Os rastros dos devanceiros revelan o que somos e o que fomos. Pero, ás veces, os trazos están ocultos. O xacemento de Castromao, en Celanova, é unha boa mostra dos tesouros que aínda non saíron á superficie. Agora, un equipo de arqueólogos, mediante a aplicación dunha técnica pouco invasiva e pioneira en Galicia, veñen de descubrir a existencia de máis cabanas na zona interior do castro. Máis en detalle, atopáronse indicios dunha ducia de estruturas circulares e unha cadrada. Segundo os investigadores, estes achados servirán como referencia para guiar futuras escavacións no castro.
Durante a actuación, os arquéologos usaron tecnoloxía de mínima invasión para descubrir o que está oculto a simple vista. Para iso, empregaron equipos de prospección xeofísica como o magnetómetro e o xeorradar, ademais de drons e GPS de alta resolución. O uso destas tecnoloxías, sen precedentes en Galicia, permitiu unha lectura arqueolóxica máis complexa do poboado castrexo e da súa contorna. Ademais, as prospeccións non só revelaron indicios de numerosas construcións en zonas non escavadas do interior do recinto, senón que tamén se atoparon evidencias máis alá do perímetro amurallado. Así o confirmaron dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, encargado da actuación xunto coa empresa Breogán Arqueoloxía.
“Os resultados son prometedores e insisten na potencialidade de estender este tipo de estudos tanto a novas áreas deste xacemento como a outros castros”, explica David González Álvarez, coordinador da actuación e investigador do Incipit. Durante a prospección, promovida polo Concello de Celanova e financiada pola Xunta de Galicia, tamén se contou coa participación de Jesús García Sánchez, experto en prospección xeofísica do Instituto de Arqueoloxía de Mérida (IAM), tamén vinculado ao CSIC.
Máis alá do perímetro da muralla
Os traballos previos en Castromao nunca se centraran nos sectores exteriores da muralla. Estes espazos non foran, ata o momento, un obxectivo prioritario para os arqueólogos que estudaran este tipo de asentamentos da Idade de Ferro. González asegura que afondar nestes espazos é un “reto investigador pendente”. “Estas zonas poden albergar evidencias arqueolóxicas de interese pouco o nada coñecidas ata a data, como as relacionadas coas zonas de cultivo dos habitantes dos castros, peches para o gando, camiños de acceso, sistemas defensivos externos que puideran ter sido borrados polas actividades agrarias recentes, zonas de actividade artesanal ao exterior dos poboados, ou incluso espazos de prácticas simbólicas”, detalla o arquéologo do Incipit.
Outras evidencias que se poden observar na contorna de asentamentos como o de Castromao son as construcións de época romana que ocuparían as persoas da zona tras producirse o abandono dos poboados castrexos hai menos de 2.000 anos. “En diferentes puntos da aldea, aos pés do castro, coñecíanse dende hai décadas a existencia de materiais romanos que insinuaban ocupacións desa cronoloxía na área. As prospeccións co xeorradar na contorna da igrexa parroquial revelan agora evidencias que se poden interpretar como posibles construcións de planta ortogonal”, apunta García Sánchez. Segundo continúa explicando o arqueólogo, polo trazado e os achados previos, poderían estar ante edificacións de época romana.
A recente escavación partiu dos labores de recuperación do castro, promovidos dende hai anos polo Concello de Celanova. Ademais, a colaboración co Incipit e Breogán Arqueoloxía forma parte dun proxecto máis amplo, financiado conxuntamente polo Concello e a Xunta. Despois da realización desta actuación, o equipo está inmerso na preparación dunha nova proposta de actuación para estender as súas investigacións durante 2022 a novas zonas da contorna do poboado.