Xavier Labandeira, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático: “O resultado da COP28 é positivo”

O investigador incide na importancia da comunidade internacional para abandonar progresivamente o uso dos combustibles fósiles

A Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP28) que deu comezo o pasado 27 de novembro empezaba cunhas altas expectativas. Tras clausurarse este mércores, deixa sensacións positivas ao finalizar cun acordo para o abandono progresivo dos combustibles fósiles. O texto elaborado en Dubai recoñece a necesidade de “reducións profundas, rápidas e sostidas das emisións de gases de efecto invernadoiro en consonancia coas traxectorias de 1,5 °C”. Un resultado que o experto Xavier Labandeira, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC), considera “positivo”. Con todo, lembra que estes acordos non garanten a súa aplicación na práctica, “que será o que leve á redución de emisións que debe ser realizada nos distintos países”.

Expertos en cambio climático súmanse a estas primeiras reaccións positivas, pero poñen de manifesto as súas inquedanzas sobre a aplicación definitiva destes acordos. Stephanie Baxter, xefa de Política da Institución de Enxeñería e Tecnoloxía (IET), fai fincapé na “necesidade de establecer un calendario claro para abandonar os combustibles fósiles”. Xavier Labandeira coincide con este pensamento. “É a comunidade internacional quen ha de velar para que as COP supoñan un verdadeiro avance na loita contra o cambio climático”, sostén o investigador.

Publicidade

Aínda que o titular máis comentado foi o acordo para o abandono progresivo dos combustibles fósiles, a COP28 deixa outras medidas salientables. No cume tomáronse decisións “relevantes” para facer operativo o “fondo de perda e danos”, afirma Labandeira, un financiamento “necesario” para afrontar catástrofes climáticas nos países con menos recursos; salienta tamén a pretensión de “triplicar a capacidade mundial de enerxías renovables e duplicar a taxa media anual de mellora da eficiencia enerxética de aquí a 2030”, segundo recolle o texto do Global Stocktake —unha avaliación do progreso realizado cara a mitigación do quecemento global desde o Acordo de París en 2015—. Labandeira destaca tamén a “énfase nas medidas para reducir as emisións de metano”.

O papel da cidadanía

Rematada a cume do clima en Dubai, toman o relevo os diferentes países. Na opinión de Labandeira, os estados deben atopar “sinais importantes para determinar os paquetes de políticas e obxectivos para reducir a distancia entre os obxectivos marcados polo Acordo de París e as emisións que se están a producir na realidade”. Como experto en economía, pon o foco na situación económica a nivel europeo e español, afirmando que “estas pautas deben levar a reducir coa máxima celeridade as subvencións públicas aos combustibles fósiles e a desincentivar o uso destas fontes de enerxía”.

Publicidade

Neste sentido, aínda que Labandeira destaca a relevancia das COP porque “marcan a acción global e serven de lugar de encontro e concienciación”, tamén destaca o papel fundamental da cidadanía. “O sector público será fundamental, pero as empresas e cidadáns deberán colaborar para facer posible unha aplicación exitosa e rápida destas iniciativas”, apunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies