Ata o ano pasado, Castro de Rueta, erixido sobre o Cantábrico en Cervo, era só un punto do mapa no que se coñecía a existencia dun xacemento, sen máis datos. Agora sabemos, por exemplo, que estaba rodeado dunha impoñente muralla e que o seu espazo interior gardaba máis de 12 cabanas. Esta información é froito dos esforzos asumidos polo Institutos de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e o Instituto de Arqueología de Mérida (IAM) no marco dun proxecto impulsado por unha asociación cultural (Mariña Patrimonio) e o apoio do Concello. Porén, estes traballos tiñan unha segunda motivación: avaliar a aplicación de métodos non invasivos neste tipo de xacementos en Galicia. Posto que xa se probaran primeiro en Castromao, chegaron a Rueta con expectativas de que podía funcionar ben. Funcionou.
A combinación integrada de todos os datos manexados a partir dos métodos de prospección xeofísica, teledetección con drons e prospección arqueolóxica en superficie permitiulles recoñecer un xacemento moi ben conservado, con ruínas de varios metros de altura, que adiviñan a anterior existencia dun sistema defensivo exterior cunha muralla impoñente, que nalgúns tramos podían acadar os cinco metros. Na contorna recoñécese o uso de bloques de pedra preparados, que leva o equipo encargado da investigación a pensar que a ruína do castro serviu tamén de fonte de aprovisionamento de material construtivo.
Pénsase que a ruína do castro puido servir como fonte de aprovisionamento de material construtivo
No espazo interior do poboado, atoparon unha ducia e media de construcións ocultas baixo os seus pés. “Observábanse unha serie de montículos de terra que ninguén sabía a que correspondian. Unha das hipóteses que traballamos é que fosen restos moi amortizados de ruínas. Verificamos que algúns deses montículos correspóndense con anomalias xeofisicas que podemos identificar como construcións. Noutros casos non observamos nada especial, polo cal continúa a incógnita de a que se deben eses amontoamentos”, explica David Gónzalez-Álvarez, arquéologo do INCIPIT que liderou a expedición xunto a Jesús García, do IAM.
Tamén na zona do interior do castro detectaron actividades que implicaron calor e procesos de combustión. Unha delas corresponderíase con fornos de tamaño importante ou zonas para a produción de cerámica ou artesanía que involucrasen o manexo de calor. Outro dos espazos “ten unha forma un pouco alongada e polas súas dimensións podería ser unha sauna, pero igualmente moitas outras cousas”, completa González-Álvarez.
Métodos non invasivos
Nos últimos 30 anos, a arqueoloxía foi desenvolvendo diferentes tipos de investigación que se agrupan dentro do paraugas dos métodos non invasivos porque non implican escavación. Por exemplo, a teledetección utilizando fotografías aéreas e imaxes satelitais ou métodos de prospección xeofísica con diferentes equipos. En Rueta utilizaron dous métodos diferentes de prospección xeofísica: un magnetómetro e un xeorradar. Traballaron ademais con drons, grazas aos cales puideron facer modelos dixitais do terreo. Estes traballos estendéronse ao longo dunha semana, á que hai que sumar o labor do gabinete e outras dúas semanas de roza do xacemento.
“Os resultados da prospección xeofísica permitíronnos detectar onde recoñecemos a existencia de estruturas circulares e onde non nunha hectárea”
DAVID GONZÁLEZ-ÁLVAREZ, investigador do INCIPIT
Este tipo de técnicas presentan algúns límites, como é a capacidade para adiviñar a cronoloxía, que aproximan á Idade de Ferro. Pero tamén as súas propias vantaxes. “Os resultados da prospección xeofísica —sobre todo co magnetómetro— permitíronnos detectar onde recoñecemos a existencia de estruturas circulares [onde esperarían atopar cabanas agrupadas en conxuntos] e onde non nunha superficie que se achega a unha hectárea”, resume González-Álvarez. Nunha semana de traballo recoñeceron que zonas son máis interesantes para futuras investigacións por esta presenza de trazas de posibles estruturas arqueolóxicas. Así abren a posibilidade de realizar escavacións, necesarias para confirmar as interpretacións feitas en base ás anomalías detectadas.

Eses son os efectos positivos desde a mirada arqueolóxica. Desde unha perspectiva de xestión do patrimonio, a aplicación destas técnicas serve para determinar que zonas hai que protexer con máis celo e máis coidado e que zonas son de interese. Coa ollada no futuro, pode contribuír ao desenvolvemento de proxectos de infraestruturas ou de usos do terreo que poidan afectar a conservación do patrimonio.
Ciencia aberta
Ao estar impulsado por unha asociación cultural, a investigación en Castro de Rueta foi concibido como un proxecto de “ciencia aberta” —como o denomina González-Álvarez— e chamou á participación da veciñanza. “É interesante para que che conten o que che contaban na casa, que é útil para saber, por exemplo, por que ese sitio está ocupado e que relación ten coa súa contorna”, valora o investigador do INCIPIT. As experiencias da poboación axudan a comprender o contexto de afloramentos como o da Pedra do Raio, cuxa crenza popular di que atraía os raios: “Isto revélanos como as comunidades locais foron recoñecendo que ten algo especial e vanlle dando significados distintos para lembrar o especial interese dese punto. Non é tanto importante que caian máis raios alí. O importante é que nos chama a atención”.
