A fotónica está modelando o presente e futuro do século XXI. Definida como o conxunto de tecnoloxías que utilizan a luz como elemento para xerar aplicacións de todo tipo, ten xa no seu haber fitos como: habilitar outras tecnoloxías clave (por exemplo, a fabricación avanzada de alta precisión), revolucionar as ferramentas de diagnose e terapia médica (imaxe diagnóstica, análises clínicas, secuenciadores xenéticos, cirurxía avanzada…), contribuír a transformar o panorama enerxético (enerxía solar, iluminación eficiente…) ou permitir dispoñer de redes de comunicacións sen as cales, hoxe en día, internet non existiría.
É unha tecnoloxía habilitadora (KET- Key Enabling Technology) da Unión Europea, o que quere dicir que o seu impacto é transversal a calquera disciplina. A día de hoxe non se determinou un límite para as súas aplicacións. “Atopamos fotónica integrada nas telecomunicacións, na medicina, na automoción, nos satélites, en seguridade, etc.”, enumera Francisco Díaz Otero, director do Laboratorio de Fotónica (QOPHI Lab) do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic. Unha multiplicidade que explica que “estea a medrar a un ritmo anual do 25% cun impacto económico que se agarda que supere os 5 billóns de euros no ano 2029”, engade.
O Laboratorio QOPHI (Quantum communication, Photonics & Integration) da UVigo, creado no ano 2018, é xa un centro de referencia europeo no campo de fotónica, especialmente na chamada fotónica integrada. Coñecemento científico de alta calidade, investigación, contratos I+D e colaboración co sector privado alicerzan o seu traballo, centrado en varias aplicacións vinculadas principalmente ás comunicacións por fibra óptica e satélites, QKD (cuántica) e sensorización.
Na actualidade afronta a súa terceira acción Marie Sklodowska-Curie do programa Horizonte Europa. Trátase da MWp4SPACE, que formará a 15 candidatos a doutorarse e ser parte da futura xeración de especialistas en dispositivos e sistemas integrados empregando microondas fotónicas no campo aeroespacial. Para desenvolver este programa o centro do atlanTTic, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, lidera un consorcio do que forman parte outras seis institucións académicas e nove socios industriais.
Con anterioridade desenvolvera os proxectos EDIFY e Drive In, en cada un dos cales se formaron catro alumnos de doutoramento en colaboración con empresas europeas punteiras no sector da fotónica nos ámbitos industrial e automobilístico do coche autónomo.
Ademais, o Laboratorio QOPHI forma parte do proxecto de investigación RETINA e hoxe en día colabora nun proxecto de investigación europeo con AIMEN no ámbito da sensorización. Por outra banda, colabora a distintos niveis con outras institucións do sector fotónico como Fraunhofer HHI, ESA, Gradiant, Aimen, ICFO, CNM, INL, Aephos, Feuga, imec, UPV, UC3M e UVA. E tamén con empresas destacadas como Sparc, Indra, Navantia, Alter Technologies, Bright Photonics, Keysight, Sener ou VLC Photonics.
Desafíos
A interacción entre o mundo académico e o sector industrial guía o traballo do QOPHI Lab de atlanTTic cara a importantes retos na vangarda da fotónica integrada. Tal como explica o director do centro, Francisco Díaz Otero, os desafíos que teñen por diante “inclúen o impulso das comunicacións e as tecnoloxías de sensorización, buscando mellorar a seguridade, a distancia de transmisión e a integración destas tecnoloxías en plataformas fotónicas integradas”. Ademais da optimización de dispositivos e a adaptación e colaboración con tecnoloxías emerxentes (computación fotónica, computación cuántica, intelixencia artificial…).
Destaca tamén a aposta por avanzar no desenvolvemento de sistemas prácticos como procesadores e sistemas de criptografía cuánticas e a abordaxe de consideracións de sustentabilidade e eficiencia enerxética na fabricación e operación de dispositivos. Todo iso sen deixar de lado a formación continua do persoal.
“Superar todos estes retos situará ao QOPHI Lab como líder no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías no ámbito da fotónica integrada”, resume o responsable do laboratorio.
A fotónica ocupa un lugar destacado fronte a outras tecnoloxías debido a unha serie de características que multiplican a súa potencialidade e transversalidade. “O seu tamaño compacto, baixo consumo enerxético e mínima pegada ambiental sitúaa como unha tecnoloxía clave para o futuro, con potencial para transformar aínda máis diversas disciplinas e abrir novas posibilidades tecnolóxicas e científicas”, sostén o director do Laboratorio QOPHI. Ademais, engade, “a integración da fotónica con outras aplicacións podería abrir outros camiños en materia de innovación e na próxima xeración de avances tecnolóxicos”. A día de hoxe non se determinou un límite para as súas aplicacións.
O que ninguén cuestiona é que é unha clave para o progreso económico e o benestar da poboación, xa que como apunta Díaz Otero “facilita avances na atención médica, na accesibilidade e rapidez das comunicacións; contribúe a ter tecnoloxías eficientes e sostibles, desenvolve sensores para a seguridade e saúde pública, optimiza procesos industriais, posibilita o acceso a enerxía renovable e mellora a educación e a colaboración empresarial e o acceso a servizos esenciais”.