A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

A praia de Barra, en Cangas do Morrazo, é un dos areais máis bucólicos das Rías Baixas. É nudista e ao seu arredor hai un amplo piñeiral autóctono e dunas. As súas augas son moi frías e a súa area branca e fina. Hai 500 anos a paisaxe era radicalmente distinta. Unha pequena poboación vivía onde agora se estende o espazo dunar. No século XVI, durante a Pequena Idade do Xeo (PEH), a alternancia de episodios climáticos extremos modificou para sempre esta contorna idílica. Así o demostra a investigación publicada polo historiador Andrés Pino Pérez no número 136 do Cuaderno de Estudios Gallegos, Cambios na paisaxe como consecuencia dun episodio climático, no contexto da Pequena Idade de Xeo (séculos XVI-XVII) na freguesía de San Andrés de Hío (Cangas, Pontevedra), que se basea en documentos históricos de cando os propietarios de Barra eran o arcebispado de Santiago e os mosteiros de Poio e A Armenteira.

Pino expica no seu traballo que a Pequena Idade de Xeo (PEH) se estendeu dende comezos do século XIII. No continente europeo significou unha potente diminución de temperaturas. Os invernos eran moi fríos e os veráns frescos. “Identificáronse impactos climáticos adversos durante o período 1750-1800 que afectaron á produción agrícola, principalmente en termos de outonos chuviosos, primaveras frías e períodos de colleitas chuviosos que provocaron fracasos sucesivos de colleitas”. Á par das inundacións tamén se producían secas. No caso galego, este período concentrouse entre os séculos XVI e XVIII. Isto impactou na poboación asentada no que agora son as dunas da praia de Barra, que, xunto coa aldea de Donón, sitúanse na parroquia de San Andrés do Hío. Pino apunta no seu artigo que o aspecto actual é froito da política forestal dos anos 50 no século XX, cando se plantaron varias especies de piñeiros.

Publicidade

Praias de Nerga, Viño e Barra. Foto: Concello de Cangas

Desta maneira, antes desta plantación, existía un amplo campo de dunas dende a beira do mar ata a aldea de Donón “e os primeiros contrafortes do monte do Hío”. O traballo baséase na documentación datada dende o século XVI ata finais do século XVII polos mosteiros de San Juan de Poio, Santa María da Armenteira e o Arcebispado de Santiago, que eran os propietarios dos foros. Antes do cambio climático, o terreo enterrado polo area era unha despregadura de terras ricas e produtivas. O impacto da Pequena Idade do Xeo queda recollida nestes documentos principalmente pola preocupación dos aforados que non podían sacar adiante as súas plantacións pola invasión da area. “Expresan a dificultade para cultivar en certas propiedades, tanto pola redución do terreo, como incluso polo seu abandono, ao ser totalmente improdutivas. Reclaman unha rebaixa do importe do foro, debido a eses problemas”, indica Andrés Pino no seu artigo.

Sobre o evento meteorolóxico en si, apenas hai información. De feito o historiador apunta no traballo que só hai un documento da Universidade de Santiago onde aparece que as casas do lugar se encheron de area e de auga e que remataron por non ter “ningún proveito”. Os temporais marítimos eran constantes e fixeron da aldea un lugar imposible para vivir. Exactamente, o experto apunta que o acontecemento tivo lugar na primeira metade do século XVI. Entre os documentos atopados deste evento climático atópase o máis antigo, que data de 1532. O segundo é de 1541 e é o Tomo III do mosteiro de Nosa Señora de Armenteira: Mucha parte deste lugar esta perdida por haverse cubierto de arena y los labradores no le quisieron sino les rebaxabanala renta.

Publicidade

Actividade ciclónica

O artigo de Andrés Pino revela que as temperaturas durante a Primeira Idade do Xeo amosan “valores anómalos negativos” na época, precisamente, na que aldea empeza a soterrarse. De feito, as augas do Atlántico Norte descenderon ata cinco graos e aumentou o gradiente de temperatura en Europa, o que puido impulsar a velocidade das correntes mariñas, unha maior actividade ciclónica nesas latitudes “con grandes tormentas, particularmente de vento”. As consecuencias abrangueron o ámbito social e económico, xa que o modo de vida daquela poboación foi cuberto, literalmente, por area. O seu réxime de subsistencia era moi vulnerable aos cambios meteorolóxicos, ao igual que calquera asentamento do século XVI, e neste caso aconteceu o mesmo coas súas vivendas. O estudo apunta tamén que o mesmo ocorreu cos camiños e os accesos a estas localidades. “Cando o evento climático é de moita intensidade ou se prolonga no tempo, pode chegar a provocar crises agrícolas locais, ben de carácter puntual, como a perda de determinadas colleitas, ou ben, a máis longo prazo, derivados da desaparición das superficies de produción e destrución dos accesos e cambios profundos na paisaxe”.

Neste caso, as consecuencias do cambio climático modificaron a contorna radicalmente. O artigo de Andrés Pino menciona que en ningún dos documentos históricos consultados aparece o cultivo da zona, que era a vide, que é tamén o cultivo predominante na actualidade. E tamén, traslada a desaparición da toponimia que aparece nos materiais históricos e que a día de hoxe é practicamente descoñecida. “As repercusións que provocou esta tormenta teñen unha incidencia no tempo tan grande que, as referencias documentais que atopamos fanse máis eco dos problemas socioeconómicos que do fenómenos en si”, apunta.


Referencias: Cambios na paisaxe como consecuencia dun episododio climático, no contexto da Pequena Idade de Xeo (séculos XVI-XVII) na freguesía de San Andrés de Hío (Cangas, Pontevedra) (Publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos)

2 COMENTÁRIOS

  1. En maio do 2020 publiquei un artigo no xornal Faro de Vigo, edición do Morrazo, que titulei “Barra unha aldea engulida pola area” (I e II) . Estes traballos poden ser beneficiosos para afianzarse nesta investigación.

  2. Que os pinos non debían estar por todas partes sabémolo todos. Tanto piñeiros coma alcolitos son árbores do lume, requiren de lume para se propagaren axeitadamente, polo que non ten sentido plantalas se o que queremos é que haya vida nos montes. Todo piñeiro fora dun lugar que leve o seu nome debía irse da Galicia, e da península enteira. As árbores da auga son as que hai que prantar para contrarrestar esta seca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Regresa El Niño, o fenómeno que incrementa (aínda máis) as temperaturas a nivel global

O evento meteorolóxico causa episodios atmosféricos extremos e podería deixar un outono máis chuvioso en Galicia

Congro, ostra e vieira: máis de 60 especies están afectadas polo cambio climático nas Rías Baixas

Unha investigación do Centro de Investigación Mariña analiza o impacto presente e futuro dos episodios meteorolóxicos extremos sobre a fauna mariña galega

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores