Mércores 21 Febreiro 2024

Galicia ante o cumio do clima: “Non somos unha excepción, haberá impactos importantes”

Xavier Labandeira, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático, reflexiona sobre a crise actual e as medidas que podemos asumir para reverter esta situación

O cambio climático é, sen ningunha dúbida, unha das principais preocupacións do século. É unha crise global que afecta a todas as especies, incluída a humana. Este xoves 30 de novembro arrinca na cidade emirato de Dubai a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP28), que se prolongará ata o próximo 12 de decembro. A emerxencia climática pon de manifesto a necesidade da organización destes cumios, de feito, o lema deste ano é “A acción polo clima non pode esperar“. Xavier Labandeira, profesor da UVigo e colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC) da ONU, alega que a nosa comunidade non será “unha excepción e estará suxeita a importantes impactos climáticos”. Para el, dada a importancia das actividades primarias na nosa economía, isto son “malas noticias”. As accións climáticas deben enfocarse en “prepararnos para máis e peores impactos climáticos dotando de moitos máis recursos aos labores de adaptación”, apunta.

Se mantemos o ritmo actual a situación agravarase. Labandeira considera que “a evolución das emisións non está sendo positiva e coincide cunha intensificación máis rápida do esperado dos efectos do cambio climático”. Para reverter a situación actual “teremos que intensificar a loita contra as emisións dos precursores do cambio climático e iso, necesariamente, pasa por reducir e finalmente eliminar o uso de combustibles fósiles“, reflexiona. Cada ano que pasa, as medidas que debemos adoptar deben ser máis drásticas. Estes últimos meses fomos testemuña de fenómenos de climatoloxía extrema (ondas de calor, riadas, aumento da intensidade dos furacáns…) que evidencian o problema do cambio climático.

Publicidade

COP28 en Dubai

Dende que Dubai asumiu o desafío de organizar a COP28, as críticas procedentes de organizacións ecoloxistas e da sociedade civil, en xeral, non cesaron. “Existen inquedanzas sobre a influencia dos evidentes conflitos de interese do país organizador, con obvios intereses nos combustibles fósiles causantes do cambio climático”, reflexiona Labandeira. Con todo, tamén declara que “ao ser un problema global, cuxa solución requerirá tamén do concurso e colaboración do entramado fósil, non é posible nen desexable marxinar a estes países do proceso”. Dende a súa opinión, considera que o papel dos organizadores son relevantes para lograr os obxectivos marcados nestas reunións. “A comunidade internacional ha de velar para que a COP supoña un verdadeiro avance na loita contra o cambio climático, a cal non pode entenderse sen o convencemento de que estes combustibles teñen os seus días contados e, polo tanto, grande parte das reservas actuais deben ficar baixo terra”, declara Labandeira.

A historia das COP remóntanse ao Cumio da Terra celebrado en Río de Xaneiro (Brasil) no ano 1992, no que se identificaron tres procesos de alto risco para o futuro ecolóxico do planeta: a desertificación, a perda de biodiversidade e o cambio climático.  Dende 1995, cando se celebra en Berlín a primeira conferencia sobre o cambio climático, ate o momento actual tiveron lugar 28 conferencias anuais, aínda que salientan só dúas polos avances que supuxeron: a de 1997, na que se adoptou o Protocolo de Kioto, que establecía o compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nos países industrializados; e a de 2015, na que se adoptou o Acordo de París para manter o quentamento global por debaixo de 2ºC con respecto á era preindustrial e continuar os esforzos para limitalo en 1,5ºC.

A COP28 de Dubai preséntase como unha conferencia moi ambiciosa, na que se pretende chegar a acordos globais en materias de paz, igualdade de xénero, transición ecolóxica, educación, alimentación, etc. Neste sentido, a misión da COP de Dubai segundo Labandeira será “determinar o estado das accións globais e considerar propostas que permitan avanzar cara aos obxectivos do Acordo de París que, desafortunadamente, non se cumprirán coa evolución de emisións que estamos a observar”. Outro dos obxectivos desta COP será avanzar en temas económicos, así como debater sobre o “investimento dos países menos desenvolvidos para facilitar tecnoloxías limpas e con maior capacidade de adaptación ao cambio climático”, incluíndo mecanismos de compensación a aqueles que sofren desastres naturais.

O ano pasado, a COP27 celebrada na cidade exipcia Sharm El Sheikh tiña características similares á deste ano. Non obstante, aínda que non debemos pensar que nas COP se van dar grandes pasos, Labandeira considera que “os resultados foron insuficientes”. Nin se conseguiu avanzar en temas de axenda, nin a evolución das emisións globais durante este ano se aproxima ás necesarias para cumprir cos obxectivos marcados polo Acordo de París.

Un cambio na situación actual

Os esforzos de todos as políticas climáticas deberían manter o obxectivo de limitar o aumento de temperatura por debaixo de 1,5 ºC. Os datos e as previsións non apuntan nesta dirección. Como confirman no Science Media Center España, o último Informe sobre a Fenda de Emisións do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) “alerta de que os compromisos actuais no marco do Acordo de París sitúan ao mundo na senda dun aumento da temperatura de entre 2,5 e 2,9 °C por encima dos niveis preindustrais este século”. “Para seguir na traxectoria dos 2 ºC sería necesario que as emisións de gases de efecto invernadoiro caesen un 28 % para 2030, dentro de só sete anos, un recorte que chegaría ata o 42 % para seguir a senda de 1,5 ºC”, confirman no medio.

Labandeira, a modo de conclusión afirma que “é o mundo desenvolvido o que ten obrigas especialmente importantes. Por responsabilidades históricas nas emisións e porque contamos cos medios económicos e tecnolóxicos para facelo. En realidade, que se apliquen as políticas necesarias está en boa medida nas nosas mans, como votantes e como axentes que non impidan a súa aplicación”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Intelixencia artificial ante o cambio climático: ameaza ou aliada?

Os algoritmos que fan a vida máis sinxela teñen unha gran pegada de carbono. Esta tecnoloxía tamén axuda a resolver problemas ambientais

Xavier Labandeira, colaborador do Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático: “O resultado da COP28 é positivo”

O investigador incide na importancia da comunidade internacional para abandonar progresivamente o uso dos combustibles fósiles

2023, o ano máis cálido dende que hai rexistros

A estimación ten en conta as variacións rexistradas na temperatura do aire, a cobertura de xeo mariño e as variables hidrolóxicas a escala mundial