Morcegos: a inxusta mala fama dunha especie ameazada en Galicia polos eólicos

A escaseza de crías, a poboación sen controlar e a perda de hábitats son algúns dos problemas que debe enfrontar o quiróptero, único mamífero voador

Un investigador sostén un exemplar de morcego.

Poucas especes tan inxustamente denostadas como o morcego. A cultura xudeocristiá e casoas lendas do leste de Europa contribuiron a mala fama do quiróptero, un animal extraordinario. E que aporta grandes beneficios aos seres humanos, como a regulación da poboación de insectos (especies praga incluídas) e a bioindicación de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira: estudando as súas poboacións podemos detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira. En Galicia, os parques eólicos e o peche de minas amenazan a súa poboación.

O próximo 6 de xullo en Monforte de Lemos e o 12 de xullo en Montederramo celebrarase a Noite dos Morcegos, unha defensa da especie que se leva a cabo en máis de trinta países de toda Europa a través do proxecto EuroBats. Ambas xornadas, organizadas por Adega e Proxecto Ríos, consistirán nunha formación teórica e práctica sobre estes animais como bioindicadores da calidade do bosque de ribeira e correrá a cargo de Xosé Pardavila, investigador e especialista na xestión de fauna salvaxe.

Pardavila destaca o papel ecolóxico fundamental dos morcegos: “Está claro que cando hai morcegos nun lugar, a súa poboación é máis abundante e activa, o bosque está mellor conservado. Hai traballos realizados nas illas británicas, recentemente en Cataluña e inclusive algunha aproximación realizada por nós mesmos no contexto galego que demostran esta relación”.

Polinizadores e controladores de insectos

A pesar da súa relevancia como indicadores de benestar nestes ecosistemas, esta non é a única función que cumpren: “Son dispersores de sementes, polinizadores e tamén controladores biolóxicos de pragas. Algo sinxelo, e egoísta, que permite entendelo ben é que nos axudan a que nos piquen menos mosquitos”, exemplifica.

Neste sentido, o experto explica que a maior parte de aves, as principais depredadoras de insectos, son diurnas, mentres que as que son nocturnas, polo xeral, non se alimentan de hexápodos.: Os morcegos son a excepción. “Están adaptados a vivir de noite para cumprir esta función, porque un só individuo chega a comer cada noite tres cuartas partes do seu peso en insectos. O ecosistema funciona grazas a que todas as pezas están aí”.

Como contrapunto, o investigador sinala o papel dos morcegos como parte do sistema hospedador de numerosas enfermidades, como ocorre en moitos casos da fauna silvestre e como vehículos das zoonoses cada vez máis comúns a causa do cambio climático.

Minas, eólicos e modificación do terreo

Só en Galicia existen entre 24 e 26 especies diferentes de morcegos, pero tamén hai distintas ameazas ás que deben facer fronte para sobrevivir. “Aquí temos escaseza de cavidades naturais, pero hai moitas artificiais por ser unha terra de minas. A partir de accidentes puntuais de persoas, houbo varias accións de peche de minas sen ter en conta a presenza doutras especies pola falta de sensibilidade que hai na poboación”. Outra ameaza moi común para a maior parte da fauna silvestre é a perda de hábitats: o cambio de cultivos é algo moi habitual, como tamé o é a modificación nos terreos e nas paisaxes pola construcción de infraestruturas. Outro punto importante son os praguicidas,. “Hoxe en día non teñen un efecto tan grande, aínda que segue a fumigarse, pero nos anos oitenta e noventa tiñamos o DDT, que foi desastroso, e iso ten un efecto acumulativo”, afirma.

Con todo, o experto non dubida ao sinalar a causa máis importante de mortalidade non natural: os parques eólicos. “Quizais antes non se falaba tanto no efecto directo que teñen e é algo importante en todo o estado, pero especialmente en Galicia onde vemos a proliferación que hai”, apunta.

Unha poboación sen controlar

Tendo en conta a cantidade, e a gravidade, de ameazas ás que deben facer fronte os morcegos, cabería esperar que a súa poboación diminuíra con respecto ás décadas anteriores, mais a realidade é que non hai datos fiables. “O que podemos dicir é que a nivel global as poboacións de morcegos están en declive grave, especies que eran comúns están tendendo a desaparecer ou a ser máis raras, pero en Galicia non temos ningún indicador, e se existe, non están publicados nin dispoñible”, declara Pardavila.

Así, relata os intentos que se foron sucedendo dende principios dos anos noventa, cando distintos grupos e asociacións xurdiron co propósito de avaliar o problema ao tempo que buscaban reducir os danos ocasionados polos peches de minas sen seguir as recomendacións internacionais e estatais, “que permiten que sexa compatible manter a seguridade para as persoas e a conservación das especies”.

“É un animal que non ten moitas crías de cada vez, o que condiciona a súa supervivencia”

XOSÉ PARDAVILA, experto en xestión de fauna salvaxe

Con todo, Pardavila tamén sinala que aínda que houbo unha avaliación oficial en practicamente todas as comunidades autónomas e nalgunhas se mantivo esa liña de traballo, no caso galego apenas se fixo un seguimento. “Podemos falar dun refuxio concreto que coñecemos hai 20 anos e que agora non existe, ou observar se a poboación puntual dun lugar diminuíu ou aumentou, pero non podemos aseverar nada a nivel galego”.

Á dificultade de controlar a poboación existente, co problema que isto supón para previr a desaparición de especies, tamén hai que engadir a particularidade dos morcegos no tocante á reprodución: “Podería esperarse que tiveran unha estratexia similar á dos ratos, pero é máis ben como a nosa ou como a dos elefantes. Son animais que teñen unha longa vida e que teñen moitas crías ao longo da súa vida, pero non teñen moitas crías de cada vez. O efecto que nós podemos ter na especie destrozando unha colonia de cría hoxe non o veriamos ata dentro de dez anos“, explica.

Precisamente por estes motivos e ameazas, a maior parte das especies de morcegos están protexidas e, nas palabras do investigador, todas as clases cavernícolas existentes en Galicia están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerables.

Fama mal atribuída

Tendo en conta os beneficios ecolóxicos demostrados dos morcegos, podería resultar estraño o rexeitamento xeral que hai cara a estes animais, pero para o investigador está ben claro: “O medo ao descoñecido, alimentado pola crenza de que todo o nocturno é malo, fai que sexan especies moi temidas, igual que ocorre no caso das curuxas ou dos mouchos”.

Para Pardavila, a mala fama que teñen os morcegos está directamente ligada coa cultura xudeocristiá e coas lendas do leste de Europa: “O continente americano é o único sitio do mundo onde hai morcegos hematófagos. Son só tres especies, mentres que no mundo hai entre 1.400 e 1.800 clases de morcegos, polo que a porcentaxe das que se alimentan de sangue é insignificante”. E aínda que na cultura amerindia tradicional víanse tanto como deidades positivas como negativas, “cando chegaron os conquistadores coa súa fe relixiosa tan grande vírono como algo demoníaco“. Paralelamente, engade, no leste de Europa xurdiron personaxes como Vlad ou Erzsébet Báthory, lendas que foron alimentadas coa publicación de Drácula de Bram Stoker. “E agora puidemos ver de novo este rexeitamento coa desinformación e a posverdade da pandemia, que están moi relacionadas coa ignorancia, porque temos un grave problema co coñecemento científico”.

“O morcego é o único mamífero realmente voador”

XOSÉ PARDAVILA, experto en xestión de fauna salvaxe

Non obstante, a pesar desta mala fama, o investigador sinala que son animais bastante inofensivos, sendo os únicos perigos as interaccións directas con eles, ben porque as persoas os molestan ou podan acabar infectadas: “Igual que ocorre nun lugar con acumulación de ratos; son animais salvaxes, numerosos e coloniais, polo que teñen facilidade para acumular enfermidades, do mesmo xeito que tamén o facemos os seres humanos. Pero unha vez que te achegas a eles con respecto cambia a túa percepción: o morcego é o único mamífero realmente voador, é algo moi único”.

Así, o experto tamén é claro con respecto a outorgar máis ou menos valor ás especies en función da súa utilidade: “Todas as especies formamos parte dun medio, e se todo funciona ben é porque cada unha ocupa o seu sitio. Pensar na función ou na utilidade dun animal concreto é un pensamento moi produtivista“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.