha posible silueta humana e podería estar datado na Idade do Bronce

Novo sistema de escritura ou imitación? A insólita inscrición da pedra de Elviña

O arqueólogo Samuel Nión acaba de demostrar que o texto non está escrito en latín cursivo, como se pensaba ata o de agora