O centro galego Gradiant desenvolve unha neurona fotónica capaz de operar sen enerxía externa

A aposta está en proceso de patente e abre novas posibilidades para deseñar sistemas máis sostibles e autónomos, sobre todo en contornas remotas

O centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, está a desenvolver a primeira neurona fotónica autosostible. É capaz de operar sen necesidade de enerxía externa ao aproveitar a reutilizar as súas propias perdas de luz para alimentar e xestionar como se comportan os seus propios compoñentes. Dende Gradiant sinalan que esta neurona se atopa en proceso de patente e destacan que pode operar sen control externo e decidir de forma independente como e onde dirixir a enerxía para activarse a si mesma. “Isto sitúaa nun elemento clave no desenvolvemento de arquitecturas intelixentes máis avanzadas”, indican fontes do centro tecnolóxico.

“A diferenza da electrónica tradicional, que presenta maiores limitacións en consumo enerxético e disipación de calor, a fotónica ofrece unha maior eficiencia. Con todo, incluso estes sistemas non están exentos de perdas de luz. A innovación que estamos a desenvolver radica precisamente na capacidade de recoller esas perdas e reutilizalas como fonte de enerxía, logrando así un sistema autosuficiente e autosostible”, apunta a responsable da área de Micro-Nanoelectrónica e Fotónica de Gradiant, Marta Castro.

Publicidade

Este desenvolvemento podería representar un cambio de paradigma na forma de concibir os sistemas fotónicos e a súa eficiencia. “Non só reducimos o consumo, senón que transformamos o que ata o de agora se consideraba unha perda nun recurso. Isto abre novas posibilidades para deseñar sistemas máis sostibles e autónomos, especialmente en contornas onde o acceso a enerxía é limitado ou inexistente”, engade Castro.

Aplicacións con impacto global

Dende o centro tecnolóxico defenden que esta avance é “un paso relevante” cara ao desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos máis eficientes e sostibles, sobre todo en ámbitos como a intelixencia artificial, cun adestramento que require enorme cantidades de electricidade.

Publicidade

“Nun contexto no que esta demanda medra máis rápido que a capacidade de subministración, esta neurona fotónica podería contribuír a reducir significativamente o consumo enerxético, ao facilitar o desenvolvemento máis sostible destes sistemas”, indican dende Gradiant. Salientan, tamén, a capacidade da nova neurona para procesar e operar de forma local, sen conexión exterior nin subministración enerxética, con potencial para actuar en contornas remotas ou en condicións extremas. Por exemplo, en infraestruturas illadas, de difícil acceso ou incluso no espazo.

Un proxecto europeo de referencia

Este avance encádrase no proxecto bLOSSom, centrado no desenvolvemento de sistemas fotónicos autosostibles mediante a recolección autónoma de perdas. A iniciativa ten por obxectivo crear dispositivos fotónicos autosuficientes capaces de reducir o consumo enerxético entre 100 e 1.000 veces. Para iso integrará tecnoloxías avanzadas de captación e xestión enerxética que permiten almacenar e redistribuír a enerxía segundo as necesidades do sistema.

Ademais, bLOSSom é o primeiro e o único proxecto da convocatoria EIC Pathfinder Open (do programa Horizonte Europa) liderado por un centro tecnolóxico galego. O consorcio está liderado por Gradiant e conta coa participación do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago (USC), xunto a socios internacionais como F6S Innovation (Irlanda), o International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal) e o Łukasiewicz Research Network Institute of Microelectronics and Photonics (Polonia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos