Dise que cando o cuco canta no mes de abril remata a tempada da lamprea. A campaña de pesca, regulada pola Xunta de Galicia, empeza aproximadamente a mediados de xaneiro. Este ano os datos apuntan a un derrubamento das capturas en augas galegas. No primeiro trimestre de 2023 vendéronse nas lonxas 3.000 quilos da tamén denominada ‘chupona’; dende que comezou 2024, en Galicia comercializáronse soamente 1.666 quilos, un 45% menos que o ano anterior, segundo datos da Plataforma Tecnolóxica de Pesca. En 2013 vendéronse 23.451 quilos; en 2023 non se chegaron aos 3.250. A que se debe? Fernando Cobo, biólogo e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), esgrime un conxunto de factores como o incremento da presión pesqueira e a captación de auga ilegal. “Se hai unha escasa entrada de animais reprodutores, a perda do recrutamento vaise notar tres anos despois. A diminución das capturas que vemos na actualidade reflicte os excesos na pesca de hai cinco ou seis anos”, explica o investigador.
Os ríos Tambre, Ulla e Miño son os paraísos da lamprea. Neles e nos seus afluentes realízase a pesca profesional dos ‘vampiros de mar’, principalmente na desembocadura do Miño. O biólogo e documentalista Manuel E. Garci está recompilando unha serie de vídeos sobre este animal e recoñece a dificultade de atopar as larvas na última temporada para gravar. “Cando empezaron a saír estatísticas de Pesca de Galicia aló por 2013 estabamos en 21.000 quilos. Hoxe en día, no mesmo período, non chegamos aos 1500”, explica. A comunidade galega é a única da península na que se pesca esta especie, polo que, chegada esta época do ano, Galicia e o norte do Portugal son os territorios nos que máis se fala da falta de lamprea. “Non só pasa en Galicia, tamén en Francia e noutros países de Europa. Algo ocorre no mar e nos ríos, as subidas da temperatura das augas poden ser unha hipótese”, apunta Manuel E. Garci.
En varios puntos de Galicia a preocupación arredor da escaseza da “raíña dos ríos” é unha realidade. De feito, o ano pasado, aínda que de momento duplique as capturas desta temporada, a campaña foi dramática. Antes da celebración en 2023 dunha das festas máis antigas en Galicia, a da lamprea, as poucas capturas en comparación con outras tempadas facían tremer o evento. Non había lampreas suficientes e o seu valor nas lonxas, por ende, era desorbitado. Cobo esgrime que as últimas están sendo tempadas duras pero, de momento, dende os grupos de investigación, non observan unha caída pronunciada de exemplares. Entre 2007 e 2011, o departamento de Zooloxía da USC rexistrou entre 18 e 19 lampreas por metro cadrado no río Eo; na actualidade, os valores caeron ata 15-16 peixes. O mesmo ocorre nos ríos Ulla e Lérez, con algúns puntos de diferenza respecto a anteriores campañas.

En opinión do investigador Cobo, esta non é unha diminución significativa, pero recoñece que dentro duns anos o número de lampreas en augas galegas pode ser aínda menor. O noroeste da península é a zona onde máis raíñas de inverno se rexistran. Mentres que no litoral galego se poden atopar ata 15 individuos por metro cadrado, en ríos irlandeses apenas se identifican de 1 a 4 exemplares. “En xeral observamos que hai menos larvas, pero é diferente segundo os ríos. En Europa, que xa ten poboacións moi escasas, agudízase a presenza destes animais”, engade Cobo. A situación ambiental e meteorolóxica é importante nas campañas de pesca, como os caudais dos ríos ou as precipitacións.“Nos restaurantes segue habendo lamprea. Existe un tráfico ilegal de rías austríacas e francesas onde hai un mercado moi grande. Hai furtivismo”, explica o investigador da USC.
A pesar de que a venda si que está controlada con normas como as publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), “a súa pesca no rural non tanto”. As causas da diminución ecolóxica destes peixes pasan tamén pola redución da superficie dispoñible para o seu crecemento, xa que aumentaron os obstáculos nos seus hábitats: pequenas presas, captacións de auga ilegal que baleiran os caudais dos ríos, a diminución das propias presas das larvas cando se fan hematófagas —alimentación a partir do sangue doutros animais— no propio río, como son as troitas e escalos. O paso da “alimentación filtradora” á hematófaga da lamprea vese afectada pola escaseza de alimentos dispoñibles. Con todo, sobre a hipóteses da subida da temperatura das augas e o seu impacto nas lampreas, Cobo apunta que non existen evidencias científicas que demostren alteracións metabólicas xa que o seu espectro de adaptación é moi amplo.

As lampreas son máis antigas que os dinosaurios. Teñen forma de congro, ollos pequenos e a cada lado do corpo presentan sete orificios por onde respiran. De aí que en Portugal as chamen “frautas de sete ollos”. A súa boca é ventosa e grazas a ela poden adherirse ás súas presas. Nos seus seis primeiros anos de vida viven nos ríos. Despois, viaxan cara o mar e cando pasan dous anos volven ás augas doces. As poboacións de lamprea dependen doutros núcleos que habitan en ríos adxacentes, porque se mesturan no mar e viven unhas doutras. Se nun río habita unha poboación moi grande, isto pode mitigar as perdas noutros lugares ao subministrar individuos reprodutores. A pesar diso, é moi difícil conxugar a carencia coa subida dunha demanda que medrou nos últimos anos, aínda que xa había mulleres que vendían capturas de lamprea en 1960 nas rúas de Santiago. Así definía Álvaro Cunqueiro o “vampiro do mar”: “Trae na súa carne a canela dos bosques submarinos, e acaso polo sabor da lamprea saibamos o dos bicos das sereas”.